COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
As boas noticias segundo Xesús. Detrás das cámaras
1 DE OUTUBRO DE 2024
Este ano as testemuñas de Xehová de todo o mundo esperaban con moitas ganas a presentación do episodio 1 da serie As boas noticias segundo Xesús. Xa o viron millóns de persoas e só é o primeiro dos 18 episodios! Pero, que está ocorrendo detrás das cámaras para que esta serie sexa posible? E como estás apoiando ti tamén este proxecto?
Coidando dos actores e do equipo
A maioría das escenas da serie As boas noticias estanse gravando na sucursal de Australasia. Na gravación de cada unha destas escenas participan entre 50 e 80 persoas. a Hai que darlles o xantar, a cea e algún outro aperitivo tanto ós actores coma ó resto do equipo. Por iso é necesario planificar tódalas comidas con moita antelación. Esther, unha irmá que colabora co Departamento de alimentación, explica: “Comprámoslle a comida a distintos provedores, así obtemos ingredientes de calidade a bo prezo. Ademais, axustamos continuamente as receitas para asegurarnos de non desperdiciar comida”. Cada día gástanse uns 3,5 euros por persoa en comida.
Os actores e o resto do equipo non só necesitan comida, tamén necesitan protexerse. Pero, protexerse de que? En Australia hai moitos días con sol e bo tempo, pero os niveis de radiación ultravioleta son moi altos. Para protexerse do sol e evitar un golpe de calor hai irmáns que se esforzan para habilitar zonas nas que a xente se poida refrescar. Nestes lugares sempre se aseguran de que haxa suficiente auga e tanto crema como paraugas para protexerse do sol. Kevin, que colabora con Servizos Audiovisuais, explica: “A maioría dos irmáns que axudan con estas tarefas son voluntarios externos de Betel. Fan estas e outras moitas cousas con humildade e alegría. Non poderiamos conseguilo sen eles”.
Gravacións fóra da sucursal
Algunhas escenas non parecerían reais se se gravansen nun estudio ou nun escenario exterior dentro da sucursal. Nestes casos, grávase nalgunha localización fóra da sucursal. A miúdo, o equipo de gravación ten que desprazarse a zonas illadas para encontrar un sitio onde non haxa liñas eléctricas, camiños pavimentados ou edificios modernos e así poder gravar escenas bíblicas. Isto implica empaquetar, transportar e gardar de xeito seguro os traxes, os accesorios e os equipos no lugar onde se vai facer a gravación. Antes de comezar a gravar, os coordinadores de produción auxiliares teñen que asegurarse de que haxa xeradores, auga potable e aseos dispoñibles. Todo o persoal queda na casa de irmáns hospitalarios da zona, en remolques, hoteis ou cabanas.
Gravar fóra da sucursal pode custar moitos cartos e consumir moito tempo e enerxías de tódolos que traballan no proxecto. Por iso, no 2023, o Consello Reitor aprobou a compra dun video wall que custou uns 2,2 millóns de euros, co cal se pode simular que se está noutro lugar. Esta tecnoloxía consegue, usando pantallas de alta resolución e iluminación sincronizada, que o vídeo pareza que se gravou no exterior. Como resultado, a miúdo podemos aforrar os cartos de gravar fóra da sucursal. Darren, membro do Comité de Sucursal de Australasia, explica: “Gravar con este sistema de vídeo reduce a fatiga dos actores e permite que o equipo poida repetir algunhas escenas. Por exemplo, se estivésemos gravando no exterior, só teriamos uns minutos para capturar a posta de sol antes de que desapareza. Pero con esta tecnoloxía, podemos crear unha posta de sol tantas veces como sexa necesario para conseguir a toma que necesitamos”.
“En ningún momento sentín que fose un sacrificio”
Necesítanse centos de actores e axudantes para gravar cada episodio da serie As boas noticias. Que pensan de todo o traballo que fan os irmáns para coidalos?
Amber, que viaxou máis de setecentos quilómetros dende a súa casa en Melbourne para participar neste proxecto, escribiu: “Os irmáns de Betel coidáronme dende que cheguei ó aeroporto. Moitos betelitas invitáronme a comer ou a tomar un té. Cando gravabamos, todo o mundo era moi cariñoso, iso fixo que estivese moi cómoda. A miña viaxe estivo chea de bendicións, en ningún momento sentín que fose un sacrificio!”.
Derek, que traballa co equipo de produción, di: “Moitos departamentos estiveron colaborando con nós dende o comezo. Agradezo moito que tantos irmáns usasen o seu tempo, os seus cartos e as súas enerxías neste proxecto. Son moi amables e sempre están dispostos para botar unha man. Sen dúbida Xehová bendiciunos. Estou convencido de que Xehová non só se preocupa polo resultado do traballo, senón tamén pola maneira como o facemos”.
Moitas grazas por todo apoio que lle estades dando a esta serie. As vosas doazóns, incluídas aquelas que se fan a través de donate.pr418.com, fixeron que todo isto fose posible.
a A sucursal de Australasia supervisa a obra en países como Australia e outros territorios do sur do Pacífico. A sucursal está situada nos arredores de Sydney (Australia).