Ir ó contido

Ir ó índice

Por que precisamos ter esperanza?

Por que precisamos ter esperanza?

Por que precisamos ter esperanza?

QUE pasaría se Daniel, o neno do artigo anterior, non perdese a esperanza? Superaría o cancro? Estaría vivo hoxe? É posible que nin sequera os defensores máis apaixonados da idea de que a esperanza pode mellorar a saúde se atrevesen a responder afirmativamente. E ese é un detalle importante: a esperanza non debe sobreestimarse. Non é un remedio que o cura todo, unha panacea.

Nunha entrevista realizada pola cadea CBS News, o doutor Nathan Cherney advertiu do perigo de esaxerar o poder da esperanza ó tratar con enfermos graves. Dixo: “Tivemos casos de maridos que lles reprochaban ás súas mulleres porque non meditaban bastante ou porque non eran o suficientemente optimistas. Ese modo de pensar crea unha falsa ilusión de control, e cando o enfermo non mellora, é coma se se lle dixese que non controlou o seu tumor ben dabondo, e iso non é xusto”.

O certo é que quen loita contra unha enfermidade terminal está a librar unha intensa e esgotadora batalla. O último que quererían facer os seus é engadirlle un sentimento de culpabilidade. Entón, deberiamos concluír que a esperanza non serve para nada?

Para nada. O mesmo doutor Cherney, por exemplo, é especialista en coidados paliativos, é dicir, tratamentos que, no canto de centrarse en combater a enfermidade ou tratar de prolongar a vida, van encamiñados a que a existencia do paciente sexa máis cómoda e agradable namentres dure a súa loita. Os profesionais dese campo médico cren firmemente no valor dos tratamentos que melloran o estado de ánimo, mesmo no caso dos enfermos máis graves. Hai abundante testemuño de que a esperanza pode facer iso e máis.

O valor da esperanza

“A esperanza é unha poderosa terapia”, afirma o doutor e xornalista médico W. Gifford-Jones, quen examinou varios estudos sobre o valor do apoio emocional que se lles brinda ós enfermos terminais. Dise que este tipo de apoio axuda ós pacientes a manter a esperanza e o optimismo. Un estudo efectuado en 1989 mostrou que os pacientes que recibiron tal apoio sobreviviron máis tempo. Malia que unha investigación máis recente non foi tan contundente, en xeral os estudos confirmaron que os pacientes que reciben apoio emocional sofren menos depresión e dor que os demais.

Examinemos outra investigación sobre os efectos do optimismo e do pesimismo na cardiopatía isquémica. Avaliouse meticulosamente a máis de mil trescentos homes para ver se tiñan unha actitude optimista ou pesimista sobre a vida. Dez anos despois avaliáronse de novo, e descubriuse que máis dun 12% deles padeceran algún tipo de cardiopatía isquémica. Destes, case o dobre eran pesimistas. Laura Kubzansky, profesora adxunta de saúde e conduta social da Facultade de Saúde Pública de Harvard, comenta: “Case tódalas evidencias que apoiaban a idea de que ‘o modo de pensar positivo’ é bo para a saúde eran anecdóticas. Este estudo proporciona algunhas das primeiras probas realmente médicas sobre a veracidade deste criterio no ámbito das cardiopatías”.

Algunhas investigacións demostraron que quen pensa que ten mala saúde tarda máis en recuperarse dunha operación cós que consideran que o seu estado é óptimo. Mesmo se viu unha relación entre o optimismo e a lonxevidade. Un estudo examinou como lles afectan ós maiores os criterios positivos e negativos sobre o envellecemento. Cando se expuxo a persoas maiores a mensaxes breves que asociaban a vellez cunha maior sabedoría e experiencia, camiñaban con máis enerxía. De feito, a melloría era comparable á obtida tras doce semanas de exercicios de fortalecemento.

A que se debe que emocións coma a esperanza, o optimismo e unha actitude positiva parezan beneficiar a saúde? Poida que a medicina e a ciencia aínda non comprendan dabondo a mente e o organismo humano para ofrecer respostas definitivas. Pero os especialistas que investigan o tema poden facer conxecturas con certa base. Por exemplo, un profesor de neuroloxía indica: “É agradable estar feliz e esperanzado. É un estado positivo que produce moi pouca tensión e beneficia moito o organismo. É outra cousa na que un pode poñer da súa parte para manterse saudable”.

Esta idea quizais pareza innovadora para algúns médicos, psicólogos e científicos, pero non para os estudantes da Biblia. Hai case tres mil anos, o sabio rei Salomón escribiu o seguinte por inspiración divina: “Ánimo ledo, corpo rufo; o espírito abatido seca a cana dos ósos” (Proverbios 17:22). Que declaración tan equilibrada! Non di que o ánimo ledo vaia curar tódalas doenzas, simplemente que fai que un teña o “corpo rufo” ou san.

De feito, cabería preguntar: Se a esperanza fose un medicamento, que médico non a receitaría? Ademais, a esperanza ten beneficios que van moito máis aló do ámbito da saúde.

Os efectos do optimismo e o pesimismo na nosa vida

Os investigadores descubriron que as persoas optimistas obteñen moitos beneficios da súa actitude positiva. Adoitan render máis nos seus estudos, no traballo e ata nos deportes. Por exemplo, realizouse unha investigación cun equipo feminino de atletismo. Os adestradores achegaron avaliacións completas das aptitudes estritamente atléticas das mulleres; ó mesmo tempo, elas mesmas foron entrevistadas e avaliouse o seu nivel de esperanza. Ó final, o grao de esperanza das atletas contribuíu máis a predicir o seu rendemento que todos os datos recompilados polos seus adestradores. Por que inflúe tanto a esperanza?

Aprendeuse moito ó estudar o contrario do optimismo: o pesimismo. Durante a década de 1960 descubriuse algo inesperado sobre a conduta dos animais que fixo que os investigadores acuñasen a expresión “resignación aprendida”. Estes observaron que os seres humanos tamén podían padecer unha síndrome similar. Por exemplo, expúxose a unha serie de individuos a un ruído desagradable e díxoselles que podían detelo aprendendo a pulsar uns botóns en certa secuencia. Todos lograron facelo.

Repetiuse a proba con outros individuos, pero cando pulsaron os botóns, o ruído non desapareceu. Como era de esperar, moitos participantes da segunda proba resignáronse. En probas posteriores dubidaron en tomar calquera tipo de acción, pois estaban convencidos de que nada do que fixesen cambiaría a situación. Pero mesmo nese segundo grupo, os optimistas non cederon a ese sentimento de resignación.

O doutor Martin Seligman, que axudou a preparar algúns daqueles primeiros experimentos, viuse impulsado a dedicarse ó estudo do optimismo e o pesimismo. Afondou no modo de pensar das persoas con tendencia á resignación e concluíu que tal actitude negativa lles dificulta moitas das actividades da vida e mesmo lles impide realizalas. Seligman resume o pensar pesimista e os seus efectos con estas palabras: “Vinte e cinco anos de estudo convencéronme de que se habitualmente cremos, como fai o pesimista, que as desgrazas ocorren pola nosa culpa, que son de carácter permanente e que afectarán a todo o que fagamos, acabaremos sufrindo máis desgrazas que os que non pensan así”.

De novo, esas conclusións poden parecerlles novas a algunhas persoas, pero ós estudantes da Biblia resúltanlles familiares. Un proverbio di: “Se te mostras feble no tempo da proba, feble era a túa forza” (Proverbios 24:10). En efecto, a Biblia mostra claramente que o desánimo e o consecuente modo de pensar negativo, restarannos poder para actuar. Entón, que podemos facer para combater o pesimismo e cultivar máis optimismo e esperanza?

[Imaxe]

A esperanza pode facer moito ben