Estaste esforzando?
FERNANDO a está nervioso. Dous anciáns dixéronlle que queren falar con el. Dende hai un tempo, despois de cada visita do superintendente de circuíto, os anciáns explícanlle que debe facer para ter máis responsabilidades na congregación. Co tempo, Fernando empezou a preguntarse se algún día será nomeado ancián. Agora, o superintendente de circuíto acaba de visitar a congregación outra vez. Diranlle algo os anciáns?
Un deles cita 1 Timoteo 3:1 e dille que recibiron o seu nomeamento como ancián. Fernando, que estaba atento a cada palabra, di sorprendido: “Que? Como?”. O irmán repítello e a el debúxaselle un sorriso na cara. Despois, cando se anuncia a noticia á congregación, todos están moi contentos.
Está mal desexar responsabilidades na congregación? Claro que non. O apóstolo Paulo escribiu que quen “se está esforzando por ser superintendente, desexa un labor moi bo” (1 Tim. 3:1, TNM). Ó ler estas palabras, moitos cristiáns anímanse a progresar en sentido espiritual. Grazas a isto, o pobo de Deus conta con decenas de miles de hábiles anciáns e servos ministeriais. Pero como as congregacións seguen crecendo, necesítase que máis irmáns se esforcen por ter máis responsabilidades. Como é a forma correcta de facelo? E deberían estar inquietos e continuamente pendentes do asunto os que desexan ser anciáns, como fixo Fernando?
QUE SIGNIFICA “ESFORZARSE”?
A expresión “esforzarse” é a tradución dun verbo grego que ten o significado de querer algo con moitas ganas e estirarse para conseguilo. Fainos pensar en alguén que se estira para coller unha froita deliciosa que colga da rama dunha árbore. Pero esforzarse non significa buscar con avaricia “ser superintendente”. Por que non? Porque a meta de quen desexa sinceramente ser ancián é facer “un labor moi bo”, non ter un título.
Moitos dos requisitos para facer esta obra atopámolos en 1 Timoteo 3:2-7 (TNM) e Tito 1:5-9 (TNM). Referíndose a estes requisitos, un ancián de experiencia chamado Raymond explica: “Para min, o máis importante é o que somos. Saber falar e ensinar é importante, pero tamén ser irreprochable, moderado nos hábitos, ter bo xuízo, ser ordenado, hospitalario e razoable”.
Un irmán coa actitude correcta demostra que é irreprochable evitando todo tipo de sucidade moral e falta de honradez. É moderado nos seus hábitos, sensato e razoable, e leva unha vida ordenada. É por iso que os irmáns confían en que os axudará cos seus problemas e dirixirá ben a congregación. Como é hospitalario, anima os rapaces e os que levan menos tempo na verdade. E como lle gusta o que é bo, consola e axuda ós enfermos e ós maiores. Intenta mellorar esas calidades para servir os demais, non para que aumenten as súas posibilidades de ser nomeado. b
O corpo de anciáns pode animar e aconsellar a quen se estea esforzando por ter máis responsabilidades, pero é ese irmán quen ten que cumprir cos requisitos. Henry, un irmán que leva moitos anos sendo ancián comenta: “Se queres ser ancián, traballa duro para cumprir cos requisitos”. Despois, citando de Eclesiastés 9:10 (TNM) engade: “‘Todo o que poidas facer, faino con tódalas túas forzas’. Se os anciáns che encargan algo, faino o mellor que poidas. Desfruta de tódalas tarefas que che dean na congregación, ata de varrer o chan. O teu traballo e esforzos darán o seu froito”. Se desexas ser ancián algún día, sé traballador e alguén en quen se poida confiar en tódalas facetas do servizo sagrado. O que che debe caracterizar é a humildade, non a ambición nin o orgullo (Mt. 23:8-12).
RECHAZA IDEAS E ACCIÓNS INCORRECTAS
Algúns irmáns que desexan ter máis privilexios na congregación poden sentirse tentados a lanzar indirectas ou a intentar influír no corpo de anciáns. A outros séntalles mal que os aconsellen. Estes irmáns farían ben en preguntarse: “Estou buscando o meu propio interese, ou quero humildemente coidar das ovellas de Xehová?”.
Non hai que esquecer outro requisito que deben cumprir os anciáns: ser o “exemplo para o rabaño” (1 Pe. 5:1-3). Como podemos conseguilo? Rechazando ideas e accións incorrectas, e tamén esforzándonos por ter máis paciencia e aguante, dá igual que sexamos anciáns ou non. En realidade, ser ancián non libra milagrosamente a ninguén dos seus defectos (Núm. 12:3; Sal. 106:32, 33). Ademais, pode que un irmán non sexa consciente de estar facendo algo mal, pero quizais outros non o vexan igual e teñan as súas razóns (1 Cor. 4:4). Polo tanto, se os anciáns che dan un consello sincero baseado na Biblia, escóitaos sen enfadarte e, despois, intenta poñer en práctica o que che dixeron.
E SE SE FAI LONGA A ESPERA?
A algúns irmáns fáiselles moi longa a espera. Se hai anos que te estás “esforzando por ser superintendente”, impaciéntaste ás veces? Nese caso, recorda este proverbio bíblico: “As expectativas que tardan en cumprirse enferman o corazón, pero o desexo cumprido é unha árbore de vida” (Pr. 13:12, TNM).
O corazón pode enfermar cando a meta que desexamos parece inalcanzable. Abraham sentiuse así. Xehová prometéralle un fillo, pero pasaban os anos e el e Sara seguían sen telo (Xén. 12:1-3, 7). Cando xa ía moi maior dixo: “Señor e dono meu, ¿que me darás, se vou morrer sen fillos[?] [...] Mira que non me deches descendencia”. E aínda que Xehová lle confirmou a súa promesa, pasaron polo menos catorce anos máis ata que se cumpriu (Xén. 15:2-4; 16:16; 21:5).
Mentres esperaba, perdeu a alegría de servir a Xehová? Para nada, el nunca dubidou de que Xehová cumpriría a súa palabra, seguía esperando sabendo que chegaría o que desexaba. O apóstolo Paulo escribiu: “Abraham, agardando con paciencia, conseguiu a promesa” (Heb. 6:15). Ó final o Todopoderoso bendiciuno máis do que nunca se imaxinara. Que nos ensina o seu exemplo?
Se che gustaría ser ancián pero pasaron os anos e aínda non o es, non te rendas, segue confiando en Xehová. Non perdas a alegría de servilo. Warren, un irmán que axudou a moitos a progresar espiritualmente, explica: “Para reunir os requisitos, necesítase tempo. As habilidades e a actitude dun irmán pódense ver pouco a pouco na maneira en como se comporta e cumpre co que se lle pide. Hai quen cre que o éxito depende de alcanzar certo privilexio ou nomeamento. Esa é unha idea equivocada e pode volverse unha obsesión. A verdade é que o éxito consiste en servir a Xehová fielmente, sen importar onde esteamos ou que fagamos”.
Un irmán levaba esperando máis de dez anos cando foi nomeado ancián. Referíndose a unha coñecida descrición que está no capítulo 1 do libro de Ezequiel, relata a lección que aprendeu: “Xehová conduce o seu carro, a súa organización, á velocidade que el decide. As cousas non suceden cando nós queremos, senón cando el o ve oportuno. Por moito que eu desexe ser ancián, o que importa non é o que eu quero ou o que eu creo que podería ser. Quizais iso que eu quero non sexa o que Xehová sabe que necesito”.
Se esperas algún día cumprir co importante labor de ser ancián, proponte contribuír a que a congregación sexa máis feliz. Se parece que o tempo pasa moi lento, loita contra a ansiedade e a impaciencia. Raymond, de quen falamos antes, di: “Se es ambicioso, nunca te sentes satisfeito. Estar sempre á espera róubache a alegría de servir a Xehová”. Polo tanto, cultiva máis o froito do espírito, sobre todo a paciencia. Fortalece a túa espiritualidade estudando a Biblia. Participa máis na predicación e na obra de facer discípulos. Dirixe a túa familia nas actividades espirituais e na adoración en familia. Desfruta de cada ocasión en que esteas cos irmáns. Así, a medida que avances cara a túa meta, desfrutarás do traxecto.
Traballar para reunir os requisitos e ter máis privilexios na congregación é unha oportunidade que nos dá Xehová. Nin el nin a súa organización queren que os que se estean esforzando por conseguilo se frustren ou sirvan a Deus tristes. Deus apoia e bendí os que o serven por motivos puros. E coas súas bendicións “el non trae ningunha dor” (Pr. 10:22, TNM).
Aínda se levas esperando bastante tempo, sempre podes seguir progresando. Xehová non esquecerá nada do que fagas por mellorar as calidades necesarias e por traballar duro na congregación sen descoidar a familia. Serve sempre a Xehová con alegría, sexan cales sexan as responsabilidades que se che encarguen.