UNHA CONVERSA CUNHA TESTEMUÑA DE XEHOVÁ
Por que permite Deus o sufrimento?
A seguinte é unha conversa típica que unha testemuña de Xehová podería ter cun dos seus veciños. Imaxinemos que María é a testemuña de Xehová e Carmiña a veciña a quen visita.
COMO SE SENTE DEUS Ó VERNOS SUFRIR?
María: Ola, Carmiña. Alégrome de verte.
Carmiña: Ola! Eu tamén.
María: A última vez que vin falamos de como se sente Deus ó vernos sufrir. * Dixéchesme que levas moito tempo facéndote esa pregunta, sobre todo dende o accidente que tivo a túa nai. Por certo, como está?
Carmiña: Ten días bos e días malos, pero hoxe está ben.
María: Alégrome. Debe ser difícil manter o bo ánimo nunha situación coma esa.
Carmiña: Si, ás veces pregúntome canto máis vai ter que sufrir.
María: É normal que te sintas así. Da última vez que falamos quedei en que che explicaría por que Deus permite o sufrimento, sendo que ten o poder para acabar con el.
Carmiña: Si, recordo.
María: Antes de ver a resposta que dá a Biblia, gustaríame repasar algúns dos puntos dos que falamos.
Carmiña: Vale.
María: Para empezar, vimos que houbo un home fiel de tempos bíblicos que tamén se preguntou por que permite Deus o sufrimento. E Deus non se enfadou con el nin lle dixo que lle faltase fe.
Carmiña: Certo, iso foi novo para min.
María: Tamén aprendemos que Xehová odia vernos sufrir. A Biblia di que, no pasado, cando o seu pobo tiña problemas, “durante tódalas súas angustias, el tamén estivo angustiado”. * Verdade que é consolador saber o que sinte Deus cando sufrimos?
Carmiña: Pois si.
María: Ó final da conversa concordamos en que, sendo tan poderoso, Deus debe ter a capacidade de intervir en calquera momento e acabar co sufrimento.
Carmiña: Iso é o que non entendo. Por que segue permitindo tantas cousas malas se ten o poder para eliminalas?
QUEN DICÍA A VERDADE?
María: A Biblia responde esa pregunta. Imos empezar por ver o que di o primeiro libro da Biblia, A Xénese. Coñeces o relato de Adam e Eva e o froito prohibido?
Carmiña: Si, ensináronmo na catequese. Deus díxolles que non comesen do froito, pero eles non lle fixeron caso.
María: Moi ben. Pero imos ver o que pasou antes diso porque está moi relacionado co tema do sufrimento. Gustaríache ler Xénese, capítulo 3, versículos 1 a 5?
Carmiña: Claro, di: “A serpe era o máis arteiro de tódolos animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: ‘¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?’ A muller respondeulle: ‘Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades’. A serpe insistiu: ‘De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal’”.
María: Grazas. Analicemos estes versículos. Primeiro di que unha serpe lle falou a Eva. Noutra parte da Biblia dise que en realidade foi o Demo, Satanás, o que falou por medio da serpe. * El preguntoulle a Eva algo sobre o mandamento que lles dera Deus de non comer de certa árbore. Fixácheste no que lles dixo Deus a Adam e Eva que lles pasaría se desobedecían?
Carmiña: Que morrerían.
María: Así é. Despois diso, o Demo lanzou unha acusación gravísima contra Deus. Dixo: “De ningunha maneira morreredes”. En realidade, estáballe a chamar mentireiro a Deus!
Carmiña: Esa parte da historia nunca a escoitara.
María: E ó chamarlle mentireiro, Satanás fixo xurdir unha pregunta que tardaría moito tempo en responderse. Sabes por que?
Carmiña: Mmm... Pois nin idea.
María: Imos poñer un exemplo. Imaxina que un día veño e che digo que son máis forte ca ti. Como demostrarías que estou equivocada?
Carmiña: Quizais poderiamos facer unha competición.
María: Moi ben. Poderiamos buscar un obxecto pesado e ver cal das dúas é capaz de levantalo. Iso é fácil de demostrar.
Carmiña: Entendo.
María: Pero, e se en vez diso che digo que eu son máis honesta ca ti? Iso xa é distinto, non si?
Carmiña: Claro.
María: A honestidade non é algo que se poida demostrar cunha simple proba de forza.
Carmiña: Certo.
María: En realidade, a única maneira de demostrar quen é a máis honesta das dúas é deixar que pase o tempo para que os demais poidan observar a nosa conduta.
Carmiña: Ten sentido.
María: Agora imos ver de novo o relato da Xénese. Dixo o Demo que el fose máis forte ca Deus?
Carmiña: Non.
María: Para Deus sería moi fácil demostrar o contrario. O que Satanás insinuou é que el era máis honesto ca Deus. Noutras palabras, díxolle a Eva: “Deus estache mentindo; pero eu estouche dicindo a verdade”.
Carmiña: Que interesante.
María: Por iso Deus, que é moi sabio, entendeu que para responder a acusación do Demo o mellor era deixar pasar un tempo. Dese xeito, podería verse claramente cal dos dous era o mentireiro.
UNHA CUESTIÓN IMPORTANTE
Carmiña: Pero cando Eva morreu, xa se demostrou que Deus estaba a dicir a verdade, non?
María: En certo sentido, si. Pero en realidade, o desafío de Satanás implicaba máis. Fíxate outra vez no versículo 5. Que outra cousa lle dixo o Demo a Eva?
Carmiña: Díxolle que se comían do froito se lles abrirían os ollos.
María: Exacto. E que se comían chegarían a ser coma Deus, “sabedores do ben e do mal”. Así que tamén estaba acusando a Deus de privar os seres humanos de algo bo.
Carmiña: Xa vexo.
María: E esa tamén foi unha acusación moi grave.
Carmiña: Que queres dicir?
María: Con esas palabras, o Demo deulle a entender a Eva, e por extensión a tódolos seres humanos, que estaría mellor sen a guía de Deus. Xehová sabía que, para solucionar aquela cuestión, o mellor era permitir que o Demo tratase de probar a súa acusación. Así que lle permitiu gobernar o mundo por un tempo. Isto explica por que hai tanto sufrimento ó noso arredor, porque o verdadeiro gobernante deste mundo é o Demo, non Deus. * Pero hai boas noticias.
Carmiña: Boas noticias?
María: Si, a Biblia ensina algo moi fermoso acerca de Deus. Di que Xehová está preto de nós cando sufrimos. Por exemplo, imos ver o que escribiu o rei David en Salmo 31:8 (31:7, TNM). El sufriu moito durante a súa vida, pero mira o que lle dixo a Deus. Gustaríache ler este versículo?
Carmiña: Si, di: “Teño gozo e ledicia na túa misericordia, pois ti ólla-la miña aflicción, e coñéce-las miñas angustias”.
María: Así que, aínda que sufriu moito, David sentía alivio ó pensar que Xehová vía todo o que lle estaba pasando. E a ti? Non te consola saber que Xehová o ve todo, que se dá conta de como te sentes incluso cando outras persoas non entenden polo que estás a pasar?
Carmiña: Si, moito.
María: Ademais, a Biblia di que el non permitirá que sigamos sufrindo para sempre. Tamén ensina que el pronto acabará co malvado goberno de Satanás e que reparará todo o dano que este causou, incluso as cousas que sufristes ti e maila túa nai. Paréceche ben que volva a semana que vén? Gustaríame mostrarche por que podemos estar tan seguros de que falta moi pouco para que Deus elimine o sufrimento. *
Carmiña: Claro! Sen problema.
Hai algún tema da Biblia que che gustaría entender mellor? Queres saber máis sobre o que cren as testemuñas de Xehová? Se é así, non dubides en falar con elas. Estarán encantadas de responder as túas preguntas.
^ Mira o artigo “Conversaciones con un testigo de Jehová” do 1 de xullo de 2013, dispoñible en español en jw.org.
^ Ver Isaías 63:9, TNM.
^ Ver Apocalipse 12:9.
^ Ver Xoán 12:31 e 1 Xoán 5:19.
^ Para máis información, mira o capítulo 9 do libro Que nos ensina a Biblia?, publicado polas testemuñas de Xehová e dispoñible en jw.org.