Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Facendo dos Salóns do Reino un lugar seguro durante a pandemia da COVID-19

Facendo dos Salóns do Reino un lugar seguro durante a pandemia da COVID-19

1 DE OUTUBRO DE 2022

 “O Consello Reitor decidiu animar a tódalas congregacións a retomar as reunións presenciais a partir do 1 de abril, sempre que as restricións das autoridades locais o permitan”. Este anuncio, que se publicou en jw.org a principios de marzo de 2022, fixo que as testemuñas de Xehová de todo o mundo se alegrasen moito. Pero a pandemia da COVID-19 aínda non rematara. a Que cambios se fixeron nos Salóns do Reino para protexer a tódolos asistentes? Despois de dous anos sen reunións presenciais, estarían os Salóns do Reino preparados?

 En realidade, os nosos irmáns xa estiveran traballando durante meses para retomar as reunións en persoa.

Necesidades diferentes, solucións diferentes

 No ano 2020, só un mes despois de que se suspendesen as reunións, o Departamento Global de Deseño e Construción en Warwick (Nova York) púxose mans á obra. Comezou a analizar como a COVID-19 afectaría ó uso que lle damos ós nosos Salóns do Reino e ás medidas que se terían que tomar para facer as nosas reunións máis seguras.

 A miúdo, o que facía falta nunha parte do mundo era diferente ó que facía falta noutra. Matthew De Sanctis, do Departamento Global de Deseño e Construción, explica: “Nalgúns países é difícil ter un sitio para lavar as mans. Cando un Salón do Reino non ten auga corrente é necesario comprala ou transportala dende un río ou un pozo. Noutros países os gobernos axustaron as normas sobre os aparatos de aire acondicionado, de renovación de aire e os letreiros sobre saúde e hixiene”.

 Como superaron os nosos irmáns estes desafíos? Matthew comenta que, en moitos Salóns do Reino, “métodos sinxelos e baratos demostraron ser moi efectivos”. Por exemplo, en Papúa-Nova Guinea montáronse postos para lavar as mans utilizando garrafas de plástico de 20 litros cunha billa. Desta forma puideron equiparse Salóns do Reino en zonas rurais gastando só uns 40 euros. Para outros Salóns en África, mercáronse máis de 6.000 postos de alta calidade para lavar as mans a un provedor de Asia.

Os pais dan un bo exemplo de hixiene ós seus fillos

 Noutros casos, para mellorar a ventilación nos Salóns do Reino tivéronse que instalar ou cambiar ventiladores e aparatos de renovación de aire. Moitas congregacións compraron pértegas de micrófonos para evitar pasalos de man en man. Fixéronse tamén moitos esforzos por reducir e desinfectar as superficies que se usan moi a miúdo e que poderían transmitir o virus, como por exemplo, os pomos das portas e as billas. Nalgunhas congregacións instaláronse sensores nas billas dos baños para que se abran automaticamente. En Chile, equipar cada un dos Salóns do Reino, custou unha media duns 1.400 euros.

Os micrófonos non se pasan de man en man

 Aínda que era unha prioridade facer dos Salóns do Reino un lugar seguro, os irmáns tamén se esforzaron por utilizar ben as doazóns. Nalgúns países, por exemplo, aproveitaron as axudas dos gobernos para comprar postos para lavar as mans e pértegas para micrófonos. As sucursais tamén colaboraron estreitamente entre si comprando produtos en maiores cantidades e reducindo así o custo. A miúdo, o Departamento Mundial de Compras xunto coas sucursais negociaban directamente cos fabricantes. Desta forma, conseguían mellores prezos e tamén se reducía o tempo de entrega dos produtos.

Unha irmá desinfectando as mans

“A sensación de seguridade que necesitaba”

 As medidas que se tomaron para facer os Salóns do Reino máis seguros protexeron e tranquilizaron os que comezaron a asistir persoalmente. Dulcine, unha irmá do Perú, admite que sentía un pouco de medo cando soubo que volviamos ó Salón do Reino. “Eu contaxieime da COVID-19 pouco despois de que comezase a pandemia, así que me preocupaba ir ó Salón do Reino por se me podía volver a contaxiar. Pero cando cheguei, deime conta de que os anciáns tomaran moitas medidas de seguridade. Había desinfectante de mans, pértegas para os micrófonos e un programa para a limpeza e desinfección do Salón do Reino antes e despois de cada reunión. Todas estas medidas déronme a sensación de seguridade que necesitaba”. b

Desinfectando o Salón do Reino

 Sara, unha irmá que vive en Zambia, tivo que facerlle fronte a outro desafío distinto. Ela explica: “Fai algúns meses o meu home morreu pola COVID-19. Preocupábame pensar en como sería volver por primeira vez á reunión en persoa sen el”. Como se sente a nosa irmá despois de volver ó Salón do Reino? Ela comenta: “As reunións en persoa demostráronme que Xehová está ó noso carón durante os últimos días. Agora máis que nunca recibo o ánimo, o amor e a axuda que necesito dos anciáns e dos meus irmáns”.

Felices de reunirnos en persoa outra vez

 Por todo o mundo os nosos irmáns agradecen volver ós Salóns do Reino. Grazas polas túas doazóns, incluídas as que fas a través de donate.pr418.com. Esas doazóns axúdannos a asegurar que os nosos centros de adoración pura sexan cómodos e seguros.

a Na medida do posible, os que necesitaron asistir as reunións por videoconferencia ou por teléfono puideron facelo.

b Ademais, recomendouse encarecidamente a todos que utilizasen máscara cando asistisen ás reunións no Salón do Reino.