Prepárate para os obstáculos
Prepárate para os obstáculos
“Cando naceu o noso bebé, polo ben da súa saúde, decidín deixar de fumar. Así que coloquei un letreiro na nosa casa que dicía: ‘Non fumar’. Pero, só unha hora despois, as ganas de fumar eran tan intensas que se apoderaron de min coma un tsunami e acabei acendendo un cigarro.” (Yoshimitsu, O Xapón)
COMO mostra o caso de Yoshimitsu, o proceso de deixar de fumar ten as súas complicacións. Ademais, as investigacións demostran que case o 90% dos que teñen unha recaída volven coller o hábito de fumar. Así que, se estás intentando deixar o tabaco, é máis probable que o consigas se te preparas para superar os obstáculos. Cales son os máis comúns?
As ansias de nicotina: Esta fase chega normalmente tres días despois do teu último cigarro e desaparece unhas dúas semanas despois. Durante ese tempo, como di un exfumador: “O desexo vai e vén, non é constante”. Incluso poida que, anos máis tarde, sintas de repente a necesidade de fumar. Se che pasa isto, non te deixes levar polo impulso, espera uns cinco minutos e xa verás como che van pasando as ganas.
Outros síntomas da síndrome de abstinencia: Ó principio, a moitos cústalles manterse espertos ou concentrados, e quizais gañen peso con máis facilidade. Ademais, poida que súen máis do normal, teñan dores, problemas na pel e tose. Tamén é probable que teñan cambios de humor, se volvan impacientes, se enfaden facilmente e se sintan deprimidos. Non obstante, a maioría dos síntomas diminúen no prazo dunhas catro a seis semanas.
Seguir os seguintes consellos vaiche axudar durante esta etapa tan difícil:
● Durmir máis.
● Beber moita auga ou zume e seguir unha dieta saudable.
● Facer exercicio moderado.
● Respirar profundamente e imaxinar que estás enchendo os pulmóns de aire puro.
Factores que te poden levar a recaer: Hai actividades ou estados de ánimo que che poden dar ganas de fumar. Quizais antes tiñas o costume de acender un cigarro mentres bebías algo. Nese caso, mentres esteas deixando de fumar trata de non pasar moito tempo coa bebida na man. Seguro que máis adiante serás capaz de desfrutala con calma sen que che veñan as ganas de fumar.
Con todo, aínda despois de liberarte do hábito, é probable que algunhas situacións che recorden o tabaco. Torben, citado antes, admite: “Xa hai dezanove anos que deixei o tabaco e aínda sinto a tentación de fumar durante a pausa do café”. Non obstante, esta relación que se crea entre o tabaco e certas actividades normalmente vai perdendo forza pouco a pouco.
Pero non pasa o mesmo coa relación que se crea entre o tabaco e o alcohol. De feito, mentres esteas deixando de fumar, é probable que teñas que evitar o consumo de bebidas alcohólicas e os lugares onde se serven este tipo de bebidas. Unha alta porcentaxe das recaídas prodúcense cando a persoa consume alcohol. Por que?
● O alcohol, incluso en pequenas cantidades, aumenta a sensación de pracer que produce a nicotina.
● Beber con outras persoas adoita estar moi relacionado co consumo de tabaco.
● O consumo de alcohol pode facer que non tomes boas decisións ou que fagas cousas que non adoitas facer. Como di a Biblia: “O viño e mailo mosto quítanlle o xuízo” (Oseas 4:11).
Compañías: Sé selectivo. Por exemplo, evita pasar tempo innecesariamente con persoas que fumen ou que é probable que te inviten a fumar. Tampouco andes con persoas que se burlen de ti porque queres deixar de fumar.
Estados de ánimo: Segundo un estudo, case dúas terceiras partes dos que volveron fumar fixérono porque sentiron estrés ou se enfadaron xusto antes de recaer. Se te dás conta de que certo estado de ánimo che dá ganas de fumar, fai algo que te distraia, como beber auga, mastigar goma de mascar ou saír a dar un paseo. Intenta encher a túa mente con pensamentos positivos. Por exemplo, podes orarlle a Deus ou ler algunhas páxinas da Biblia (Salmo 19:15 [19:14, TNM]).
Evita buscar escusas
● Só lle darei unha calada.
Realidade: Unha soa calada pode estimular ata un 50% dalgúns receptores de nicotina do cerebro durante unhas tres horas. Esta é a razón pola que moitas persoas comezan a fumar outra vez.
● Fumar axúdame a calmar o estrés.
Realidade: As investigacións demostran que a nicotina aumenta os niveis das hormonas do estrés. Calquera sensación de alivio que sintas pode ser resultado de que os síntomas da síndrome de abstinencia diminuíron temporalmente.
● É demasiado tarde para deixalo.
Realidade: Os pensamentos negativos fan que deixar de fumar sexa aínda máis difícil. A Biblia di: “Se te desanimas nos momentos difíciles, faltaranche as forzas” (Proverbios 24:10, TNM). Así que non sexas pesimista. Calquera persoa que se propoña deixar o tabaco e que poña en práctica consellos útiles como os que se mencionan nesta revista pode conseguilo.
● A síndrome de abstinencia é demasiado forte para min.
Realidade: É certo que a síndrome de abstinencia pode ser moi forte, pero irá diminuíndo en poucas semanas. Así que non te rendas! E se despois duns meses ou duns anos volves sentir o desexo de fumar, verás que seguramente desaparece nuns minutos, sempre e cando non acendas un cigarro.
● Non me atrevo a deixalo porque padezo unha enfermidade mental.
Realidade: Se estás recibindo tratamento por un problema psíquico como a depresión ou a esquizofrenia, pídelle ó teu médico que che axude a deixar o tabaco. Seguro que el ou ela estará encantado de axudarche e quizais decida cambiarche o tratamento.
● Teño medo de sentirme fracasado se sufro unha recaída.
Realidade: Se caes na tentación de fumar un cigarro, como lle pasa a moitos, non quere dicir que xa non haxa remedio. Non te desanimes, continúa loitando. Recaer non significa fracasar; renderse é fracasar. Así que, sígueo intentando e conseguiralo!
Fíxate na experiencia de Romualdo, que deixou de fumar hai 30 anos pero levaba 26 anos facéndoo. El explica: “Perdín a conta de cantas veces recaín. Cada vez que volvía fumar sentíame fatal, coma se fose un caso perdido. Pero cando me propuxen ter unha boa relación con Xehová e comecei a pedirlle axuda de forma constante en oración, por fin logrei deixar o tabaco”.
No último artigo desta serie analizaremos algúns consellos que che axudarán a converterte nun exfumador feliz.
[Recadro/Imaxe]
LETAL EN TÓDALAS SÚAS FORMAS
O tabaco consúmese de moitas maneiras. Algúns dos seus produtos incluso se venden en herboristerías e tendas naturistas. Con todo, como afirma a Organización Mundial da Saúde, “o tabaco é letal en tódalas súas formas”. Unha gran cantidade de enfermidades relacionadas co tabaco, como o cáncer ou as enfermidades cardiovasculares, provocan a morte. As mulleres embarazadas que fuman tamén poden estarlle facendo dano ós seus bebés. De que formas se consume o tabaco?
Bidis: Estes cigarros delgados e envoltos a man son comúns en certas partes de Asia. Liberan moito máis alcatrán, nicotina e monóxido de carbono que os cigarros convencionais.
Puros: Fabrícanse con tabaco picado e envolto en follas de tabaco ou de papel feito desta mesma planta. A forma na que se producen os puros permite a absorción da nicotina pola boca incluso cando o cigarro está apagado.
Kreteks, ou cigarros de cravo: Normalmente conteñen un 60% de tabaco e un 40% de cravo. Liberan máis alcatrán, nicotina e monóxido de carbono cós cigarros convencionais.
Fumar en pipa: Esta maneira de fumar non é unha alternativa máis saudable que os cigarros, pois tamén pode causar cáncer e outras enfermidades.
Tabaco sen fume: Inclúe o tabaco de mascar, o rapé e a gutkha, que é unha mestura aromatizada que se consume no sueste de Asia. Nesta maneira de fumar, a nicotina entra no sangue a través da boca. O tabaco sen fume é exactamente igual de perigoso que os demais produtos derivados desta planta.
Pipas de auga (bongs, cachimbas, narguilés e shishas): Son utensilios deseñados para que o fume do tabaco pase por auga antes de ser inhalado. Non obstante, parece que este proceso non reduce a cantidade de substancias tóxicas que entran nos pulmóns, entre elas as que causan o cáncer.
[Recadro/Imaxe]
COMO AXUDAR A OUTROS A DEIXAR DE FUMAR
● Sé positivo. Animar e felicitar a persoa que está intentando deixar de fumar funciona mellor que criticala ou botarlle un sermón. Por exemplo, frases como “Seguro que a próxima vez o consegues” motivan máis que dicir: “Xa volviches caer!”.
● Sé comprensivo. Non te ofendas se a persoa que está intentado deixar de fumar che fala mal. Máis ben dille algo amable, como: “Sei que é difícil, pero estou moi orgulloso do esforzo que estás facendo”. Xamais lle digas: “Caíasme mellor cando fumabas!”.
● Sé un bo amigo. A Biblia di: “Un amigo ama en todo tempo, e un irmán nace para a hora da adversidade” (Proverbios 17:17). Así que “en todo tempo” procura ser paciente e cariñoso coa persoa que está deixando de fumar, independentemente da hora que sexa ou do seu estado de ánimo.