Ir ó contido

Ir ó índice

Busca axuda

Busca axuda

Busca axuda

“A un só, pódeselle; dous xuntos, resisten.” (Eclesiastés 4:12)

CANDO contamos co apoio doutras persoas temos máis probabilidades de vencer un inimigo, sexa cal sexa. Así que, se queres acabar coa túa adicción ó tabaco, sería bo que lles pedises axuda á túa familia e ós teus amigos, ou a alguén que estea disposto a apoiarte con paciencia.

Por que non lles pides axuda a persoas que conseguiron deixar de fumar? Elas saben polo que estás pasando e poderán darche axuda práctica. Torben, un cristián que vive en Dinamarca, comenta: “O apoio que me deron outras persoas foi moi importante para min”. E Abraham, que vive na India, escribiu: “O amor sincero que me demostraron tanto a miña familia como os irmáns da congregación axudoume a abandonar o vicio do tabaco”. Pero, ás veces, contar co apoio da familia e dos amigos non é suficiente.

Un home chamado Bhagwandas comenta: “Fumei durante 27 anos, pero ó aprender o que di a Biblia sobre as prácticas que contaminan o corpo, decidín deixar o tabaco. Intentei abandonalo pouco a pouco. Deixei de quedar coas persoas coas que andaba e ata busquei axuda profesional. Pero nada diso funcionou. Entón, unha noite, oreille a Xehová de corazón. Supliqueille que me axudase a deixar de fumar. Despois diso, por fin conseguín deixar o tabaco!”.

Tamén é importante que te prepares para enfrontarte a algúns posibles obstáculos. Cales? Falaremos disto no seguinte artigo.

[Recadro]

DEBERÍA TOMAR MEDICAMENTOS?

Os medicamentos para deixar de fumar, como por exemplo os parches de nicotina, convertéronse nunha industria que move miles de millóns de euros. Antes de decidirte por esta opción, pensa no seguinte:

Cales son os beneficios? Dise que moitos tratamentos axudan a deixar o tabaco porque reducen os síntomas de abstinencia. Pero non está claro que sexan tratamentos eficaces a longo prazo.

Cales son os riscos? Algúns medicamentos provocan efectos secundarios como náuseas, depresión ou pensamentos suicidas. Tamén hai que ter en conta que as terapias de substitución de nicotina son só outra forma de administrar esta droga, e os riscos para a saúde continúan presentes. Polo tanto, a persoa que usa estas terapias continúa sendo adicta á nicotina.

Que alternativas existen? Nunha enquisa, o 88% das persoas que conseguiron deixar de fumar dixeron que o fixeran de golpe, sen axuda de medicamentos.