Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

As oficinas remotas de tradución benefician a millóns de persoas

As oficinas remotas de tradución benefician a millóns de persoas

1 DE MARZO DE 2021

 Máis do sesenta por cento dos equipos de tradución que serven a tempo completo traballan en oficinas remotas de tradución (ORT), non en sucursais. Como nos beneficia isto? Que materiais precisan os tradutores para traballar nas ORT? E como afecta a localización do equipo na calidade da súa tradución?

 Unha ORT permite ós tradutores vivir onde moitas persoas falan o seu idioma. Karin, que traduce ó baixo alemán, explica: “Dende que nos mudamos á ORT de Cuauhtémoc, en Chihuahua (México), falamos todo o tempo baixo alemán cos nosos compañeiros tradutores, na predicación e cando imos facer a compra. Estamos absortos no noso idioma. Escoitamos expresións que non escoitabamos dende hai moito tempo, e dámonos conta dos cambios que hai no vocabulario da xente”.

 James traballa co equipo de tradución ó frafra, en Ghana. El recoñece que ás veces bota en falta a familia Betel. Pero tamén di: “Encántame traballar na ORT. Predicar no idioma local e ver como reacciona a xente ás boas noticias emocióname moito”.

 Como deciden os irmáns onde situar unha ORT? Joseph, que colabora co Departamento Global de Deseño e Construción en Warwick (Nova York), di: “Un desafío ó que nos enfrontamos é que nalgunhas localizacións non hai unha boa subministración de electricidade ou auga, ou tampouco o Internet necesario para recibir os arquivos para traducir. Así que cando buscamos onde situar unha ORT, temos en conta varios lugares onde se fala o idioma”.

 Polo xeral, a opción máis rápida e barata é situar a ORT nun Salón de Congresos, nun Salón do Reino ou nun fogar misional onde os tradutores poidan ir e vir. Se ningunha destas opcións está dispoñible, os irmáns poden pedir permiso para mercar apartamentos e oficinas onde os tradutores poidan vivir e traballar. Se as necesidades do equipo de tradución cambian, estas instalacións poden venderse con facilidade e usar os cartos onde haxa máis necesidade.

Preparados para seguir traballando

 Durante o ano de servizo de 2020, gastáronse máis de10 millóns de euros para manter as ORT. Os equipos das oficinas remotas de tradución precisan ordenadores, un software especializado, material de gravación de audio, acceso a Internet e outros servizos básicos. Por exemplo, comprar un ordenador e deixalo listo cos programas necesarios, custa uns 610 euros. Os ordenadores están equipados con software comercial e co programa Watchtower Translation System, un programa que axuda ós tradutores a organizar o seu traballo e a acceder facilmente ós documentos que precisan para traducir.

 Os tradutores tamén reciben equipos para facer gravacións de audio na propia oficina. Estes equipos foron moi importantes cando comezou a pandemia da COVID-19, porque moitos tradutores puideron levar o equipo á casa e seguir gravando a tradución de publicacións e vídeos.

 Os voluntarios locais a miúdo axudan revisando as publicacións traducidas e facendo o mantemento das ORT. “Moitos publicadores e pioneiros regulares teñen a oportunidade de empregar as súas habilidades aquí”, di Cirstin, que colabora na ORT ó afrikaans en Cidade do Cabo (República de Suráfrica).

 Estes voluntarios desfrutan moitísimo. Por exemplo, unha irmá que axuda nunha ORT di que traballar alí é coma “un sopro de aire fresco”. Algúns irmáns locais tamén colaboran poñendo as súas voces nas gravacións de audio. Juana, que é tradutora ó totonaco no estado de Veracruz (México) di: “Agora que vivimos máis cerca dos lugares onde se fala o noso idioma, é máis fácil para os irmáns axudar a gravar os vídeos e as publicacións en audio”.

 Pero axudaron as oficinas remotas de tradución a mellorar a calidade das traducións? Millóns dos nosos lectores din que si. Cédric, que colabora co equipo de tradución ó congo, na República Democrática do Congo, comenta: “Algúns irmáns adoitaban dicir que traduciamos ó ‘congo da Watch Tower’ porque non se parecía ó idioma que eles falaban. Pero agora din que as nosas publicacións tradúcense ó congo moderno, é dicir, á forma na que fala a xente hoxe en día”.

 Andile, que colabora co equipo de tradución ó xhosa, comenta que na República de Suráfrica ocorre algo parecido: “Moitos nos din que notaron un cambio na tradución. Incluso os nenos que antes lían a revista A Atalaia en inglés, agora fano en xhosa. Encántalles a naturalidade da Tradución do Novo Mundo revisada”.

 Tódolos gastos relacionados coa instalación, o mantemento e o persoal das oficinas remotas de tradución cóbrense grazas ás doazóns voluntarias para a obra mundial, incluídas as que se fan a través de donate.pr418.com.