A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
A miña vida ía de mal en peor
ANO DE NACEMENTO: 1952
PAÍS DE ORIXE: OS ESTADOS UNIDOS
OUTROS DATOS: TIÑA UN CARÁCTER VIOLENTO
O MEU PASADO
Crieime nos barrios marxinais da cidade dos Ánxeles, en California (Os Estados Unidos). Era unha zona coñecida polo tráfico de drogas e as bandas criminais. Fun o segundo de seis irmáns.
De neno, miña nai levábanos a unha igrexa evanxélica. Pero cando cheguei á adolescencia, o que alí se dicía entrábame por un oído e saíame polo outro. Os domingos cantaba no coro da igrexa, pero o resto da semana dedicábame a ir de festa, consumir drogas e ter relacións sexuais.
Tiña un carácter violento e saltaba á mínima. Usaba calquera cousa como arma con tal de gañar as pelexas. O que aprendín na igrexa non me serviu de moito, todo o contrario, ía por aí dicindo: “A vinganza é do Señor, e eu estou ó seu servizo”. A finais dos anos sesenta, cando tiña uns 18 anos, sentinme atraído polas ideas do grupo político Panteras Negras, coñecido pola súa loita activa a favor dos dereitos civís. Uninme a un grupo de estudantes que defendía a mesma causa. En varias ocasións organizamos protestas e a escola tivo que suspender as clases.
Pero non me chegaba con iso. Como era unha persoa violenta, comecei a participar en delitos de odio. Por exemplo, ás veces, os meus amigos e mais eu iamos ó cine para ver películas sobre o maltrato dos escravos africanos nos Estados Unidos. Iso facía que nos sentísemos moi indignados por aquelas inxustizas e que chegásemos a atacar os rapaces brancos que había no cine. Despois, tamén iamos ós barrios dos brancos a buscar outras persoas ás que lles dar unha malleira.
Para esa época, meus irmáns e mais eu xa tiñamos un amplo historial delitivo e problemas coas autoridades. Un dos meus irmáns máis novos estaba nunha banda criminal que tiña moi mala fama e eu xuntábame con eles. A miña vida ía de mal en peor.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
Os pais dun amigo meu eran testemuñas de Xehová e invitáronme ás súas reunións. A primeira vez que fun deime conta do diferentes que eran aquelas persoas. Todos tiñan unha Biblia e usábana. Ata os rapaces daban pequenos discursos! Impresionoume moito aprender que o nome de Deus é Iavé, ou Xehová, e que o usasen cando falaban del (Isaías 42:8). Aínda que había xente de moitas razas, era evidente que non había racismo.
Ó principio, non quería que as testemuñas de Xehová me desen clases da Biblia, pero gustábame ir ás súas reunións. Unha noite, mentres estaba nunha reunión, algúns dos meus amigos foron a un concerto e mataron un rapaz a golpes para quedarse coa súa chaqueta de coiro. Ó día seguinte presumían do que fixeran e seguiron sen darlle importancia ata que chegou o xuízo. A maioría deles foron sentenciados a cadea perpetua. Canto me alegrei de non ir con eles a aquel concerto! Entón decidín cambiar a miña vida e empecei a estudar a Biblia.
Co meu historial de prexuízo racial, impresionáronme moito algunhas das cousas que vin entre as testemuñas de Xehová. Por exemplo, cando unha testemuña de Xehová branca tivo que viaxar ó estranxeiro, deixou os fillos cunha familia negra. E unha familia branca acolleu un rapaz negro que necesitaba un sitio onde vivir. Iso convenceume de que as testemuñas de Xehová cumpren as palabras de Xesucristo rexistradas en Xoán 13:35: “Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros”. Sabía que atopara verdadeiros irmáns e irmás.
Nas miñas clases da Biblia aprendín que tiña que cambiar a miña personalidade. Tiven que esforzarme, non só para comportarme de forma pacífica, senón para ser pacífico de corazón (Romanos 12:2). Fun mellorando pouco a pouco e finalmente, en xaneiro de 1974, bauticeime como testemuña de Xehová.
Tiven que esforzarme, non só para comportarme de forma pacífica, senón para ser pacífico de corazón
Incluso despois de bautizarme, tiven que seguir controlando o meu xenio. Por exemplo, un día estabamos visitando as familias dun barrio para predicarlles e vin que un ladrón me roubaba a radio do coche. Fun correndo detrás del. Cando estaba a punto de pillalo, tirou a radio e escapou. Cando lle contei ó resto do grupo como recuperara a radio, un cristián de experiencia preguntoume: “E que farías se o chegases a pillar?”. Esa pregunta fixo que me dese conta de que tiña que seguir esforzándome por ser máis pacífico.
En outubro de 1974, empecei o servizo a tempo completo. Dedicaba unhas cen horas cada mes a ensinarlles a outros da Biblia. Despois invitáronme a servir na sede central das Testemuñas de Xehová en Brooklyn (Nova York). En 1978 volvín á cidade dos Ánxeles para coidar da miña nai, que se puxera enferma. Dous anos máis tarde, casei con Aarhonda. Ela foi un grande apoio para min mentres coidabamos da miña nai. Finalmente, a miña nai morreu e tempo despois invitáronnos ó Curso Bíblico de Galaad da Watchtower. Ó terminar o curso, enviáronnos a Panamá, onde aínda servimos como misioneiros.
Dende que me bauticei, houbo ocasións nas que me custou controlar o meu xenio. Pero aprendín a resolver as situacións de xeito pacífico ou a marchar para evitar unha pelexa. Moitas persoas, incluída a miña muller, felicítanme por como reacciono nesas situacións. Ata eu mesmo me sorprendo! Pero non me quero dar o mérito por facer eses cambios na miña personalidade. Creo sinceramente que son unha mostra do poder que ten a Biblia para transformar as persoas (Hebreos 4:12).
OS BENEFICIOS
A Biblia deulle sentido á miña vida e ensinoume a ser pacífico. Xa non lle dou malleiras a ninguén. Todo o contrario, agora axudo ás persoas a coñecer a Deus. Incluso lle dei clases da Biblia a un antigo inimigo do instituto. Despois do seu bautismo, compartimos casa por un tempo e aínda somos bos amigos. Ata o día de hoxe, a miña muller mais eu axudamos a máis de oitenta persoas a facerse testemuñas de Xehová.
Agradézolle moitísimo a Xehová que me dese unha vida feliz e con sentido, rodeado de verdadeiros irmáns e irmás.