Ir ó contido

Ir ó índice

TEMA DE PORTADA | DESFRUTA DE LER A BIBLIA

Como facer interesante a lectura?

Como facer interesante a lectura?

Ler a Biblia resúltache aburrido ou interesante? Moito depende do enfoque que lle deas. Imos ver que podes facer para que a lectura da Biblia che resulte máis interesante.

Escolle unha tradución fiable e que empregue linguaxe actual. Se ó ler atopas demasiadas palabras complicadas ou desfasadas, seguramente non desfrutarás da lectura. Por iso é mellor que busques unha Biblia que empregue un vocabulario sinxelo e que che chegue ó corazón. Pero, á vez, ten que ser unha tradución exacta e fiable. *

Saca proveito das novas tecnoloxías. Actualmente a Biblia non só está dispoñible en formato impreso, senón tamén electrónico. Algunhas biblias poden lerse en liña ou descargarse no ordenador, na tableta ou no teléfono. Algunhas versións contan con ferramentas que che permiten comparar o que di un versículo en distintas traducións ou ver outros versículos que falan do mesmo tema. E se en vez de lela prefires escoitala, tamén está dispoñible en audio nalgúns idiomas. A moitas persoas gústalles escoitala mentres van no transporte público, fan as tarefas da casa ou están ocupadas con calquera outra cousa que non lles requira demasiada concentración. E a ti que método che convence máis? Por que non o probas?

Utiliza as ferramentas para o estudo da Biblia. As ferramentas para estudar a Biblia poden axudarche a sacar moito máis proveito da túa lectura. Por exemplo, hai mapas que che axudarán a localizar os lugares que atoparás na lectura da Biblia e che permitirán imaxinar os acontecementos en toda a súa dimensión. E artigos como os que se publican nesta revista ou na sección “Ensinanzas da Biblia” de jw.org poden axudarche a entender mellor moitos relatos da Biblia.

Usa métodos diferentes. Se ler a Biblia de principio a fin che parece moi difícil, intenta cultivar o teu interese empezando polas partes da Biblia que che parezan máis interesantes. Se queres aprender de personaxes bíblicos coñecidos, podes ler os seus relatos. O recadro “ Coñece mellor a Biblia a través dos seus personaxes” pode servirche de referencia se queres saber máis sobre algún en concreto. Tamén podes lela por temas ou en orde cronolóxica. Por que non probas cun destes métodos?

^ par.4 Moitas persoas pensan que La Biblia. Traducción del Nuevo Mundo é exacta, fiable e fácil de ler. Esta Biblia, editada polas Testemuñas de Xehová, está dispoñible completa ou en parte en 130 idiomas. Podes descargala dende jw.org, ou tamén podes descargar a aplicación JW Library. Se o prefires, as testemuñas de Xehová poden levarche un exemplar á túa casa.