Ir ó contido

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

POR QUE un home que era polígamo e estaba en contra das testemuñas de Xehová decidiu facerse Testemuña? Que moveu a un pastor da Igrexa pentecostal a cambiar de crenzas? Que axudou a unha muller traumatizada dende a infancia a superar o odio a si mesma e achegarse a Deus? Por que un fanático do heavy metal se converteu nun servo de Deus? Vexamos as respostas.

“Agora son mellor marido” (RIGOBERT HOUETO)

  • ANO DE NACEMENTO: 1941

  • PAÍS DE ORIXE: BENÍN

  • OUTROS DATOS: POLÍGAMO E OPOSTO ÁS TESTEMUÑAS DE XEHOVÁ

O MEU PASADO

Nacín en Cotonou, unha cidade grande de Benín. Educáronme no catolicismo, pero case nunca ía a misa. Moitos católicos tiñan varias mulleres, pois a poligamia era legal daquela. De feito, eu cheguei a ter catro mulleres.

Nos anos setenta empezou unha revolución en Benín. Convencido de que sería algo bo para o país, deille todo o meu apoio e involucreime na política. Ós revolucionarios non lles gustaban as testemuñas de Xehová porque eran neutrais, e eu participei en perseguilas. En 1976, cando os seus misioneiros foron expulsados de Benín, pensei que nunca volverían.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

A revolución acabou en 1990. Para a miña sorpresa os misioneiros das testemuñas de Xehová apareceron deseguida. Empecei a pensar que, ó mellor, Deus estaba con eles. Nesa época cambiei de traballo. Un dos meus compañeiros era testemuña de Xehová, e non tardou en falarme da súa fe. Leume versículos da Biblia que definen a Xehová como un Deus de xustiza e amor (Deuteronomio 32:4; 1 Xoán 4:8). Aquelas calidades gustáronme moito e, como quería saber máis, aceptei un curso bíblico.

Pronto comecei a asistir ás reunións das testemuñas de Xehová. Impresionoume ver o amor sincero que se tiñan e que non facían distincións raciais nin sociais. Canto máis me relacionaba con eles, máis claro vía que eran os verdadeiros seguidores de Xesús (Xoán 13:35).

Entendín que, se quería servir a Xehová, tiña que abandonar a Igrexa católica. Recoñezo que foi unha decisión difícil, pois preocupábame moito o que dixese a xente. Pero, aínda que me levou tempo, coa axuda de Xehová enchinme de valor e renunciei á Igrexa.

Aínda me quedaba outro cambio grande que facer. Na Biblia aprendín que Deus non acepta a poligamia (Xénese 2:18-24; Mateo 19:4-6). Ós ollos del, só o meu primeiro matrimonio era válido. Así que o rexistrei legalmente e deixei as outras mulleres que tiña, encargándome de que as súas necesidades materiais quedasen cubertas. Co tempo, dúas delas fixéronse testemuñas de Xehová.

OS BENEFICIOS

Aínda que a miña muller segue sendo católica, respecta a miña decisión de servir a Xehová. Os dous sentimos que agora son mellor marido ca antes.

No pasado cría que mediante a política podería mellorar a sociedade onde vivía, pero non foi así. Agora sei que o Reino de Deus é a única solución ós problemas do mundo (Mateo 6:9, 10). Agradézolle a Xehová que me ensinase a levar unha vida que me fai realmente feliz.

“Non foi fácil facer os cambios necesarios” (ALEX LEMOS SILVA)

  • ANO DE NACEMENTO: 1977

  • PAÍS DE ORIXE: O BRASIL

  • OUTROS DATOS: PASTOR PENTECOSTAL

O MEU PASADO

Crieime nas aforas de Itu, unha cidade do estado de São Paulo. O meu barrio era famoso polo seu alto índice de criminalidade.

Eu era extremadamente violento e inmoral. Ademais traficaba con drogas. Pero co tempo deime conta de que aquela vida me levaría á prisión ou á tumba, así que decidín deixalo todo. Foi entón cando me unín á Igrexa pentecostal, da que cheguei a ser pastor.

Pensaba que a través da igrexa podería axudar a xente e ata cheguei a ter un programa relixioso na radio que me fixo popular na zona. Pero pouco a pouco funme dando conta de que a igrexa en xeral non se preocupaba polos seus membros e moito menos por honrar a Deus. Parecía que o único que lles importaba era gañar cartos. Así que decidín renunciar.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Cando empecei un curso da Biblia coas testemuñas de Xehová, vin que eran diferentes doutras relixións. Impresionáronme dúas cousas. Primeiro, non se limitan a falar do amor a Deus e ós demais, senón que o demostran. E segundo, non participan nin na política nin nas guerras (Isaías 2:4). Estes dous factores convencéronme de que atopara a relixión verdadeira, o camiño estreito que leva á vida eterna (Mateo 7:13, 14).

Entendín que, para agradarlle a Deus, tería que facer cambios drásticos na miña vida. Por exemplo, debía ser máis humilde e dedicarlle máis tempo á miña familia. Non foi fácil facer tódolos cambios necesarios pero, coa axuda de Xehová, conseguino. A miña muller, que empezara a estudar antes ca min, quedou impresionada e comezou a progresar máis rápido. Ó pouco tempo decidimos facernos testemuñas de Xehová. Bautizámonos o mesmo día.

OS BENEFICIOS

A miña muller mais eu desfrutamos axudando ós nosos tres fillos a ser amigos de Xehová. Somos unha familia feliz. Agradézolle a Deus que me permitise coñecer a verdade da súa Palabra. A Biblia cambia a vida da xente, e eu son proba diso.

“Síntome limpa, viva e en paz” (VICTORIA TONG)

  • ANO DE NACEMENTO: 1957

  • PAÍS DE ORIXE: AUSTRALIA

  • OUTROS DATOS: TIVO UNHA INFANCIA TRÁXICA

O MEU PASADO

Son a maior de sete irmáns e crieime en Newcastle (Nova Gales do Sur). Meu pai era un home violento e alcohólico. Miña nai tamén era violenta e maltratábame tanto verbal como fisicamente. Tódolos días me dicía que era mala e que acabaría no inferno. Aquelas ameazas aterrorizábanme.

Moitas veces faltaba a clase polas feridas que me facía miña nai. Cando tiña 11 anos, as autoridades quitáronlles ós meus pais a miña custodia e fixéronse cargo de min. Internáronme nun convento, do que fuxín ó cumprir os 14. Como non quería volver a casa, quedei a vivir nas rúas de Kings Cross (un barrio de Sydney).

Mentres vivía na rúa, caín nas drogas, no alcohol, na pornografía e na prostitución. En certa ocasión vivín unha experiencia que me asustou de verdade. Eses días estaba durmindo no apartamento do dono dunha discoteca. Unha das noites el recibiu a visita de dous homes e mandoume ó dormitorio, pero puiden escoitar a conversación. Planeaba venderme a aqueles homes. Ían esconderme nun barco e levarme ó Xapón para que traballase nun bar. Entrei en pánico, saltei polo balcón e corrín en busca de axuda.

Dei cun home que estaba visitando Sydney e expliqueille a situación coa esperanza de que me dese cartos. En vez diso, díxome que fose ó seu aloxamento para ducharme e comer algo. Ó final, quedei xunta el e un ano despois casamos.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Cando empecei a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová, experimentei diferentes emocións. Por un lado sentín moita rabia ó saber que Satanás é o causante da maldade. Sempre me dixeran que era Deus quen nos facía sufrir. Pero, ó mesmo tempo, sentinme moi aliviada ó aprender que Deus non nos castiga no inferno, algo que me aterrorizaba dende nena.

Impresionoume ver que as testemuñas de Xehová toman tódalas súas decisións baseándose no que di a Biblia. De verdade viven a súa fe. Aínda que eu era unha persoa difícil, tratábanme con amor e respecto, sen importar o que dixese ou fixese.

A miña loita máis grande foi controlar a miña baixa autoestima. Odiábame a min mesma e eses sentimentos seguiron incluso tempo despois de bautizarme como testemuña de Xehová. Eu sabía que amaba a Deus, pero estaba convencida de que el nunca podería amar a alguén coma min.

Todo cambiou uns quince anos despois do meu bautismo. Nun discurso que escoitei no Salón do Reino das testemuñas de Xehová, o orador explicou Santiago 1:23, 24. Estes versículos comparan a Palabra de Deus a un espello no que podemos vernos como Xehová nos ve. Empecei a preguntarme se o que eu vía de min mesma era distinto do que vía Deus. Ó principio non quería aceptar esa idea porque aínda sentía que non merecía o seu amor.

Pero, uns cantos días despois, lin un texto bíblico que cambiou a miña vida. Foi Isaías 1:18, que menciona as seguintes palabras de Xehová: “Vinde acá, e razoemos xuntos [...]: Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán”. Pareceume que Xehová estaba a falarme a min, dicindo: “Ven, Vicky, imos razoar xuntos. Coñézote, coñezo os teus pecados, coñezo o teu corazón e, así e todo, quérote”.

Aquela noite non puiden durmir. Aínda se me facía difícil crer que Deus me quixese, pero empecei a meditar no sacrificio de Xesús. De repente, caín na conta de que Xehová fora moi paciente comigo durante moito tempo e comprendín que me demostraba o seu amor de moitas maneiras. Pero era como se eu lle estivese dicindo: “O teu amor non pode alcanzarme. O sacrificio do teu Fillo non é suficiente para perdoar os meus pecados”. En realidade, era como se estivese desprezando o rescate. Pero agora, por fin, ó meditar neste regalo de Xehová, empecei a sentir que me quería.

OS BENEFICIOS

Síntome limpa, viva e en paz. O meu matrimonio mellorou, e estou contenta de poder axudar os demais coa miña experiencia persoal. Cada día síntome máis cerca de Xehová.

“Foi a resposta á miña oración” (SERGEY BOTANKIN)

  • ANO DE NACEMENTO: 1974

  • PAÍS DE ORIXE: RUSIA

  • OUTROS DATOS: FANÁTICO DO HEAVY METAL

O MEU PASADO

Nacín nunha familia pobre en Vótkinsk, o mesmo lugar onde naceu o famoso compositor Piotr Ilich Chaikovski. Meu pai tiña moi boas calidades, pero era alcohólico, así que sempre había un ambiente tenso na casa.

Eu non era moi bo estudante e, co paso dos anos, medrou en min un complexo de inferioridade. Volvinme retraído e desconfiado con todo o mundo, e ir á escola provocábame moito estrés. Por exemplo, cando tiña que presentar un traballo na clase, era incapaz de explicar conceptos básicos que noutros momentos podía expresar perfectamente. Cando estaba en secundaria, no meu expediente poñía: “Vocabulario limitado; incapaz de expresarse”. Aquelas palabras afundíronme aínda máis e deixáronme cun profundo sentimento de inutilidade. Empecei a preguntarme que sentido tiña a miña vida.

Na adolescencia empecei a tomar bebidas alcohólicas. Ó principio iso facíame sentir ben pero, cando bebía de máis, remordíame a conciencia. Parecíame que a miña vida non tiña sentido. Sentíame cada vez máis deprimido e ás veces pasaba varios días sen saír da casa. Ata cheguei a ter pensamentos suicidas.

Cando cumprín 20 anos, atopei unha saída no heavy metal. Sentía que esa música me enchía de enerxía, así que me xuntei con outros que tamén a escoitaban. Deixeime medrar o pelo, fureime as orellas e vestinme coma os meus ídolos. Pouco a pouco, funme convertendo nunha persoa temeraria e violenta e iso facía que discutise moito coa miña familia.

Cría que escoitar esa música me faría feliz, pero sucedeu xusto o contrario. E vez de ir a mellor ía a peor! E cando souben dalgúns asuntos turbios nos que estaban envoltos os artistas que admiraba, sentinme traizoado.

Volvín ter pensamentos suicidas pero, desta volta, aínda máis intensos. O único que me freaba era pensar en canto lle afectaría á miña nai. Ela queríame moito e fixera moito por min. Aquilo era insoportable: non quería seguir vivindo, pero tampouco podía quitarme a vida.

Para distraerme, púxenme a ler obras clásicas da literatura rusa. Nunha delas, o protagonista era un ministro relixioso. De repente, sentín un desexo moi forte de facer algo por Deus e por outros. Abrinlle o meu corazón a Deus, algo que nunca fixera, e pedinlle que me axudase a atoparlle sentido á miña vida. Durante aquela oración, invadiume unha estraña sensación de alivio. Pero o máis raro foi o que pasou só dúas horas despois: unha testemuña de Xehová chamou á miña porta e ofreceume un curso da Biblia. Creo que foi a resposta á miña oración. Aquel día foi o primeiro dunha vida nova e feliz.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Aínda que foi moi difícil, tirei tódalas cousas relacionadas co heavy metal. Aínda así, seguín tendo aquela música metida na cabeza moito tempo. Sempre que pasaba cerca dun local onde poñían aquela música víñame á mente o meu pasado. Non quería xuntar aqueles recordos desagradables coas cousas boas que agora enchían a miña mente e corazón. Por iso decidín deixar de pasar por aqueles sitios. Ademais, cando me viña a tentación de darlle voltas ó meu pasado, oraba con tódalas miñas forzas. Facer isto axudoume a sentir como “a paz de Deus” protexía os meus pensamentos (Filipenses 4:7).

Ó estudar a Biblia aprendín que os cristiáns teñen a obrigación de falarlles ós demais da súa fe (Mateo 28:19, 20). Eu pensaba que nunca sería capaz de facelo. Pero, ó mesmo tempo, o que aprendía dábame felicidade e paz e sabía que outras persoas tamén necesitaban coñecer estas verdades. Por iso, a pesar dos meus medos, animeime a falar cos demais do que aprendía. Para a miña sorpresa, a predicación deume confianza en min mesmo e tamén fixo máis forte a miña fe.

OS BENEFICIOS

Agora estou felizmente casado e tiven o privilexio de axudar a varias persoas a descubrir as verdades da Biblia, entre elas a miña irmá e a miña nai. Servir a Deus e axudar ós demais a coñecelo deulle auténtico sentido á miña vida.