Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 10

O amor e o agradecemento a Xehová levan ó bautismo

O amor e o agradecemento a Xehová levan ó bautismo

“Por que non me podo bautizar eu?”(FEIT. 8:36).

CANCIÓN sjj 37 Servireite de corazón

AVANCE a

1, 2. Segundo o relato de Feitos 8:27-31, 35-38, que motivou o funcionario etíope a bautizarse?

 QUERES bautizarte e ser discípulo de Cristo? Moitas persoas sentíronse motivadas a tomar esta decisión debido ó seu amor por Xehová e ó agradecemento que senten por todo o que El fixo por elas. Vexamos o exemplo dun funcionario que estaba ó servizo da raíña de Etiopía.

2 Este home etíope bautizouse tan pronto como aprendeu nas Escrituras que debía facelo (le Feitos 8:27-31, 35-38). Por que? Está claro que valoraba a Palabra de Deus, xa que mentres viaxaba no seu carro ía lendo unha pasaxe do libro de Isaías. E cando Felipe lle explicou o que Xesús fixera por el sentiuse moi agradecido. Ademais, este funcionario viña de adorar a Xehová en Xerusalén, así que sabemos que xa sentía amor por Deus. Polo visto, deixara a relixión que tiña e comezara a adorar o Deus verdadeiro xunto coa única nación dedicada a El. Este mesmo amor por Xehová foi o que o motivou a dar outro paso moi importante: bautizarse e chegar a ser discípulo de Cristo (Mt. 28:19).

3. Que pode impedir que alguén se bautice? (Ver o recadro “ A que tipo de solo se parece o teu corazón?”).

3 O amor por Xehová tamén pode motivarte a ti a querer bautizarte. Pero hai outros tipos de amor que poderían impedirche dar este paso. Por exemplo, quizais sintas moito cariño polos teus familiares e amigos que non son testemuñas de Xehová e teñas medo de que, se te bautizas, te deixen de querer (Mt. 10:37). Ou poida que teñas moi arraigados algúns malos hábitos que sabes que Deus odia e se che faga moi difícil deixalos (Sal. 97:10). Ou talvez creciches celebrando festas relacionadas coa relixión falsa e che traian moi bos recordos. Por iso, aínda que sabes que esas festas non lle gustan a Xehová, pode resultarche difícil deixar de celebralas (1 Cor. 10:20, 21). A pregunta que debes facerte é: “A que ou a quen amo máis?”.

O AMOR MÁIS IMPORTANTE

4. Cal é a motivación principal para bautizarse?

4 Ben seguro que hai moitas cousas ás que estás moi apegado e polas que te sentes moi agradecido. Incluso antes de estudar coas testemuñas de Xehová é posible que xa respectases moito a Biblia e ata sentises aprecio por Xesús. E, agora que coñeces as testemuñas de Xehová, é probable que desfrutes pasando tempo con elas. Pero eses sentimentos non necesariamente te van levar a que queiras dedicarte a Xehová e bautizarte. A motivación principal para bautizarse é o amor por Deus. Cando chegues a amalo por riba de calquera outra cousa, non deixarás que nada nin ninguén che impidan servilo. De feito, é o teu amor por Xehová o que te vai motivar a dar o paso do bautismo e a manterte fiel.

5. Que imos analizar neste artigo?

5 Xesús dixo que temos que amar a Xehová con todo o noso corazón, alma, mente e forzas (Mc. 12:30). Que pode axudarche a amalo e respectalo tanto? Reflexionar no amor que El sente por nós. Isto motivarate a querer corresponderlle (1 Xn. 4:19). E segundo vaia medrando o teu amor por Xehová, sairanche de maneira natural outros sentimentos e sentiraste impulsado a facer máis cousas. Cales? Ímolo ver neste artigo. b

6. Segundo Romanos 1:20, cal é unha maneira de aprender sobre Xehová?

6 Aprende de Xehová por medio da súa creación (le Romanos 1:20; Ap. 4:11). Fíxate no deseño das plantas e dos animais e pensa no que che ensinan sobre a sabedoría de Xehová. Aprende un pouco máis sobre o corpo humano e a maneira marabillosa na que foi creado (Sal. 139:14). Reflexiona en toda a enerxía que Xehová condensou no Sol, e iso que só é un dos millóns de estrelas que creou! c (Is. 40:26) Cando o fagas, a túa admiración e respecto por Xehová aumentarán. Agora ben, saber que Deus é sabio e poderoso é só o principio da túa amizade con El. Para chegar a amalo con todo o teu corazón, necesitas aprender máis acerca del.

7. Para amar a Xehová de todo corazón, de que precisas estar convencido?

7 Necesitas chegar a estar convencido de que Xehová se interesa por ti de maneira persoal. Fáiseche difícil crer que o Creador do ceo e da Terra sabe que existes e que lle importas? Nese caso, recorda que Xehová “non está lonxe de cada un de nós” (Feit. 17:26-28). “O Señor esculca os corazóns de todos” e, tal como David lle dixo a Salomón: “Se ti o buscas, atoparalo” (1 Cró. 28:9). De feito, estás estudando a Biblia porque Xehová te está atraendo (Xn. 6:44). Canto mellor entendas todo o que Xehová fixo por ti, máis amor sentirás por el.

8. Como podes demostrarlle agradecemento a Xehová polo seu amor?

8 Unha maneira de corresponder ó amor de Xehová é falando con el en oración. Se lle explicas o que che preocupa e lle agradeces todo o que fai por ti, o teu amor por el aumentará. E, cando vexas que responde as túas oracións, a túa amizade con el farase máis forte (Sal. 116:1). Ademais, estarás aínda máis seguro de que Xehová te entende. Pero para achegarte cada vez máis a Xehová tamén necesitas entender a súa forma de pensar e o que espera de ti. Só hai unha forma de chegar a ter ese coñecemento: estudando a súa Palabra, a Biblia.

Estudar a Biblia é a mellor forma de acercarnos a Deus e saber o que espera de nós (ver o parágrafo 9) d

9. Como podes demostrar que valoras a Biblia?

9 Aprende a valorar a Palabra de Deus. Só a Biblia di a verdade sobre Xehová e o que el quere para ti. Podes demostrar que valoras a Palabra de Deus se a les a diario, te preparas para as túas clases da Biblia e pos en práctica o que aprendes (Sal. 119:97, 99; Xn. 17:17). Tes un horario para ler a Biblia tódolos días? Séguelo?

10. Cal é unhas das características que fai da Biblia un libro único?

10 Unha das características que fai da Biblia un libro único é que contén relatos contados por persoas que viron a Xesús cos seus propios ollos. Ademais, é o único libro que explica con exactitude o que el fixo por ti. Conforme vaias aprendendo o que fixo e dixo Xesús, sentiraste motivado a querer ser o seu amigo.

11. Que che axudará a amar máis a Xehová?

11 Aprende a amar a Xesús. Se amas a Xesús, o teu amor por Xehová medrará. Por que? Porque Xesús reflicte á perfección as calidades do seu Pai (Xn. 14:9). Canto máis aprendas sobre Xesús, mellor entenderás como é Xehová e máis o amarás. Pensa na compaixón que Xesús lles demostrou a aqueles ós que a xente desprezaba, como os pobres, os enfermos e os débiles. Pensa tamén nos bos consellos que che dá e en como mellora a túa vida cando os levas á práctica (Mt. 5:1-11; 7:24-27).

12. Que te vas sentir motivado a facer cando aprendas máis sobre Xesús?

12 Ó meditar no sacrificio que Xesús fixo para que sexa posible o perdón dos nosos pecados seguramente aumente o amor que sentes por el (Mt. 20:28). Ademais, ó entender que Xesús estivo disposto a morrer por ti, quizais te sintas motivado a arrepentirte e a buscar o perdón de Xehová (Feit. 3:19, 20; 1 Xn. 1:9). E, canto máis ames a Xehová e a Xesús, máis quererás estar cos que senten o mesmo ca ti.

13. Que che deu Xehová?

13 Aprende a amar a familia de Xehová. Poida que os teus familiares que non son testemuñas de Xehová ou os teus anteriores amigos non entendan por que queres dedicarte a Deus. Poida que incluso se poñan na túa contra. Pero Xehová vaiche axudar dándoche unha familia espiritual. Se te mantés cerca desa familia, recibirás o cariño e o apoio que necesitas (Mc. 10:29, 30; Heb. 10:24, 25). Co tempo, quizais os teus familiares tamén queiran servir a Xehová e vivir segundo as súas normas (1 Pe. 2:12).

14. De acordo con 1 Xoán 5:3, que descubriches sobre os mandamentos de Xehová?

14 Aprende a valorar e a obedecer as normas de Xehová. Antes de coñecelo, quizais te guiabas polas túas propias normas, pero agora dáste conta de que as normas de Xehová son as mellores (Sal. 1:1-3; le 1 Xoán 5:3). Pensa nos consellos que a Biblia lles dá ós maridos, ás mulleres, ós pais e ós fillos (Ef. 5:22–6:4). Viches como mellorou a túa vida de familia ó poñelos en práctica? Notaches como melloraron os teus hábitos ó obedecer as normas de Xehová sobre escoller ben os teus amigos? Sénteste máis feliz? (Pr. 13:20; 1 Cor. 15:33) É probable que a túa resposta a estas preguntas sexa que si.

15. Que podes facer se precisas axuda para poñer en práctica os principios bíblicos?

15 Ás veces, pode resultarche difícil saber como poñer en práctica os principios bíblicos que estás aprendendo. Por iso Xehová se vale da súa organización para darche información baseada na Biblia que che axudará a distinguir entre o que está ben e o que está mal (Heb. 5:13, 14). Cando leas e estudes esa información verás que é moi útil e mesmo dá consellos específicos para situacións concretas, e seguramente quererás ser parte da organización de Xehová.

16. Como organizou Xehová o seu pobo?

16 Aprende a amar e a apoiar a organización de Xehová. Xehová organizou o seu pobo en congregacións e o seu Fillo, Xesús, é Cabeza de todas elas (Ef. 1:22; 5:23). Á súa vez, Xesús escolleu un grupiño de homes unxidos para que se encarguen de organizar o labor que el quere que se faga na actualidade. Estes cristiáns, ós que Xesús chamou “criado fiel e prudente”, tómanse moi en serio a responsabilidade de protexerte e alimentarte en sentido espiritual (Mt. 24:45-47). Unha das maneiras nas que o criado fiel nos coida é asegurándose de que nas congregacións se nomeen pastores capacitados (Is. 32:1, 2; Heb. 13:17; 1 Pe. 5:2, 3). Estes pastores están dispostos a dar o mellor de si mesmos, a consolarte e a axudarche para que cada vez te sintas máis preto de Xehová. Pero unha das cousas máis importantes que poden facer por ti é axudarche a ensinarlles a outras persoas sobre Xehová (Ef. 4:11-13).

17. Segundo Romanos 10:10, 13, 14 (TNM), por que falamos de Xehová coa xente?

17 Axuda a outros a aprender a amar a Xehová. Xesús díxolles ós seus discípulos que ensinasen a outros sobre Xehová (Mt. 28:19, 20). Claro, é posible obedecer este mandato só por un sentido do deber. Pero, se amas cada vez máis a Xehová, sentiraste como os apóstolos Pedro e Xoán, que dixeron: “Non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido” (Feit. 4:20). Poucas cousas dan tanta alegría como axudar a alguén a amar a Xehová. Imaxina o contento que se sentiu Felipe cando axudou ó etíope a aprender a verdade das Escrituras e a bautizarse. Se imitas a Felipe e obedeces o mandato de Xesús de predicar, estarás demostrando que queres ser testemuña de Xehová (le Romanos 10:10, 13, 14, TNM). E cando chegues a este punto, seguramente te farás a mesma pregunta que se fixo aquel home etíope: “Por que non me podo bautizar eu?” (Feit. 8:36).

18. Que analizaremos no seguinte artigo?

18 A decisión de bautizarte é a máis importante da túa vida. Por iso, debes pensar ben en todo o que implica. Que necesitas saber sobre o bautismo? E que debes facer antes e despois de bautizarte? Estas preguntas contestaranse no seguinte artigo.

CANCIÓN sjj 2 Teu nome é Xehová

a Algunhas persoas que aman a Xehová non están seguras de estar listas para bautizarse como testemuñas de Xehová. Se ese é o teu caso, este artigo recordarache algunhas ideas prácticas que che axudarán a dar ese paso.

b Como cada persoa é diferente, algúns quizais sigan as suxestións deste artigo nunha orde distinta á que se menciona.

c Para atopar máis exemplos, mira os folletos Como empezou a vida? e A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta.

d DESCRICIÓN DA IMAXE. Páxina 5: Unha irmá que está comprando nun mercado ó aire libre dálle unha folliña a unha rapaza que traballa nun posto de verduras.