A Biblia cambioulles a vida
QUE lle deu verdadeiro sentido á vida dunha muller que tiña unha carreira profesional prometedora e á que non lle interesaba aprender acerca de Deus? Como lle cambiou a vida a un mozo católico cando aprendeu a verdade sobre a morte? Que verdade sobre Deus motivou un mozo desilusionado coa vida a falarlles a outros acerca de Deus? Deixemos que eles mesmos nolo expliquen.
“Levaba moitos anos preguntándome: ‘Por que estamos aquí?’” (ROSALIND JOHN)
ANO DE NACEMENTO: 1963
PAÍS DE ORIXE: O REINO UNIDO
OUTROS DATOS: TIÑA UNHA PRESTIXIOSA CARREIRA PROFESIONAL
O MEU PASADO
Nacín en Croydon, ó sur de Londres. Son a sexta de nove irmáns. Meus pais eran de San Vicente, unha illa do Caribe. Miña nai asistía á igrexa metodista. A min non me interesaba aprender acerca de Deus, pero encantábame estudar e aprender cousas novas. Cando tiña vacacións no colexio, adoitaba pasalas lendo libros da biblioteca á beira dun lago que había preto da nosa casa.
Algúns anos despois de rematar o instituto, deime conta de que quería axudar ós que máis o necesitaban. Por iso empecei a traballar con persoas sen fogar e con aquelas que tiñan discapacidades físicas ou problemas de aprendizaxe. Tamén empecei unha carreira universitaria de ciencias da saúde. Para a miña sorpresa, despois de graduarme conseguín traballos moi ben pagados que me permitían levar un estilo de vida moi alto. Traballaba pola miña conta como asesora e investigadora social, e o único que necesitaba era o meu portátil e unha conexión a Internet. A miúdo viaxaba ó estranxeiro, onde pasaba varias semanas no meu hotel favorito desfrutando de fermosas vistas e aproveitando o spa e o ximnasio para manterme en forma. Pensaba que a miña vida era marabillosa. Aínda así, seguíanme preocupando moito as persoas que sufrían.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
Levaba moitos anos preguntándome: “Por que estamos aquí?” e “Cal é o sentido da vida?”. Pero nunca intentara buscar as respostas na Biblia. Un día de 1999, viñéronme visitar miña irmá máis nova, Margaret, e unha amiga súa. As dúas eran testemuñas de Xehová. A amiga interesouse moito por min e, non sei como, pero ó final acabei aceptando estudar a Biblia con ela. Ó principio, o meu progreso foi moi lento porque a miña carreira e o meu estilo de vida ocupaban a maior parte do meu tempo.
No verán do 2002 mudeime ó suroeste de Inglaterra, onde empecei un posgrao universitario de investigación social para doutorarme. Tamén comecei a asistir máis regularmente co meu fillo ás reunións que se celebraban no Salón do Reino das Testemuñas de Xehová. Aínda que me gustaba estudar na universidade, o que realmente me axudou a entender os problemas da vida e como solucionalos foi estudar a Biblia. Deime conta do certas que son as palabras de Mateo 6:24, que din que non podemos servir a dous amos. Ou servimos a Deus, ou as riquezas. Sabía que tiña que decidir cales eran as miñas prioridades.
O ano anterior, estivera indo á casa dunhas testemuñas de Xehová para estudar a Biblia en grupo. Analizamos o libro ¿Existe un Creador que se interese por nosotros? a O que aprendín convenceume de que só o noso Creador, Xehová, ten a solución ós problemas da humanidade. Pero na universidade ensinábanme que non necesitamos a Deus para que a nosa vida teña sentido. Iso molestábame moito. Así que, despois de dous meses, deixei o curso de posgrao e decidín dedicar máis tempo a aprender acerca de Deus.
As palabras rexistradas en Proverbios 3:5, 6 (TNM) motiváronme a cambiar o meu estilo de vida. Alí di: “Confía en Xehová con todo o teu corazón e non te apoies no teu propio entendemento. Tómao en conta en tódolos teus camiños, e el fará rectas as túas sendas”. Aprender sobre o noso cariñoso Deus facíame moito máis feliz que os cartos e o prestixio que me puidese dar un doutoramento ou un traballo importante. Canto máis aprendía sobre o propósito de Xehová para a Terra e o sacrificio que Xesús fixera ó dar a súa vida por nós, maior era o meu desexo de dedicar a miña vida ó noso Creador. Así que me bauticei en abril do 2003 e pouco a pouco fun simplificando a miña vida.
OS BENEFICIOS
A miña amizade con Xehová non ten prezo. Coñecelo deume verdadeira paz interior e felicidade. Tamén me fai moi feliz ter amigos que aman a Xehová.
Ségueme encantando aprender cousas novas. Por iso, aprender de Xehová na Biblia e nas reunións dáme moita satisfacción. Tamén me gusta moito compartir as miñas crenzas con outros. Isto converteuse na miña carreira na vida e permíteme axudar a moitas persoas a ter unha vida mellor agora e a marabillosa esperanza de vivir nun mundo novo no futuro. Dende xuño do 2008 dedico gran parte do meu tempo a predicar. Nunca antes me sentira tan feliz e satisfeita! Por fin a miña vida ten verdadeiro sentido e doulle moitas grazas a Xehová por iso.
“A morte do meu amigo impactoume moito” (ROMAN IRNESBERGER)
ANO DE NACEMENTO: 1973
PAÍS DE ORIXE: AUSTRIA
OUTROS DATOS: XOGABA POR CARTOS
O MEU PASADO
Crieime na vila de Braunau, Austria, nunha rexión próspera onde había moi pouca delincuencia. Como a miña familia era católica, educáronme nesa relixión.
En 1984, cando só tiña 11 anos, pasou algo que marcou a miña vida. Recordo que estivera xogando ó fútbol cun dos meus mellores amigos. Pero aquel mesmo día, pola tarde, el morreu nun accidente de tráfico. A morte do meu amigo impactoume moito. Despois do accidente pregunteime durante anos que pasa cando morremos.
Cando rematei os meus estudos comecei a traballar de electricista. Tamén empecei a xogar por cartos e, aínda que apostaba grandes sumas de diñeiro, non tiña problemas económicos. Ademais, pasaba moito tempo facendo deporte e empecei a escoitar música punk e heavy metal. Encantábame ir ás festas e ás discotecas. Sempre buscaba formas de pasalo ben e levaba un estilo de vida inmoral. Pero, en realidade, sentíame baleiro.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
En 1995, un home maior que era testemuña de Xehová petou á miña porta. Ofreceume un libro baseado na Biblia que respondía á pregunta “Que pasa cando morremos?”. Aínda non fora capaz de superar a morte do meu amigo, así que, aceptei o libro. E non só lin o capítulo que falaba da morte, senón o libro enteiro!
O que lin respondeu as preguntas que tiña sobre a morte e moitas máis. Como me educaran como católico, as miñas crenzas centrábanse sobre todo na figura de Xesús, e non tanto en Deus. Pero, estudar a Biblia máis a fondo axudoume a ter unha amizade máis estreita co pai de Xesús, Xehová Deus. Fíxome moi feliz saber que Xehová non é un deus distante, senón que quere que nos acheguemos a el e que o coñezamos (Mateo 7:7-11). Tamén aprendín que Xehová ten sentimentos e que sempre cumpre coa súa palabra. Isto fixo que me interesase máis nas profecías bíblicas e que investigase o seu cumprimento. O que descubrín fortaleceu a miña fe en Deus.
Axiña me din conta de que as testemuñas de Xehová eran as únicas persoas que coñecía que de verdade se interesaban en axudar á xente a entender a Biblia. Anotaba os textos bíblicos que aparecían nas publicacións das Testemuñas de Xehová e buscábaos na miña Biblia católica. Canto máis investigaba, máis seguro estaba de que encontrara a verdade.
No meu curso da Biblia aprendín que Xehová quere que viva segundo as súas normas. Ó ler Efesios 4:22-24 (TNM) vin claro que debía desfacerme da miña “vella personalidade”, que se correspondía co meu “comportamento anterior”, e que tiña que “poñer a nova personalidade que foi creada segundo a vontade de Deus”. Así que abandonei o meu estilo de vida inmoral. Tamén entendín que tiña que deixar de xogar por cartos, xa que este hábito fomenta o materialismo e a cobiza (1 Corintios 6:9, 10, TNM). Sabía que para facer eses cambios debía deixar de quedar cos amigos que tiña e facer novos amigos entre as persoas que compartían os meus valores.
Non me resultou fácil facer todos aqueles cambios. Pero empecei a asistir ás reunións das Testemuñas de Xehová no Salón do Reino e alí fixen novos amigos. Tamén seguín investigando a Biblia pola miña conta. Facer estas cousas axudoume a cambiar os meus gustos musicais, as miñas metas na vida e a mellorar a miña aparencia persoal. En 1995 bauticeime como testemuña de Xehová.
OS BENEFICIOS
Agora teño un punto de vista equilibrado sobre os cartos e os bens materiais. Antes adoitaba ter moito xenio, pero agora son unha persoa máis tranquila. Xa non estou tan preocupado polo que poida pasar no futuro.
Encántame formar parte dun grupo internacional de persoas que serven fielmente a Xehová a pesar de que teñen que loitar cos seus propios problemas. Faime moi feliz dedicar todo o meu tempo e enerxías, non a satisfacer os meus propios desexos, senón a servir a Xehová e a facer o ben a outras persoas.
“A miña vida por fin ten sentido” (IAN KING)
ANO DE NACEMENTO: 1963
PAÍS DE ORIXE: INGLATERRA
OUTROS DATOS: SENTÍAME DESILUSIONADO COA VIDA
O MEU PASADO
Nacín en Inglaterra, pero cando tiña 7 anos a miña familia mais eu mudámonos a Australia. Alí instalámonos en Gold Coast, unha zona turística de Queensland. Aínda que non eramos ricos, nunca nos faltou de nada.
A pesar de que sempre tivemos o necesario, non era realmente feliz. De feito, empecei a sentirme desilusionado coa vida. O meu pai bebía moito. Nunca cheguei a terlle demasiado cariño, non só polo seu problema coa bebida, senón tamén por como trataba a miña nai. Non foi ata máis adiante, cando souben polas cousas que pasara sendo soldado en Malaisia, que empecei a comprender por que actuaba desa maneira.
Nos meus anos de instituto eu tamén empecei a beber moito. Ós 16, deixei o instituto e ingresei na mariña. Tamén empecei a tomar drogas e fíxenme adicto ó tabaco. Funme volvendo cada vez máis dependente do alcohol. Pasei de beber só nas fins de semana a beber tódolos días.
Cando tiña uns 20 anos empecei a cuestionarme a existencia de Deus. Preguntábame: “Se Deus existe, por que permite que a xente sufra e morra?”. Ata cheguei a escribir poemas nos que culpaba a Deus de toda a maldade que hai no mundo.
Deixei a mariña ós 23 anos. Despois diso, tiven diferentes traballos e ata pasei un ano viaxando polo estranxeiro. Pero nada diso me facía sentir mellor. Non tiña metas na vida e nada me facía ilusión. Para min ter unha casa propia, un traballo estable ou un ascenso eran cousas que non tiñan ningún valor. O único que me facía sentir ben era a bebida e escoitar música.
Recordo o momento exacto no que sentín a necesidade de atoparlle o sentido á vida. Estaba en Polonia visitando o campo de concentración de Auschwitz. Xa lera sobre as atrocidades que se fixeran naquel lugar. Pero cando me vin alí de pé, naquel enorme recinto, sentinme moi indignado. Non podía entender como os seres humanos podían ser tan crueis uns cos outros. Recordo que comecei a dar voltas polo campo de concentración con bágoas nos ollos preguntándome: “Por que?”.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
En 1993, despois de volver do estranxeiro, empecei a ler a Biblia en busca de respostas. Un pouco despois, dúas testemuñas de Xehová chamaron á miña porta e invitáronme a un congreso que se estaba a celebrar nun estadio preto da miña casa, e decidín ir.
Uns meses antes xa estivera naquel mesmo estadio para un evento deportivo. Pero, vaia diferenza vin no congreso! As Testemuñas eran educadas e ían ben vestidas. E os seus fillos portábanse moi ben. Sorprendeume moito o que vin á hora da comida. Centos de Testemuñas baixaron a comer ó terreo de xogo, pero cando volveron ós seus asentos non vin nin un só resto de lixo no campo! O que máis me chamou a atención foi que parecían felices e que tiñan paz. Iso era o que eu quería na mina vida. Non me acordo de nada do que se dixo nos discursos dese día, pero a súa conduta impresionoume moito.
Á noitiña, acordeime dun primo meu que lía a Biblia e estudara diferentes relixións. Anos antes, contárame que Xesús dixo que poderiamos recoñecer a relixión verdadeira polos seus froitos (Mateo 7:15-20). Así que pensei que valía a pena investigar que facía tan diferentes ás testemuñas de Xehová. Por primeira vez na miña vida sentín un pouco de esperanza e ilusión.
Á semana seguinte, as dúas Testemuñas que me invitaran ó congreso volveron visitarme. Desta vez ofrecéronme un curso da Biblia e eu acepteino. Tamén empecei a asistir ás súas reunións.
Ó estudar a Biblia, a miña opinión sobre Deus cambiou por completo. Aprendín que el non é o culpable da maldade e do sufrimento e que mesmo a el lle doe cando as persoas fan cousas malas (Xénese 6:6; Salmo 78:40, 41). Tomei a firme decisión de intentar non facerlle nunca dano a Xehová. Máis ben, quería facer todo o posible por facelo feliz (Proverbios 27:11). Deixei de abusar do alcohol, de fumar e de levar unha vida inmoral. E, en marzo de 1994, bauticeime como testemuña de Xehová.
OS BENEFICIOS
Agora son feliz de verdade. Xa non acudo ó alcohol para intentar resolver os meus problemas. Máis ben, aprendín a acudir a Xehová en busca de axuda (Salmo 55:23 [55:22, TNM]).
Levo dez anos casado con Karen, unha fermosa testemuña de Xehová. E teño unha marabillosa fillastra que se chama Nella. Os tres desfrutamos de pasar gran parte do noso tempo predicando, axudando a outros a coñecer a verdade acerca de Deus. A miña vida por fin ten sentido.
a Publicado polas Testemuñas de Xehová.