Ir ó contido

Ir ó índice

Como orar?

Como orar?

A DIFERENZA do que fan moitas relixións, a Biblia non lles dá moita importancia á postura, ás palabras e ós aspectos cerimoniais da oración. Máis ben, céntrase en cuestións máis importantes.

A Biblia describe a servos fieis de Deus orando en diversos lugares e posturas. En función das circunstancias, unhas veces oraron sen pronunciar palabra, e outras, en voz alta. Algúns dirixiron a vista ó ceo, e outros prostráronse no chan. En ningún caso utilizaron imaxes nin rosarios nin devocionarios. Simplemente expresaron o que sentían nas súas propias palabras. Que fixo que as súas oracións lle agradasen a Deus?

Para empezar, que estaban dirixidas a Xehová, un requisito indispensable como xa vimos. Pero na Biblia sinálase outra razón: “Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14; cursiva nosa). Así é, as nosas oracións teñen que estar de acordo coa vontade de Deus. Que significa isto?

Antes de nada, debemos saber cal é a vontade de Deus. Así pois, é preciso estudar a súa Palabra. Por suposto, Xehová non espera que nos convertamos en grandes eruditos da Biblia. Pero si quere que nos esforcemos por entender os Seus propósitos e por actuar en consecuencia (Mateo 7:21-23). O que aprendemos na Biblia debe reflectirse nas nosas oracións.

Para que Deus nos escoite, temos que ter fe, as nosas oracións deben estar en harmonía coa súa vontade e debemos facelas no nome de Xesús

Ademais, canto máis aprendemos de Xehová e da súa vontade, máis crece a nosa fe. Esta é outra condición imprescindible para que Deus nos escoite. Xesús dixo: “Todo canto pidades con fe na oración, recibirédelo” (Mateo 21:22; cursiva nosa). Aínda que ter fe implica crer en algo que non se ve, non equivale a ser crédulos. A fe da que falaba Xesús está ben fundamentada en probas (Hebreos 11:1). É certo que non podemos ver a Xehová, pero a Biblia está chea de probas que demostran que existe, que é de fiar e que lle responde a quen ten fe nel. De feito, sempre podemos pedirlle que nos dea máis fe. Xehová daranos encantado todo canto precisamos (Lucas 17:5; Santiago 1:17).

Pero inda queda por ver un aspecto crucial para que Deus escoite as nosas oracións. Xesús dixo: “Ninguén chega onda o Pai máis ca por min” (Xoán 14:6). Dito doutro xeito, o Fillo de Deus é o único medio a través do cal podemos achegarnos ó Pai. Por iso Xesús lles ensinou ós seus discípulos que debían orar no seu nome (Xoán 14:13; 15:16). Agora ben, orar no nome de Xesús non significa que lle debamos orar a el. Máis ben, implica recoñecer que é grazas a el que podemos dirixirnos ó noso Pai celestial, que é perfecto e santo.

En certa ocasión, un dos discípulos pediulle a Xesús: “Mestre, apréndenos a rezar” (Lucas 11:1). A que se refería? Está claro que eles xa sabían orar. Así que todo indica que lle estaban a preguntar sobre o contido das oracións, é dicir, sobre que orar.