Ir ó contido

ARTIGO DE ESTUDO 36

Estás disposto a ser “pescador de homes”?

Estás disposto a ser “pescador de homes”?

Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes (LC. 5:10)

CANCIÓN snnw 137 Dános forzas e coraxe

AVANCE *

1. Que invitación lles fixo Xesús a catro pescadores e como responderon?

 OS DISCÍPULOS Pedro, Andrés, Santiago e Xoán tiñan un negocio de pesca. Imaxina a sorpresa que levaron cando escoitaron a invitación que lles fixo Xesús: “Vide comigo, e fareivos pescadores de homes”. * Como responderon? A Biblia di que “deixaron de contado o aparello, e seguírono” (Mt. 4:18-22). Esa decisión cambiaríalles a vida para sempre. En vez de pescar peixes, agora serían pescadores de persoas (Lc. 5:10). E na actualidade, Xesús failles esa mesma invitación ás persoas sinceras que aman a verdade (Mt. 28:19, 20). Xa aceptaches a invitación de Xesús de facerte pescador de homes?

2. Por que deberiamos tomar en serio a decisión de facernos pescadores de homes e que nos axudará a dar ese paso?

2 Poida que xa progresases no teu curso da Biblia e chegase o momento de decidir se queres facerte publicador das boas noticias. Se non estás seguro de aceptar a invitación de Xesús, non te desanimes. É probable que as túas dúbidas signifiquen que sabes o importante que é esa decisión. É certo que a Biblia di que Pedro e os seus compañeiros abandonaron as redes “de contado”, pero Pedro e o seu irmán non tomaron esta decisión sen pensar. Xa coñeceran a Xesús seis meses antes e aceptaran que el era o Mesías (Xn. 1:35-42). Do mesmo xeito, quizais ti xa aprendiches moito sobre Xehová e Xesús, e queres seguir acercándote a Deus. Pero antes de decidir se te vas facer publicador, tes que pensalo ben. Que lles axudou a Pedro, a Andrés e ós outros a tomar esa decisión?

3. Que catro cousas che axudarán a estar listo para aceptar a invitación de Xesús?

3 Os primeiros discípulos de Xesús estaban motivados, coñecían ben o seu traballo, e eran valentes e disciplinados. Seguro que todo isto lles axudou a ser bos pescadores de homes. Neste artigo imos ver como podes imitar o seu exemplo para ser un bo discípulo de Cristo.

AUMENTA A TÚA MOTIVACIÓN

Pedro e outros fixéronse pescadores de homes. Esta obra tan importante segue facéndose nos nosos días (ver os parágrafos 4 e 5).

4. Por que era pescador Pedro?

4 Pedro pescaba para manter a súa familia, pero para el era algo máis que un traballo. Encantáballe pescar (Xn. 21:3, 9-15). Aínda así, tamén aprendeu a desfrutar sendo pescador de homes. E coa axuda de Xehová, foi moi bo nese labor (Feit. 2:14, 41).

5. Segundo Lucas 5:8-11, por que tiña medo Pedro, e que nos pode axudar a superar sentimentos parecidos?

5 O motivo principal polo que predicamos é porque amamos a Xehová. O noso amor por el axúdanos a falarlles a outros aínda que sintamos que non estamos capacitados. Cando Xesús invitou a Pedro a facerse pescador de homes, díxolle: “Tranquilo” (le Lucas 5:8-11). Non é que Pedro tivese medo do que podería pasar se se facía discípulo. Máis ben, estaba impresionado pola cantidade de peixes que Xesús lles axudara a pescar. Sabía que Xesús fixera un milagre e non se sentía digno de traballar con el. Igual que Pedro, poida que te poña nervioso pensar no que implica ser discípulo de Cristo. Se é así, fortalece o teu amor por Xehová, por Xesús e polo próximo. Iso motivarate a aceptar a invitación de Xesús de facerte pescador de homes (Mt. 22:37, 39; Xn. 14:15).

6. Por que outras razóns queremos predicar?

6 Vexamos outras razóns polas que queremos predicar. Queremos obedecer o mandato de Xesús: “Ide, pois, e facede discípulos” (Mt. 28:19, 20). Tamén queremos predicar porque as persoas están “maltratadas e abandonadas”, e necesitan aprender a verdade sobre o Reino (Mt. 9:36, TNM). Xehová quere que todo tipo de persoas chegue a coñecer a verdade e salvarse (1 Tim. 2:4).

7. Como mostra Romanos 10:13-15 que é importante predicar?

7 Pensar no efecto que pode ter a nosa predicación motivaranos a participar nesta obra que salva vidas. Un pescador vende ou come os peixes que pesca, pero nós pescamos persoas para salvarlles a vida (le Romanos 10:13-15; 1 Tim. 4:16).

AUMENTA O TEU COÑECEMENTO

8, 9. Que ten que saber un pescador e por que?

8 Nos días de Xesús, un pescador israelita tiña que saber que tipo de peixes podía pescar (Lev. 11:9-12). Tamén tiña que saber onde estaban os peixes. Normalmente os peixes están en zonas onde a auga ten as condicións necesarias e hai suficiente comida. Importa a que hora se vai pescar? Falando disto, fíxate no que dixo un irmán dunha illa do Pacífico cando invitou un misioneiro a pescar. O misioneiro díxolle: “Vémonos mañá ás nove da mañá”. E o irmán contestoulle: “Isto non funciona así. Temos que ir cando sexa un bo momento para os peixes, non cando nos vaia ben a nós”.

9 De maneira parecida, os pescadores de homes do primeiro século ían ós sitios onde estaban “os peixes” e á hora na que era máis probable atopalos. Por exemplo, os seguidores de Xesús predicaban no templo e nas sinagogas, de casa en casa e nos mercados (Feit. 5:42; 17:17; 18:4). Nós tamén temos que coñecer os hábitos das persoas que viven na nosa zona. E temos que ser flexibles para predicar no lugar e na hora na que haxa máis posibilidades de atopalas (1 Cor. 9:19-23).

1. Os bos pescadores traballan no lugar e na hora onde é máis probable atopar peixes (ver os parágrafos 8 e 9).

10. Que ferramentas nos dá a organización de Xehová?

10 Un pescador necesita os aparellos correctos e ten que saber como usalos. Nós tamén necesitamos as ferramentas correctas para predicar e temos que saber como usalas. Xesús deulles ós seus discípulos instrucións claras sobre como predicar as boas noticias. Díxolles o que tiñan que levar, onde tiñan que predicar e que tiñan que dicir (Mt. 10:5-7; Lc. 10:1-11). Hoxe, a organización de Xehová dános as ferramentas básicas de ensino, que funcionan moi ben. * E ensínanos como temos que usalas. Esa capacitación axúdanos a ter a confianza e a habilidade que necesitamos para facer ben o noso labor (2 Tim. 2:15, TNM).

2. Os bos pescadores aprenden a usar ben a ferramenta adecuada (ver o parágrafo 10).

AUMENTA O TEU VALOR

11. Por que deben ser valentes os pescadores de homes?

11 Os pescadores necesitan ser valentes. Moitas veces teñen que traballar de noite e non sempre poden saber que tempo vai facer ou cando vai aparecer unha tormenta. Os pescadores de homes tamén necesitamos valor. Cando empezamos a predicar e a identificarnos como testemuñas de Xehová, poida que nos enfrontemos ás “tormentas” da oposición familiar, das burlas dos coñecidos e da oposición á nosa mensaxe. Pero isto non nos sorprende. Xesús avisounos de que mandaría os seus seguidores a predicar nun ambiente hostil (Mt. 10:16).

12. Segundo Xosué 1:7-9, que pode axudarnos a ter máis valor?

12 Como podes ser máis valente? Primeiro tes que estar convencido de que Xesús segue a dirixir esta obra dende o ceo (Xn. 16:33; Ap. 14:14-16). Despois, fortalece a túa fe na promesa de Xehová de que vai coidar de ti (Mt. 6:32-34). Canto máis forte sexa a túa fe, máis valor terás. Pedro e os seus compañeiros demostraron moita fe ó abandonar o seu negocio de pesca para seguir a Xesús. Do mesmo xeito, ti tamén demostraches moita fe cando lles dixeches ós teus coñecidos e familiares que empezaras a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová e a ir ás súas reunións. Seguro que fixeches cambios moi grandes na túa vida e na túa forma de ser para poder vivir de acordo coas normas xustas de Xehová. Para iso tamén che fixo falta moita fe e valor. Canto máis aumentes o teu valor, máis poderás confiar en que Xehová “estará contigo en todo o que acometas” (le Xosué 1:7-9).

3. Os bos pescadores traballan con valor en calquera situación (ver os parágrafos 11 e 12).

13. Como poden axudarche a meditación e a oración a ser máis valente?

13 Que máis podes facer para aumentar o teu valor? Pídelle a Xehová que che dea valor (Feit. 4:29, 31). Xehová contestará as túas oracións e nunca te abandonará. El sempre estará ó teu lado para axudarche. Ademais, podes meditar en como Xehová salvou a outros no pasado. Pensa tamén en como che axudou a ti a superar os desafíos e che deu as forzas para facer cambios na túa vida. Non hai ningunha dúbida de que o Deus que guiou o seu pobo a través do Mar Rubio pode axudarche a ser discípulo de Cristo (Éx. 14:13). Podes estar tan seguro como o salmista, que dixo: “O Señor está comigo: non teño cousa que temer; ¿que me poden face-los homes?” (Sal. 118:6).

14. Que aprendiches do que lle pasou a Masae e Tomoyo?

14 Outra forma de aumentar o valor é vendo como aprenderon algunhas persoas tímidas a ser valentes coa axuda de Xehová. Pensa no que lle pasou a unha irmá chamada Masae. Era tímida e pensaba que nunca podería ir predicar. Pensar na idea de falar con estraños parecíalle como unha barreira enorme que nunca podería superar. Pero esforzouse por afondar o seu amor por Deus e polo próximo. Reflexionou no urxente que é predicar e pediulle a Xehová que lle axudase a ter máis ganas. Puido superar os seus medos e incluso foi pioneira regular. Xehová tamén lles axuda ós novos publicadores a ser valentes. Fíxate no que lle pasou a unha irmá chamada Tomoyo. Cando empezou a predicar de casa en casa, a primeira persoa coa que falou berroulle: “Non quero ter nada que ver coas testemuñas de Xehová”. E deu un portazo. Tomoyo non se asustou e díxolle á súa compañeira: “Escoitaches iso? Non dixen nada e xa sabía que era testemuña de Xehová. Que contenta estou!”. Agora Tomoyo é pioneira regular.

SÉ MÁIS DISCIPLINADO

15. Que significa ser disciplinado e por que é importante para os cristiáns?

15 Ser disciplinados significa ter a capacidade de obrigarnos a facer o que debemos. Os bos pescadores teñen que ser disciplinados para levantarse cedo pola mañá, quedar ata que se termine o traballo e aguantar a pesar do mal tempo. Nós tamén temos que ser disciplinados se queremos aguantar e completar o noso labor (Mt. 10:22).

16. Como podemos ser máis disciplinados?

16 Non nacemos sendo disciplinados. Todo o contrario, normalmente tendemos a buscar o camiño máis fácil. Fai falta autocontrol para ser disciplinados. Por iso temos que esforzarnos por facer as cousas que nos custan traballo. Xehová daranos o seu espírito santo para axudarnos a conseguilo (Gál. 5:22, 23, TNM).

17. De acordo con 1 Corintios 9:25-27, que tiña que facer o apóstolo Paulo para ser máis disciplinado?

17 O apóstolo Paulo era disciplinado. Pero admitiu que tiña que “castigar” o seu corpo para facer o que está ben (le 1 Corintios 9:25-27). Paulo animou a outros a ser disciplinados e a facer tódalas cousas “con dignidade e con orde” (1 Cor. 14:40). Nós tamén temos que esforzarnos por ser disciplinados para manter unha boa rutina espiritual, o que inclúe predicar e ensinar as boas noticias con regularidade (Feit. 2:46).

NON O DEIXES PARA MÁIS ADIANTE

18. Que fará que teñamos éxito para Xehová?

18 Un pescador mide o seu éxito pola cantidade de peixes que pesca. Pero nós non medimos o noso éxito polo número de persoas que traemos á organización de Deus (Lc. 8:11-15). Mentres sigamos predicando e ensinando a outros as boas noticias, teremos éxito para Xehová. Por que? Porque lles estamos sendo obedientes a el e ó seu Fillo (Mc. 13:10; Feit. 5:28, 29).

19, 20. Que motivo especial temos para predicar agora?

19 Nalgúns países tan só se permite pescar durante certos meses. Cando se está terminando a temporada de pesca neses lugares, os pescadores intentan aproveitar o máximo posible o tempo que lles queda. Como pescadores de homes, tamén temos este motivo especial para predicar agora. O fin deste sistema achégase moi rápido. A esta obra salvavidas quédalle moi pouco tempo. Non o deixes para máis adiante nin penses que é mellor esperar a ter as circunstancias ideais para participar neste labor tan importante (Ecl. 11:4).

20 Empeza xa. Aumenta a túa motivación, o teu coñecemento da Biblia, o teu valor e sé máis disciplinado. Únete ós máis de oito millóns de pescadores de homes e sente a alegría que vén de Xehová (Neh. 8:10). Decídete a predicar todo o que poidas e a seguir facéndoo ata que Xehová diga que esta obra rematou. No seguinte artigo imos ver de que tres maneiras podemos fortalecer a nosa decisión de seguir predicando as boas novas do Reino como pescadores de homes.

CANCIÓN sn 47 Prediquemos a boa nova

^ par.5 Xesús invitou uns pescadores humildes e traballadores a ser os seus discípulos. Hoxe en día, Xesús tamén invita as persoas que teñen esa personalidade a ser pescadores de homes. Este artigo analizará o que teñen que facer os estudantes da Biblia que non se deciden a aceptar a invitación de Xesús.

^ par.1 IDEA IMPORTANTE: A expresión “pescadores de homes” refírese a tódolos que predican as boas noticias e ensinan a outros a facerse discípulos de Cristo.

^ par.10 Ver o artigo “Enseñemos la verdad” en La Atalaya de outubro de 2018, páxinas 11 a 16.