Ir ó contido

Ir ó índice

Podes conseguilo!

Podes conseguilo!

Podes conseguilo!

CHEGOU o momento de ser valente e de poñerse mans á obra (1 Crónicas 28:10). Que máis podes facer para aumentar as túas probabilidades de éxito?

Pon unha data. O Departamento de Saúde e Servizos Humanos dos Estados Unidos recoméndache que non deixes pasar máis de dúas semanas entre que decides deixar de fumar e o deixas. Así non perderás a motivación. Marca ese día no teu calendario, dillo ós teus amigos e, pase o que pase, non te botes atrás.

Fai unha nota que che axude a non recaer. Escribe nela a seguinte información e calquera outra cousa que te motive a conseguilo:

● As razóns que tes para deixar de fumar.

● Os números de teléfono das persoas ás que podes acudir cando sintas que vas recaer.

● Ideas que che van axudar a conseguir o teu obxectivo, como por exemplo o texto bíblico de Gálatas 5:22, 23.

Leva sempre contigo esta nota e repásaa varias veces ó día. Aínda despois de abandonar o hábito, volve a lela cada vez que teñas ganas de fumar.

Cambia os teus hábitos. Antes de que chegue a data que marcaches, cambia calquera hábito que te leve a fumar. Por exemplo, se adoitas facelo en canto te levantas pola mañá, intenta fumar máis tarde, como unha hora despois. Se fumas durante as comidas ou xusto ó acabar, cambia a túa rutina. Evita os lugares onde se fume. Cando esteas só, podes practicar en voz alta: “Non grazas, xa non fumo”. Facer todo isto non só te vai preparar para cando chegue o día marcado, senón que tamén che vai recordar que moi pronto conseguirás ser un exfumador.

Prepárate para deixar de fumar. A medida que se achega o día que decidiches deixar de fumar, compra cousas que poidas levarte á boca, como cenorias, goma de mascar e froitos secos. Recórdalles ós teus amigos e familiares a data que escolliches e o que poden facer para axudarche. Xusto antes de que chegue ese día, desfaite de tódolos cigarros que poidas ter pola casa, no coche, nos petos da roupa ou no teu lugar de traballo, así como dos cinceiros, chisqueiros, etc. Como é lóxico, serache máis fácil resistir a tentación se para conseguir un cigarro tes que pedirllo a un amigo que se simplemente podes collelo dun caixón. Ademais, sigue pedíndolle a Deus que che axude, en especial despois de fumar o último cigarro (Lucas 11:13).

Moitas persoas foron capaces de deixar de fumar. Ti tamén podes conseguilo! Se o fas, terás mellor saúde e sentiraste liberado.

[Imaxe]

Leva a nota sempre contigo e repásaa varias veces ó día.