Ir ó contido

Deportes extremos. Deberías arriscarte?

Deportes extremos. Deberías arriscarte?

O punto de vista bíblico

Deportes extremos. Deberías arriscarte?

CADA VEZ SOMOS MÁIS OS QUE ABANDONAMOS O ASENTO DO ESPECTADOR PARA LANZARNOS DENDE UN AVIÓN, DESCENDER POR UNHA MONTAÑA FACENDO RAPEL, BAIXAR POR FERVENZAS EN KAYAK E BUCEAR CON TIBURÓNS” (PERIÓDICO WILLOW GLEN RESIDENT).

ESTE comentario describe moi ben unha tendencia cada vez máis estendida no mundo do deporte. O significativo aumento da popularidade de actividades como o paracaidismo, a escalada en xeo, o voo en parapente e o salto base a é un reflexo da fascinación que sente o mundo polos riscos. Ademais, hai deportistas que empregan táboas de snowboard, bicicletas de montaña, monopatíns e patíns en liña para ir tras retos cada vez máis difíciles, asumindo como desafío montañas máis escarpadas, acantilados máis altos e distancias cada vez máis grandes para saltar. Como explica a revista Time, a crecente popularidade dos deportes de risco reflicte a ansia que teñen millóns de persoas de situarse “no límite metafórico onde o perigo, a habilidade e o medo se combinan para transmitirlles ós guerreiros de fin de semana e ós deportistas profesionais a sensación de estar superando os seus propios límites”.

Non obstante, o aumento na popularidade deste tipo de actividades vén acompañado dun alto custo. Cada vez máis persoas sofren os danos de levar ó extremo deportes que son relativamente seguros. En 1997, as salas de urxencias dos Estados Unidos rexistraron un aumento do 33% nas lesións ocasionadas por andar en monopatín, do 31% nas causadas por practicar snowboard e do 20% nas ocasionadas por facer escalada. Noutras modalidades os resultados son aínda máis tráxicos, como indica o crecente número de mortes relacionadas cos deportes extremos. Pero os que defenden este tipo de deporte están conscientes dos perigos ós que se expoñen. Unha muller que practica esquí de alto risco di: “Inconscientemente, sempre teño a morte na cabeza”. Un profesional do snowboard resume o seu criterio da seguinte maneira: “Se non te fas dano é que non te estás esforzando o suficiente”.

En vista do analizado ata agora, como deben ver os cristiáns participar neste tipo de actividades? Como nos pode axudar a Biblia a decidir se debemos practicar deportes extremos? Para responder estas preguntas, analicemos o valor que ten a vida para Deus.

Como ve Deus a vida

A Biblia ensínanos que Xehová é “a fonte da vida” (Salmo 36:10 [36:9, TNM]). Ademais de crear os seres humanos, tamén se preocupou de darnos todo o que necesitabamos para desfrutar da vida (Salmo 139:14; Feitos 14:16, 17; 17:24-28). Polo tanto, é lóxico concluír que espera que coidemos do marabilloso regalo que nos fixo. As leis e os principios que Deus lle deu á nación de Israel axúdannos a comprender este punto.

A Lei mosaica esixía que cada cidadán adoptase medidas para a protección do próximo. Se non se aplicaban estas medidas e alguén perdía a vida, considerábase culpable da morte á persoa que puido evitar a traxedia. Por exemplo, o dono da casa tiña que construír un muro baixo ou varanda ó redor da azotea da súa vivenda. De non facer isto, caería sobre el a culpa de sangue se alguén morría ó caer dende esa altura (Deuteronomio 22:8). Se un boi corneaba inesperadamente a alguén, non se consideraba responsable ó dono do animal. Pero, se o dono xa sabía que o animal era perigoso, e xa se lle avisara pero non fixera nada para telo ben vixiado, entón considerábaselle culpable da morte da vítima corneada e mesmo podía chegar a ser executado (Éxodo 21:28, 29). Como a vida é preciosa ós ollos de Xehová, a súa Lei transmitía que conservala e protexela era moi importante.

Os servos fieis de Deus comprendían que aqueles principios tamén aplicaban ós riscos que podían asumir. Nunha ocasión, o rei David dixo que lle gustaría “beber auga do depósito que está ás portas de Belén”, unha cidade que naquela época estaba baixo o dominio dos filisteos. Ó saber dos desexos de David, tres dos seus soldados abríronse paso pola forza no campamento dos filisteos, sacaron auga da cisterna de Belén e leváronlla a David. Como reaccionou el? Negouse a tomala, derramouna no chan e dixo: “‘¡Líbreme Deus de facer tal cousa! Sería como bebe-lo sangue destes homes que con risco da súa vida foron alá’ (porque era certamente con risco das súas vidas como a trouxeran)” (1 Crónicas 11:17-19). Para David era impensable poñer en perigo unha vida para a súa satisfacción persoal.

A reacción de Xesús foi moi parecida cando, probablemente nunha visión, o Demo o tentou dicíndolle que se tirase dende a atalaia do templo para ver se os anxos o protexían de todo dano. Xesús respondeu: “Non tentará-lo Señor, o teu Deus” (Mateo 4:5-7). Queda claro que tanto David como Xesús recoñecían que arriscar a vida de forma innecesaria estaba mal ós ollos de Deus.

Tendo en conta estes exemplos, poida que nos preguntemos: “Que deportes se poden clasificar como extremos ou perigosos? En vista de que algunhas persoas levan ó límite deportes que en si non son perigosos, como podemos saber ata onde chegar para practicalos dunha forma segura?”.

Vale a pena o risco?

Avaliar con sinceridade a actividade que estamos pensando practicar axudaranos a tomar unha boa decisión. Por exemplo, poderiamos preguntarnos: “Con que frecuencia sofre a xente accidentes neste deporte? Conto coa preparación ou co equipo adecuado para evitar facerme dano? Que consecuencias tería unha caída, un erro de cálculo ó saltar ou un fallo no equipo de seguridade? Só me mancaría un pouco, ou existe a posibilidade de sufrir feridas graves ou mesmo de perder a vida?”.

Expoñerse a riscos innecesarios por diversión pode afectar á relación que un cristián ten con Xehová, así como á posibilidade de ter privilexios dentro da congregación (1 Timoteo 3:2, 8-10; 4:12; Tito 2:6-8). Polo tanto, os cristiáns fan ben en pensar no punto de vista que ten Deus sobre a santidade da vida, incluso cando participan en actividades de ocio.

[Nota]

a O salto base consiste en saltar en paracaídas dende bases fixas como edificios, antenas, pontes ou acantilados. Considérase un deporte tan perigoso que está prohibido polo National Park Service dos Estados Unidos dentro da súa xurisdición.