Ir ó contido

Ir ó índice

“Se permanecedes na miña palabra”

“Se permanecedes na miña palabra”

“Se permanecedes na miña palabra”

“Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; e coñeceréde-la verdade e a verdade faravos libres.” (XOÁN 8:31, 32)

Que significa? Ó dicir “na miña palabra”, Xesús referíase ó que el ensinaba. Con todo, explicou que os seus ensinos proviñan dunha fonte superior: “O mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei de falar” (Xoán 12:49). Nunha oración ó seu Pai celestial, Xehová Deus, el recoñeceu: “A túa palabra é verdade”. Por iso, cando ensinaba, citaba a miúdo do que Deus lles dixera ós seus servos no pasado (Xoán 17:17; Mateo 4:4, 7, 10). Como permanecen na palabra de Xesús os cristiáns verdadeiros? Aceptando a Palabra de Deus, a Biblia, como a única fonte da verdade e a máxima autoridade en cuestión de crenzas e normas de conduta.

O exemplo dos primeiros cristiáns. O apóstolo Paulo —o cristián que máis cartas bíblicas escribiu— sentía o mesmo respecto que Xesús pola Palabra de Deus. El afirmou: “Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil” (2 Timoteo 3:16). Ós homes encargados de ensinar na congregación díxoselles que non debían ensinar outra mensaxe que non fose a que recibiran de Deus (Tito 1:7, 9). E advertiulles a tódolos cristiáns que tivesen coidado coas filosofías e as ensinanzas dos homes: “¡Ollo!, que ninguén vos enguedelle con filosofías e especulacións sen contido, fundadas nas tradicións dos homes, nos elementos deste mundo e non en Cristo” (Colosenses 2:8).

Quen fai o mesmo na actualidade? Na Constitución dogmática sobre la divina revelación —aprobada polo Vaticano en 1965 e citada no Catecismo da Igrexa Católica— indícase que “a Igrexa non saca exclusivamente da Escritura a certeza de todo o revelado. E así ámbalas dúas [a Sagrada Tradición e a Sagrada Escritura] hanse de recibir e respectar co mesmo espírito de devoción”. Na revista Maclean’s, unha ministra relixiosa de Toronto (O Canadá) dicía: “Por que deberiamos guiarnos por unha voz ‘innovadora’ de hai dous mil anos? Nós tamén temos magníficas ideas, pero perden forza ó ter que fundalas sempre nos ensinos de Xesús e nas Escrituras”.

A New Catholic Encyclopedia di das testemuñas de Xehová: “Consideran que a Biblia é a única base das súas crenzas e das súas normas de conduta”. Non hai moito, un home do Canadá interrompeu unha testemuña de Xehová que se estaba presentando e díxolle: “Xa sei quen sodes”. E sinalando a Biblia da muller engadiu: “O libro que levas na man identifícavos”.