A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
A miña vida xiraba arredor de min mesmo
ANO DE NACEMENTO: 1951
PAÍS DE ORIXE: ALEMAÑA
OUTROS DATOS: ERA ORGULLOSO E INDEPENDENTE
O MEU PASADO
Os primeiros anos da miña vida vivimos preto de Leipzig, na antiga República Democrática Alemá, non moi lonxe da fronteira con Polonia e o que agora é a República Checa. Pero cando tiña 6 anos, tivemos que mudarnos polo traballo do meu pai. Primeiro fomos ó Brasil e logo ó Ecuador.
Cando tiña 14 anos, mandáronme a estudar a un internado en Alemaña. Como os meus pais estaban moi lonxe, en América do Sur, tiven que aprender a valerme por min mesmo. Volvinme moi independente. Dábame igual como lles afectase ós demais o que eu facía.
Os meus pais volveron a Alemaña cando tiña 17 anos. Ó primeiro, vivín con eles un tempo. Pero como era tan independente fíxoseme imposible aceptar as súas normas. Así que con 18 anos marchei da casa.
Cada vez era máis inconformista, así que comecei a buscarlle sentido á vida. Investiguei varios estilos de vida e organizacións. Cheguei á conclusión de que o mellor que podía facer coa miña vida era explorar o noso fermoso planeta antes de que os humanos acabasen con el.
Merquei unha moto, marchei de Alemaña e fun cara a África. Pero, ó pouco, tiven que volver a Europa para amañar a moto. Despois de arranxala, fun ata unha praia de Portugal. Alí decidín deixar a moto e viaxar polo mundo en barco.
Xunteime cun grupo de rapaces que se estaban preparando para cruzar o Atlántico. Entre eles estaba Laurie, que chegaría a ser a miña muller. Os dous navegamos primeiro ata as illas do Caribe e, despois de pasar un tempo en Porto Rico, retornamos a Europa. Queriamos atopar un veleiro e adaptalo para vivir nel. Pero despois de pasar tan só tres meses buscando, tivemos que interromper os nosos plans porque o exército alemán chamoume a filas.
Pasei quince meses na mariña. Laurie e mais eu casamos durante ese tempo. Queriamos seguir coa nosa vida de exploradores. Pouco antes de que me recrutasen, mercaramos unha lancha de salvamento. Mentres eu estaba no exército fómola convertendo nun veleiro. A nosa idea era vivir nel e seguir viaxando polo mundo. Ó pouco de saír da mariña, pero antes de rematar o barco, comezamos a ter contacto coas testemuñas de Xehová e empezamos a estudar a Biblia.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
Ó primeiro, non vin que tivese que facer moitos cambios na miña vida. Estaba casado coa muller coa que vivía e xa deixara de fumar (Efesios 5:5). Ademais, cría que viaxar polo mundo para observar as marabillas que Deus creara era un bo xeito de usar a miña vida.
Pero, en realidade, si que precisaba cambiar, sobre todo no que tiña que ver coa miña forma de ser. Seguía sendo moi orgulloso e independente, gustábame presumir das miñas habilidades e logros. A miña vida xiraba arredor de min mesmo.
Un día, lin o famoso Sermón do Monte (Mateo, capítulos 5 a 7). De entrada non entendín o que dixo Xesús sobre a felicidade. Por exemplo, falou de que os famentos e sedentos eran felices (Mateo 5:6). Pregunteime como pode ser feliz alguén que pasa por apuros. Pero ó seguir aprendendo entendín que todos temos unha necesidade espiritual e que, para cubrila, debemos ser humildes e recoñecer que a temos. Como dixo Xesús: “Felices os que recoñecen as súas necesidades espirituais” (Mateo 5:3, TNM).
Laurie e mais eu comezamos a estudar a Biblia en Alemaña, pero logo mudámonos a Francia e despois a Italia. Dá igual onde fósemos, sempre había testemuñas de Xehová. Algo que me impresionaba era o amor que se tiñan e o unidos que estaban. De verdade eran unha irmandade internacional (Xoán 13:34, 35). Co tempo, Laurie e mais eu fixémonos testemuñas de Xehová.
Despois de bautizarme, seguín cambiando a miña forma de ser. Laurie e mais eu decidiramos navegar ó longo da costa de África e cruzar o Atlántico ata os Estados Unidos. Foi no medio do océano, estando só coa miña muller nun barquiño rodeado por milleiros de quilómetros de auga, onde me decatei do insignificantes que somos comparados co grandioso Creador. Como tiña todo o tempo do mundo (non hai moito que facer no medio do océano), dediqueime a ler a Biblia. En especial, os relatos da vida de Xesús fixéronme reflexionar. Era un home perfecto con habilidades espectaculares, pero aínda así nunca intentou chamar a atención. A súa vida non xiraba arredor del, senón arredor do seu Pai.
Decateime de que a miña vida tiña que xirar arredor do Reino
Ó reflexionar no exemplo de Xesús, decateime de que non podía dedicarlle ó Reino só o tempo que me sobraba, senón que a miña vida tiña que xirar arredor del (Mateo 6:33). Cando Laurie e mais eu chegamos ós Estados Unidos, decidimos quedar alí e centrarnos en servir a Deus.
OS BENEFICIOS
Antes, como só confiaba en min mesmo, moitas veces dubidaba de se estaba a tomar boas decisións. Pero agora atopei unha fonte de sabedoría que non falla (Isaías 48:17, 18). Tamén atopei un propósito na vida: adorar a Deus e axudarlle á xente a coñecelo.
Ademais, como levamos á práctica os consellos da Biblia, o noso matrimonio mellorou moitísimo. Xehová tamén nos bendiciu cunha filla marabillosa, que tamén chegou a coñecer e a amar a Xehová.
Isto non significa que a nosa vida fose sempre un mar en calma. Pero sabemos que contamos coa axuda de Xehová, así que estamos decididos a non rendernos e a confiar sempre nel (Proverbios 3:5, 6).