Ir ó contido

Ir ó índice

Cando e onde orar?

Cando e onde orar?

A MAIORÍA das grandes relixións do mundo establecen lugares e horarios específicos para orar. Agora ben, fai a Biblia o mesmo?

O certo é que si indica momentos nos que resulta axeitado orar. Por exemplo, Xesús deu grazas a Deus antes de comer cos seus discípulos (Lucas 22:17). Os seus discípulos tamén oraban cada vez que se reunían para adorar a Deus. Pero este non era un costume novo. Xa se facía nas sinagogas xudías e no templo de Xerusalén. De feito, Deus quería que ese templo fose unha “casa de oración para tódolos pobos” (Marcos 11:17).

Cando os servos de Deus se reúnen e oran xuntos, as súas peticións poden ter moita forza. A Deus gústalle moito cando un grupo ora coa actitude correcta e o que lle piden está en harmonía coa súa vontade. De feito, esas oracións mesmo poden motivalo a facer algo que doutro xeito non faría (Hebreos 13:18, 19). As testemuñas de Xehová oran en tódalas súas reunións. Se queres escoitar estas oracións, estas invitado a vir ó Salón do Reino máis próximo para escoitalas por ti mesmo.

Con todo, a Biblia non indica que só se deba orar a certas horas ou nun lugar específico. Nela dise que os servos de Deus oraban a calquera hora e en calquera lugar. Xesús dixo: “Cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar” (Mateo 6:6).

Podemos orarlle a Deus a calquera hora e en calquera lugar

Non che parece marabilloso saber que podemos dirixirnos ó Soberano do Universo e que el nos escoitará sen importar cando ou onde o fagamos? Iso explica por que Xesús buscaba oportunidades de estar só para orar. Nunha ocasión, antes de tomar unha decisión importante, pasou unha noite enteira orando (Lucas 6:12, 13).

Pero tamén houbo outros homes e mulleres fieis que se dirixiron a Deus antes de tomar decisións importantes ou ó enfrontarse a graves desafíos. Pero, sen importar se o fixeron en voz alta ou en silencio, sós ou en grupo, o importante é que oraron. Xehová mesmo dinos: “Orade constantemente” (1 Tesalonicenses 5:17). Non che parece que esta é unha invitación moi agarimosa? El sempre está disposto a escoitar os que fan a súa vontade.

Así e todo, moitas persoas son escépticas e pregúntanse se serve de algo orar na actualidade. Poida que mesmo ti te preguntes: “De verdade me pode axudar a min a oración?”.