Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 2

A humildade

A humildade

QUE É?

As persoas humildes son respectuosas. Non son arrogantes nin esperan que se lles dea un trato especial. Ó contrario, interésanse de verdade polos demais e están dispostas a aprender doutros.

Algunhas persoas pensan que a humildade é unha mostra de debilidade, pero, en realidade, é unha fortaleza porque nos axuda a recoñecer as nosas debilidades e limitacións.

POR QUE É IMPORTANTE?

  • Axudaralles ós teus fillos a ter máis amigos. O libro La epidemia del narcisismo di que normalmente “a xente humilde está máis conectada ós demais” e que lles é “máis fácil relacionarse con outros e co mundo en xeral”.

  • Axudaralles ós teus fillos no futuro. Aprender a ser humilde axudaralles ós teus fillos agora e no futuro, por exemplo, cando busquen traballo. O doutor Leonard Sax escribiu: “Un rapaz coa autoestima inchada, que non é consciente das súas propias limitacións, non saberá saír airoso nunha entrevista de traballo, pero o que demostre un interese auténtico polo que está dicindo o seu entrevistador terá máis posibilidades de logralo”. a

COMO AXUDARLLES A SER HUMILDES

Axúdalles a ter un punto de vista equilibrado sobre si mesmos.

PRINCIPIO BÍBLICO: “O que, así polas boas, coida que é algo, non sendo nada, a quen engana é a si mesmo” (Gálatas 6:3).

  • Evita as frases enganosas. Dicir frases como “tódolos teus soños se farán realidade” ou “podes conseguir todo o que te propoñas” pode parecer moi motivador, pero a maioría das veces non se cumpren. Se os teus fillos se poñen obxectivos razoables e se esforzan por alcanzalos, probablemente lles irá mellor na vida.

  • Felicítaos por cousas específicas. Dicirlles ós teus fillos que son os mellores non lles vai axudar a ser humildes. Intenta ser específico.

  • Controla o uso que lle dan os teus fillos ás redes sociais. Con frecuencia, a xente usa as redes sociais para chamar a atención sobre si mesma e presumir das súas habilidades ou logros, e iso é totalmente contrario a ser humilde.

  • Anima os teus fillos a pedir perdón. Cando os teus fillos cometan un erro, axúdalles a recoñecelo e a pedir desculpas canto antes.

Ensínalles a ser agradecidos.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Sede tamén agradecidos” (Colosenses 3:15).

  • Pola creación. Os nenos deberían valorar a natureza e comprender que dependemos dela para vivir. Por exemplo, necesitamos aire para respirar, auga para beber e alimento para comer. Con razoamentos coma estes conseguirás que respecten, admiren e agradezan as marabillas da creación.

  • Polas boas calidades dos demais. Recórdalles ós teus fillos que, dunha forma ou doutra, os demais son superiores a eles e que, en vez de ter envexa das súas calidades, poden aprender deles.

  • Ensínalles a mostrar agradecemento. Ensínalles ós teus fillos a dar as grazas, non só de palabra, senón de corazón. A gratitude é esencial para ser humildes.

Ensínalles a importancia de axudarlles ós demais.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el. Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros” (Filipenses 2:3, 4).

  • Pídelles ós teus fillos que che axuden coas tarefas da casa. Non deixar que os teus fillos fagan tarefas na casa é como dicirlles: “Sodes demasiado importantes para facer estas cousas”. Axudar na casa ten que ser o primeiro, e xogar, o segundo. Explícalles canto lles beneficia a outros que eles fagan a súa parte e canto os valorarán e respectarán por iso.

  • Failles ver que facer cousas por outros é un privilexio. Facer cousas polos demais é unha das mellores formas de madurar. Axúdalles ós teus fillos a pensar quen necesita axuda e que poden facer por esa persoa. Felicítaos e anímaos cando fagan algo polos demais.

a Do libro El colapso de la autoridad.