Ir ó contido

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

A quen se refire Paulo en 2 Corintios 6:14 (TNM) cando fala dos “non crentes”?

En 2 Corintios 6:14 (TNM) lemos: “Non vos poñades baixo un xugo desigual cos non crentes”. Se nos fixamos no contexto, é evidente que Paulo está falando de persoas que non forman parte da congregación cristiá. Outros versículos da Biblia onde Paulo usa as expresións “non crente” ou “non crentes” apoian esta idea.

Por exemplo, Paulo corrixiu os cristiáns por ir a xuízo “diante dos non crentes” (1 Corintios 6:6). Neste caso, os non crentes eran os xuíces dos tribunais de Corinto. Por outro lado, na súa segunda carta ós corintios Paulo explica que Satanás lles cegou a mente ós non crentes para que non entendesen as boas noticias. Esas persoas non fixeran nada por servir a Deus, pois Paulo explicou uns versículos antes que “cando un se volve a Xehová, o veo quítase” (2 Corintios 3:16, TNM; 4:4).

Algúns non crentes fan cousas que van en contra da lei e adoran deuses falsos (2 Corintios 6:15, 16). Pero non todos se opoñen ós servos de Xehová. Algúns demostran algo de interese pola verdade. Moitos están casados cun cristián e están contentos de seguir con el (1 Corintios 7:12-14; 10:27; 14:22-25; 1 Pedro 3:1, 2). Cando Paulo falaba dos “non crentes” referíase a aqueles que non formaban parte da congregación cristiá, xa que esta estaba formada polos que “crían no Señor” (Feitos 2:41; 5:14; 8:12, 13).

O principio que encontramos en 2 Corintios 6:14 é un consello excelente para tódolos cristiáns, pero sobre todo para os que queren casar (Mateo 19:4-6). Un cristián dedicado e bautizado actúa con sabedoría cando non busca parella entre persoas “non crentes”, xa que os valores, metas e crenzas destas persoas son moi diferentes das dos cristiáns verdadeiros.

E que sucede no caso das persoas que estudan a Biblia e veñen ás reunións de congregación? E no caso dos publicadores sen bautizar? Son eles non crentes? Non. As persoas que aceptaron a verdade das boas noticias e están progresando cara ó bautismo non se consideran “non crentes” (Romanos 10:10; 2 Corintios 4:13). Temos o exemplo de Cornelio, que antes de bautizarse era coñecido como “un home devoto que temía a Deus” (Feitos 10:2, TNM).

Entón, en vista de que as palabras de Paulo en 2 Corintios 6:14 non aplican ós publicadores sen bautizar, sería sabio que un cristián dedicado saíse e casase cun publicador sen bautizar? Non, non sería sabio. Por que? Polo consello directo que Paulo lles deu ás viúvas cristiás. El escribiu: “Está libre para casar con quen queira, sempre que sexa no Señor” (1 Corintios 7:39, TNM). De acordo con este consello, anímase os cristiáns dedicados a buscar cónxuxe só entre os que están “no Señor”.

Pero, que significa a expresión “no Señor”? Paulo fala das persoas que están “no Señor”, ou “en Cristo”, en Romanos 16:8-10 e en Colosenses 4:7. Ó ler estes versículos podemos ver que se refire a elas como: “colaborador meu”, “xenuíno discípulo”, “meu irmán benquerido” e “fiel auxiliar e compañeiro de servicio”.

E, cando se converte alguén en “compañeiro de servicio no Señor”? Cando está disposto a repudiarse a si mesmo, como fai un servo. Xesús explicou: “Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga” (Mateo 16:24). Unha persoa comeza a seguir a Cristo cando fai a vontade de Deus e se dedica a El. Despois bautízase e iso permítelle ter unha boa relación con Xehová. a Polo tanto, a expresión casar no Señor significa casar con alguén que demostrou ser un verdadeiro crente, un “servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo” dedicado (Santiago 1:1).

Unha persoa que está estudando a Biblia coas testemuñas de Xehová e que progresa espiritualmente está facendo o correcto. Pero aínda non se dedicou a Deus nin se comprometeu a usar a súa vida para servilo e necesita seguir facendo cambios. É importante que faga estes cambios e que se dedique a Xehová antes de pensar no matrimonio.

Poida que un cristián empece a saír cunha persoa que parece que está progresando no seu curso da Biblia. Quizais o cristián teña claro que non vai casar con ela ata que se bautice. Pero, sería recomendable facer algo así? Non. Porque a persoa que estuda a Biblia podería non estar estudando polos motivos correctos se sabe que un cristián dedicado vai casar con ela en canto se bautice.

Normalmente, unha persoa só é publicadora sen bautizar por un tempo. Así que, o consello de casar só no Señor é razoable. Pero, e se alguén se criou nunha familia cristiá, serve como publicador sen bautizar, leva moitos anos activo na congregación e xa ten idade para casar? Se ese é o caso, que lle impediu dedicar a súa vida a Xehová? Por que non se decidiu a dar o paso? Será que ten dúbidas? Aínda que non é un non crente, non se pode dicir que estea “no Señor”.

O consello de Paulo sobre o matrimonio é para o noso ben (Isaías 48:17). Cando os dous futuros cónxuxes están dedicados a Xehová, o compromiso que existe entre eles ten unha base espiritual sólida, pois comparten os mesmos valores e metas. Isto axudaralles a desfrutar dun matrimonio feliz. Ademais, ó casar “no Señor”, están demostrando a súa lealdade a Xehová e recibirán moitas bendicións, xa que “ó que é leal ti [Xehová] demóstraslle lealdade” (Salmo 18:25, TNM).

[Nota]

a Para os cristiáns unxidos a quen Paulo escribiu inicialmente, ser servos do Señor tamén implicaba ser unxidos como fillos de Deus e irmáns de Cristo.

[Imaxe]

“Ó que é leal ti [Xehová] demóstraslle lealdade”