COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Axuda mundial durante a pandemia
1 DE XULLO DE 2021
En marzo de 2020 a Organización Mundial da Saúde declarou a COVID-19 como unha pandemia. Poucos se imaxinaban que este virus seguiría afectando ó mundo enteiro un ano despois. Millóns de persoas, incluídas algunhas testemuñas de Xehová, sufriron os efectos físicos, emocionais e económicos da pandemia. Como se organizaron as testemuñas de Xehová para axudar ós seus irmáns durante esta crise?
Axuda para os que o necesitan
Baixo a supervisión do Comité de Coordinadores do Consello Reitor das Testemuñas de Xehová, formáronse máis de 950 Comités de Socorro por todo o mundo para facer fronte á COVID-19. Nalgúns casos os comités organizaron as labores de socorro a nivel local e noutros casos as testemuñas de Xehová beneficiáronse da axuda do goberno. Ademais, os Comités de Socorro organizaron a axuda a grande escala.
Por exemplo, vexamos como é a situación en Paraguai. Un periódico di que por culpa dos problemas económicos causados pola pandemia moitos paraguaios non teñen o suficiente para comer. Pero o Comité de Socorro de Paraguai xa comezara a distribuír paquetes con comida suficiente, produtos de limpeza e artigos de hixiene persoal. Estes paquetes contiñan o necesario para unha familia de catro durante dúas semanas. Cada paquete custa uns 25 euros aproximadamente.
Que fan os voluntarios para protexerse da COVID-19 e protexer os demais? Levan máscaras e manteñen a distancia de seguridade. Ademais, comproban que os provedores de alimentos traballen en lugares limpos e que sigan as estritas normas de seguridade. Isto inclúe que se aseguren de que tódolos que manipulan os paquetes levan posto o equipo de protección persoal, limpen e desinfecten os seus vehículos e almacenen os paquetes en lugares desinfectados. Por último, os que entregan os paquetes manteñen a distancia de seguridade axeitada cos irmáns que os reciben.
As doazóns úsanse con coidado
En xaneiro de 2021, o Comité de Coordinadores aprobou empregar máis de 20 millóns de euros para axudar ós afectados pola COVID-19. As sucursais e os Comités de Socorro empregan con moito coidado os fondos doados e esfórzanse por obter o mellor prezo nos artigos necesarios. Por exemplo, en Chile os irmáns que organizan as labores de socorro querían comprar 750 quilogramos de lentellas. Pero o prezo das lentellas duplicouse en tan só un mes. Dúas horas despois de acordar mercar as lentellas ó prezo máis alto, o vendedor díxolles que outro comprador acababa de devolver o seu pedido de lentellas. Así que en vez de cobrarlles o prezo máis alto que acordaran, o vendedor vendeulles as lentellas devoltas polo prezo do mes anterior.
Non obstante, cando os nosos irmáns foron recoller as lentellas, o vendedor quixo cancelar o acordo. Acusounos de distribuír a comida dun xeito inxusto, como facían outras organizacións. Despois de facer unha breve oración en silencio, un dos nosos irmáns díxolle ó vendedor que cada congregación fixera unha enquisa para saber quen precisaba axuda de verdade. Os irmáns tamén lle explicaron que ó facer os paquetes tiñan en conta as diferenzas culturais dos irmáns necesitados. Por iso, personalizábanse os paquetes e incluíanse os produtos que foran máis útiles para cada familia. Por último, aseguráronlle ó vendedor que tódalas doazóns que fan as testemuñas de Xehová, tanto de cartos como de traballo, son voluntarias. O vendedor quedou impresionado, e non só lles cobrou o prezo máis baixo senón que ademais fixo unha doazón de aproximadamente 400 quilogramos de lentellas que se incluíu no seguinte pedido dos irmáns.
“Unha proba de amor de verdade”
Lusu, unha irmá viúva e maior de Liberia, vive con cinco familiares. Unha mañá mentres almorzaban e analizaban o texto bíblico diario, o seu neto de sete anos notou que non quedaba máis comida na casa e preguntoulle: “Que imos comer?”. Lusu aseguroulle que fixera unha oración pedindo axuda e que confiaba en que Xehová lles daría o necesario. Esa mesma tarde, os anciáns da congregación chamaron a Lusu para que fora recoller algúns alimentos. Ela di: “O meu neto di que agora está seguro de que Xehová escoita e responde as nosas oracións porque viu como respondeu a miña”.
Unha muller da República Democrática do Congo vive xusto ó lado dunha familia de testemuñas de Xehová. Despois de ver que esa familia recibía alimentos doutras testemuñas de Xehová, ela dixo: “Cando pase a pandemia imos facernos testemuñas de Xehová por que eles coidaron dos seus irmáns nestes momentos tan difíciles”. O seu home preguntoulle: “Vaste facer testemuña de Xehová só por unha bolsa de arroz?”. Ela respondeu: “Claro que non, pero esa bolsa de arroz é unha proba de amor de verdade”.
Grazas as túas xenerosas doazóns, as testemuñas de Xehová puidemos axudar rapidamente ós nosos irmáns durante esta pandemia. Agradecemos moito as doazóns que fas a través dos diferentes métodos que atopamos en donate.pr418.com.