Orixinouse a humanidade no xardín de Edén?
Orixinouse a humanidade no xardín de Edén?
IMAXINA que estás nun xardín, lonxe do ruído e do caos da cidade. É un xardín enorme, cheo de paz e tranquilidade. Ademais, non che doe nada, non tes ningunha enfermidade nin tampouco nada que che preocupe. Podes desfrutar dese lugar sen nada que te distraia.
O primeiro que te sorprende son as intensas cores das plantas e das árbores. Quédaste mirando como a cálida luz do sol vai creando diferentes tons nelas. Sentes unha suave brisa que move as follas e vai espallando agradables aromas. Escoitas o relaxante ruído da auga dun regato que pasa entre as pedras, o fermoso canto dos paxaros, o zunzún dos insectos entre as flores... A quen non lle gustaría estar nun sitio así?
Xente de todo o mundo opina que a humanidade comezou nun sitio así. Dende hai séculos, os xudeus, os cristiáns e os musulmáns cren que Adam e Eva, os nosos primeiros pais, viviron no xardín de Edén. Segundo a Biblia, eran felices e estaban en paz entre si e cos animais. Ademais, desfrutaban dunha boa relación con Deus, o seu xeneroso Creador que lles dera a oportunidade de vivir para sempre naquel paraíso (Xénese 2:15-24).
Os hinduístas tamén ensinan que hai moito tempo existiu un paraíso. Moitos budistas cren que os seus mestres espirituais, os budas, aparecen en épocas douradas da historia nas que o mundo desfruta de condicións paradisíacas. E moitas relixións africanas contan relatos que teñen moitas cousas en común co relato de Adam e Eva.
De feito, en case tódalas relixións e culturas existe a crenza dalgún tipo de paraíso orixinal. Un historiador explica: “Moitas civilizacións crían nun paraíso orixinal onde reinaba a perfección, a liberdade, a paz, a felicidade, a abundancia e a ausencia de violencia, de tensións e de conflitos. [...] De aí nace a profunda nostalxia na conciencia colectiva polo paraíso perdido, pero nunca esquecido, e o forte desexo de recuperalo”.
Por que está tan estendida esta crenza? Será que “a conciencia colectiva” da humanidade garda o recordo dun pasado común? De verdade existiron Adam, Eva e o xardín de Edén?
Para algunhas persoas esta idea é ridícula. Nesta era de avances científicos, non son poucos os que ven o Paraíso como unha simple lenda. E o sorprendente é que ata algúns líderes relixiosos negan que o xardín de Edén existise. Afirman que non é máis ca un mito, unha metáfora ou unha parábola.
É certo que a Biblia contén moitas parábolas. As máis coñecidas son as que contou Xesús para ensinarlles leccións ós seus discípulos. Pero a Palabra de Deus non presenta o relato do xardín de Edén como unha narración ficticia, senón como unha historia real. Se non fose verdade, como poderiamos confiar no resto da Biblia? Por iso, que che parece se analizamos por que algunhas persoas desconfían desta historia? Despois veremos varias razóns polas que este relato é moi importante para cada un de nós.