Escoita e responde Deus as nosas oracións?
ESTA é unha das preguntas que máis curiosidade esperta na xente. A Biblia ensina que Deus escoita algunhas oracións, pero non todas. Escoitará as nosas? Moito dependerá de nós.
Xesús condenou a hipocrisía que demostraban os líderes relixiosos do seu tempo cando oraban. Só lles preocupaba dar a impresión de que eran moi devotos. De feito, dixo que eles xa recibiran “a súa recompensa”. Eses relixiosos en realidade non querían que Deus os escoitase, senón chamar a atención da xente, así que iso sería o único que recibirían (Mateo 6:5). Algo parecido pasa na actualidade. Moitas persoas non oran pensando en Deus, senón en si mesmas. E claro, como non seguen os principios bíblicos que analizamos nos artigos anteriores, non reciben resposta.
E que hai de cada un de nós? Para que Xehová conteste as nosas oracións, non temos que pertencer a unha raza, unha nación ou unha clase social en particular. A Biblia di que “Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa” (Feitos 10:34, 35). Descríbente a ti estas palabras? Se lle es fiel a Deus teralo en tan alta estima que non quererás facer nada que lle desagrade. E se practicas a xustiza, esforzaraste por facer a Súa vontade, e non a túa ou a doutros seres humanos. Polo tanto, se queremos que Xehová escoite as nosas oracións, temos que seguir a guía da súa Palabra. *
Por suposto, moitas persoas esperan que Deus conteste as súas oracións cun milagre. Con todo, mesmo na antigüidade, poucas veces foi así. No relato bíblico, ás veces transcorren séculos entre un milagre e o seguinte. Ademais, as Escrituras sinalan que a época dos milagres remataría trala morte dos apóstolos (1 Corintios 13:8-10). Significa iso que na actualidade Deus non responde as oracións? Non! Imos ver algunhas que si responde.
Deus dá sabedoría. Xehová é a fonte suprema da verdadeira sabedoría. E el compártea con xenerosidade cos que buscan a súa guía e se esforzan por seguila (Santiago 1:5).
Deus dá espírito santo. Nada pode compararse ó espírito santo, é dicir, a forza activa de Deus, o seu poder en acción. Non hai ningunha forza máis forte. Pode axudarnos a superar probas. Pode darnos paz cando estamos preocupados. E pode axudarnos a cultivar calidades moi fermosas (Gálatas 5:22, 23). Xesús prometeu que Deus lles dará ós seus seguidores todo o espírito santo que precisen (Lucas 11:13).
Deus dálle coñecemento a quen o busca con sinceridade. Como se indica en Feitos 17:26, 27, no mundo hai moitas persoas sinceras que buscan a verdade e queren saber máis de Deus. Queren coñecer o seu nome, o seu propósito para a Terra e para os seres humanos, e saber como achegarse a el (Santiago 4:8). As testemuñas de Xehová atopan moitas persoas así e están encantadas de ensinarlles as respostas que dá a Biblia ás súas preguntas.
É esa a razón pola que aceptaches esta revista? Estás a buscar a Deus? Nese caso, poida que esta sexa a resposta ás túas oracións.
^ par.5 Atoparás máis información no capítulo 17 do libro Que ensina realmente a Biblia?, publicado polas Testemuñas de Xehová.