Ir ó contido

A súa maneira de vestir era un tropezo para min

A súa maneira de vestir era un tropezo para min

A súa maneira de vestir era un tropezo para min

RELATADO POR EILEEN BRUMBAUGH

CRIEIME nunha relixión moi parecida á dos amish e á dos menonitas, a Antiga Orde de Irmáns Bautistas Alemáns. Este movemento empezou en Alemaña en 1708 como parte dun despertar espiritual chamado pietismo. Segundo di The Encyclopedia of Religion o pietismo era característico pola súa “visión da humanidade necesitada do evanxeo de Cristo”. Foi ese punto de vista o que levou a estas persoas a facer campañas misioneiras en diferentes países con bastante éxito.

En 1719 un pequeno grupo dirixido por Alexander Mack chegou ó estado de Pensilvania, nos Estados Unidos. Desde entón fóronse dividindo en diferentes igrexas, cada unha coa súa propia interpretación das ensinanzas de Mack. Eu pertencía a unha moi pequena, de só 50 membros. Para nós era moi importante a lectura da Biblia e seguir con coidado as decisións que tomase a igrexa.

Durante polo menos tres xeracións, a miña familia foi fiel a esta relixión e ó seu estilo de vida. Eu bauticeime cando tiña 13 anos. Aprendín que estaba mal ter ou usar coches, tractores, teléfonos, radios ou calquera aparello eléctrico. As mulleres vestiámonos de forma sinxela, non nos cortabamos o pelo e sempre levabamos a cabeza cuberta. Os homes deixábanse barba. Na nosa opinión, non ser parte do mundo incluía non poñernos roupa moderna, maquillaxe ou xoias, pois para nós isto era unha mostra de arrogancia.

Tamén se nos ensinaba a ter un profundo respecto pola Biblia, que para nós era o alimento espiritual. Cada mañá antes de almorzar, xuntabámonos na sala e escoitabamos a papá ler e facer uns comentarios sobre un capítulo da Biblia. Entón, poñiámonos de xeonllos e escoitabámolo facer unha oración. Despois, mamá rezaba o pai noso. Eu sempre esperaba con moitas ganas estas ocasións porque se xuntaba toda a familia para concentrarse en cousas espirituais.

Viviamos nunha finca cerca de Delphi, en Indiana, onde plantabamos diferentes tipos de verduras que despois levabamos á cidade, coa axuda do noso carro e do noso cabalo, para vendelas na rúa ou de casa en casa. Criamos que o traballo duro era parte do noso servizo a Deus, así que nos centrabamos en facelo, excepto os domingos, eses días non faciamos ningún “traballo servil”. Aínda así, ás veces a granxa dábanos tanto traballo que nos era difícil cumprir con ese mandato.

Matrimonio e familia

En 1963, cando tiña 17 anos, casei con James, outro membro da miña mesma relixión, á que pertencía a súa familia desde que empezaron os seus bisavós. Os dous tiñamos un forte desexo de servir a Deus e criamos que a nosa era a única relixión verdadeira.

No ano 1975 xa tiñamos seis fillos, e en 1983 naceu o sétimo e último dos noso fillos. Só tivemos unha nena, Rebeca, a segunda en nacer. Traballabamos moito, gastabamos pouco, e levabamos unha vida sinxela. Intentamos ensinarlles ós nosos fillos os mesmos principios bíblicos que aprenderamos dos nosos pais e doutros membros da igrexa.

A nosa relixión dáballe moita importancia o aspecto físico. Criamos que, como é imposible ler o corazón das persoas, a maneira de vestir revelaba o que hai no seu interior. Por iso viamos como unha mostra de orgullo se alguén se peiteaba moito ou se alguén usaba estampados moi grandes nos vestidos tan sinxelos que tiñamos. Ás veces estas cuestións parecían máis importantes que as propias Escrituras.

Unha experiencia en prisión

A finais dos anos 60, o meu cuñado Jesse, que tamén se criara na nosa relixión, tivo que ir ó cárcere por negarse a servir no exército. Mentres estivo alí coñeceu as testemuñas de Xehová, que tamén opinan que ir á guerra non é compatible cos principios Bíblicos (Isaías 2:4; Mateo 26:52). Jesse tivo moitas conversacións bíblicas con eles e puido ver de primeira man as súas boas calidades. Despois de estudar profundamente a Biblia, bautizouse como Testemuña de Xehová, e iso non nos gustou nadiña.

Jesse falou co meu home das cousas que aprendera e encargouse de que recibise periodicamente as revistas A Atalaia e Despertade! Ó lelas aumentou o interese de James pola Biblia. Aínda que James sempre tivo o desexo de servir a Deus, moitas veces sentíase lonxe del, polo que lle interesaba moito todo o que puidese axudarlle a acercarse a Deus.

Os anciáns da nosa igrexa animáronnos a ler revistas relixiosas dos amish, dos menonitas e de calquera das faccións da Antiga Orde, aínda que considerabamos que eran parte do mundo. Meu pai tiña moitos prexuízos contra as testemuñas de Xehová e opinaba que nunca debiamos ler as súas revistas. Por iso, cando vin a James léndoas case me desmaio porque tiña medo de que crese algunha ensinanza falsa.

O certo é que James levaba tempo cuestionándose algunhas ensinanzas da nosa relixión que lle parecían antibíblicas, sobre todo que fose pecado facer calquera “obra servil” en domingo. Por exemplo, a Antiga Orde ensinaba que, nese día, podíase dar de beber ós teus animais pero non arrancar as malas herbas, e os anciáns da igrexa non eran capaces de mostrarlle a base bíblica desta regra. A min tamén me foron entrando dúbidas sobre esas doutrinas.

Como durante moitos anos créramos que a nosa era a relixión verdadeira e sabiamos que pasaba cando marchabas, facíasenos difícil deixala. Aínda así, as nosas conciencias xa non nos deixaban estar nunha relixión que non era totalmente fiel á Biblia. Por ese motivo, en 1983, escribimos unha carta explicando as nosas razóns para marchar e pedimos que se lese á congregación. Como consecuencia fomos expulsados da igrexa.

En busca da relixión verdadeira

A partir dese momento empezamos a nosa busca da relixión verdadeira. Buscabamos unha relixión coherente na que fixesen o que predicaban. En primeiro lugar, descartamos as relixións que participaban na guerra. Ademais, seguíannos atraendo as relixións “sinxelas”, porque criamos que vestirse e vivir de maneira simple eran proba de non formar parte do mundo. Entre 1983 e 1985 dedicamos tempo a viaxar por todo o país investigando unha relixión tras outra: menonitas, cuáqueros e outras igrexas “sinxelas”.

Durante aquela época, as testemuñas de Xehová visitáronnos varias veces na nosa granxa, cerca de Camden, en Indiana. Nós escoitabámolos, pero pediámoslles que só usasen a Biblia King James Version. Eu respectábaos pola súa postura ante as guerras, pero érame moi difícil escoitalos porque non vían a necesidade de vestir de maneira sinxela para separarse do mundo, e por iso non encaixaban no meu concepto de relixión verdadeira. Eu sentía que era o orgullo o que motivaba as persoas a vestirse desa maneira, e que ter moitas cousas tamén fomentaba ese sentimento.

James empezou a ir ó Salón do Reino das testemuñas de Xehová, e ás veces, levaba a algún dos nenos con el, iso enfadoume moito. El invitábame a que o acompañase pero eu non quería. Entón un día díxome: “Aínda que non esteas de acordo con tódalas súas ensinanzas, vén a ver por ti mesma como se tratan uns ós outros”, porque iso impresionábao moito.

Ó final, aceptei ir con eles, pero tendo moito coidado. Eu entrei no Salón co meu vestido sinxelo e a cabeza cuberta coa cofia e algúns dos nosos fillos ían descalzos e tamén con roupa sinxela. Aínda así, as testemuñas viñeron onda nós e tratáronnos con cariño. Eu pensei: “Somos diferentes pero acéptannos igualmente”.

Quedei impresionada pola actitude tan cariñosa que tiñan, pero aínda así, decidín simplemente observar, nin sequera me poñía de pé cando cantaban as súas cancións. Despois da reunión fíxenlles moitísimas preguntas sobre cousas que pensaba que non estaban facendo ben ou sobre que significaba certo texto da Biblia. Aínda que non fun moi amable, tódalas persoas ás que lles preguntaba algo interesábanse de verdade en min. Tamén me sorprendía moito ver que se lles facía a mesma pregunta a diferentes persoas, as respostas non eran contraditorias. Ás veces poñíanme por escrito as respostas, e iso érame moi útil porque así podía repasalas máis tarde.

No verán de 1985, fomos en familia a un congreso das Testemuñas de Xehová en Memphis, Tennessee, pero só para ver como era. James aínda tiña barba e aínda iamos vestidos con roupa sinxela. Nos descansos entre sesións era raro o momento no que non viñese alguén a falar con nós. Encantounos recibir tantas mostras de cariño, interese e hospitalidade. Tamén nos impresionou a súa unidade, porque sen importar onde fósemos, as ensinanzas eran as mesmas.

James, conmovido polo interese persoal que mostraban as testemuñas, aceptou un curso da Biblia. El examinou todo con coidado porque quería estar seguro do que aprendía (Feitos 17:11; 1 Tesalonicenses 5:21). Co tempo, James sentiu que encontrara a verdade, pero eu estaba dividida, porque quería facer o que estaba ben pero non quería “modernizarme” nin parecer “mundana”. A primeira vez que aceptei recibir un curso da Biblia, senteime coa King James Version nunha perna e coa Traducción del Nuevo Mundo, que era máis moderna, na outra. Comprobaba cada un dos versículos nas dúas traducións para estar segura de que non me enganaban.

Como cheguei a estar convencida

Ó estudar coas testemuñas de Xehová, aprendemos que o noso Pai Celestial é un só Deus, non tres en un, e que nós non temos unha alma inmortal senón que somos almas (Xénese 2:7; Deuteronomio 6:4; Ezequiel 18:4, TNM; 1 Corintios 8:5, 6). Tamén descubrimos que o inferno non é un lugar de tormento con lume, senón a sepultura común da humanidade (Xob 14:13, TNM; Salmo 16:10, TNM; Eclesiastés 9:5, 10, TNM; Feitos 2:31, TNM). Aprender a verdade sobre o inferno foi algo moi importante para min porque na miña anterior relixión ninguén se poñía de acordo.

Aínda así, seguía tendo dúbidas de que as Testemuñas de Xehová fosen a relixión verdadeira, pois para min eran parte do mundo por non vivir unha vida “sinxela”, algo que eu consideraba imprescindible. Non obstante, ó mesmo tempo dábame conta de que estaban cumprindo co mandato de Xesús de predicar as boas noticias do Reino a todo o mundo. Estaba moi confundida! (Mateo 24:14; 28:19, 20).

Nesta etapa tan crítica, o amor das Testemuñas foi o que me axudou a seguir coa miña investigación. Toda a congregación se interesaba pola miña familia. Moitos irmáns da congregación viñan visitarnos, ás veces coa escusa de comprarnos leite ou ovos. Empezamos a velos como xente boa de verdade. En vez de evitar parar na nosa casa cando pasaban por alí, porque xa estabamos estudando cunha testemuña, os irmáns da congregación sempre se acercaban a vernos. Necesitabamos desesperadamente esas visitas para coñecelos mellor, así puidemos comprobar o seu sincero interese e amor.

Os da congregación da zona non eran os únicos que demostraban ese interese sincero. Mentres eu lle daba voltas ó asunto da vestimenta e do aspecto, unha irmá dunha congregación próxima, chamada Kay Briggs, que tiña como preferencia persoal non usar maquillaxe e vestir de forma sinxela, veu a visitarme. Estaba moi cómoda con ela e sentía que lle podía falar con máis liberdade. Noutra ocasión veu a visitarme o irmán Lewis Flora. El tamén se criara nunha relixión que valoraba a vida “sinxela”, e puido notar en min o dilema interno que tiña, así que, envioume unha carta de dez páxinas para intentar tranquilizar a miña mente. A súa amabilidade fíxome chorar. Lin a súa carta moitas veces.

Pedinlle a un superintendente viaxante chamado O’Dell que me explicase Isaías 3:18-23 e 1 Pedro 3:3, 4. Díxenlle: “Non din estes versículos que para lle agradar a Deus hai que levar roupa sinxela?”. El razoou o seguinte: “Hai algo de malo en levar unha cofia? É pecado facerse trenzas?”. Na Antiga Orde faciámoslles trenzas ás nenas e nós levabamos cofia, así que, deime conta da incoherencia e quedei impresionada pola paciencia e amabilidade do superintendente.

Pouco a pouco funme convencendo, pero había un asunto que aínda me preocupaba moito: que as mulleres cortasen o pelo. Os anciáns da congregación razoaron comigo e dixéronme que a algunhas mulleres lles crece o pelo máis que a outras, eran por iso mellores? Tamén me axudaron a entender o papel que ten a conciencia no tema do noso aspecto e vestimenta e déronme información para que a puidese ler na casa.

Facemos o que aprendemos

Estabamos buscando bos froitos e atopámolos. Xesús dixo: “Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros” (Xoán 13:35). Estabamos convencidos de que as testemuñas de Xehová demostran amor verdadeiro. Aínda así, foi unha etapa confusa para os nosos fillos maiores Nathan e Rebecca, porque xa aceptaran a relixión da Antiga Orde e se bautizaran como membros dela. Pero ó final, chegáronlles ó corazón as verdades bíblicas que lles explicamos e o amor que viron nas testemuñas.

Rebecca, por exemplo, sempre quixo ter unha relación estreita con Deus. Fíxoselle máis fácil orarlle despois de saber que non fai que as nosas accións ou o futuro estean predestinados. Tamén se sentiu máis cerca del cando entendeu que non formaba parte dunha trindade misteriosa, senón que era un ser real que podía imitar (Efesios 5:1). E alegroulle moito non ter que usar algúns termos arcaicos da King James Version cando lle falaba. Cando aprendeu como quere Deus que lle oremos, e tamén sobre o seu gran propósito de que a humanidade viva para sempre na Terra feita un paraíso, sentiuse máis cerca ca nunca do Creador (Salmo 37:29; Apocalipse 21:3, 4).

Privilexios dos que desfrutamos

No verán de 1987 bautizáronse como testemuñas de Xehová Nathan, Rebeca, George, Daniel e John, os nosos cinco fillos máis maiores, e tamén James e máis eu. Harley bautizouse en 1989 e Simon en 1994. Toda a nosa familia cumpre fielmente coa comisión que Xesucristo lles deu ós seus discípulos, proclamar as boas noticias do Reino de Deus.

Os nosos cinco fillos máis vellos: Nathan, George, Daniel, John e Harley, así como a nosa filla Rebecca, serviron na sucursal das Testemuñas de Xehová dos Estados Unidos. George aínda está alí despois de catorce anos, e Simon, que acabou os estudos en 2001, tamén empezou a servir alí desde hai pouco. Tódolos nosos nenos foron nomeados anciáns ou servos ministeriais nalgunha congregación das Testemuñas de Xehová. O meu home serve como ancián na congregación de Thayer, en Missouri, e eu estou moi ocupada na predicación.

Xa temos tres netos: Jessica, Lastisha e Caleb. Estamos moi contentos de ver que os seus pais lles están transmitindo o seu amor por Xehová nos seus corazonciños. Como familia, alegrámonos moito de que Xehová nos atraese a el e nos axudase a identificar o pobo que leva o seu nome polo amor que demostran.

Comprendemos ben as persoas que teñen un gran desexo de agradarlle a Deus pero que teñen a súa conciencia máis moldeada polo seu entorno que pola Biblia. Esperamos que cheguen a desfrutar da alegría que sentimos nós cando imos de casa en casa, pero non vendendo produtos agrícolas, senón anunciando a mensaxe do Reino de Deus e as marabillas que realizará. Énchenseme os ollos con lágrimas de agradecemento ó recordar a paciencia e o amor que nos mostrou o pobo que leva o nome de Xehová.

[Imaxe]

Cando tiña uns sete anos, e despois de maior.

[Imaxe]

James, George, Harley e Simon, vestidos con roupa sinxela.

[Imaxe]

Esta foto miña levando produtos da granxa ó mercado apareceu nun periódico local.

[Créditos da imaxe]

Journal and Courier, Lafayette, Indiana

[Imaxe]

A nosa familia hoxe