Ir ó contido

Ir ó índice

Esquerda: Os voluntarios que axudaron a reconstruír a casa dun matrimonio despois dun incendio devastador en Chile. Dereita: Dúas irmás en Nixeria recibiron artigos de primeira necesidade despois de que unhas terribles inundacións acabasen coa zona na que viven.

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Labores de socorro no ano 2023: “Podes ver de primeira man o amor de Xehová”

Labores de socorro no ano 2023: “Podes ver de primeira man o amor de Xehová”

26 DE XANEIRO DE 2024

 A Biblia predixo que “as nacións [loitarían] unhas contra outras” e que habería desastres durante a “parte final do sistema” (Mateo 24:3, 7). Durante o ano de servizo 2023 vimos como se estivo cumprindo esta profecía, xa que houbo guerras e desastres naturais en case cen países. a Con todo, as testemuñas de Xehová imitamos o amor do noso Deus. Como o fixemos?

 Durante o ano de servizo 2023, os nosos irmáns víronse afectados por máis de 200 desastres naturais ou desastres causados polo home. En total, dos fondos doados para a obra mundial, as entidades legais usadas polas testemuñas de Xehová gastaron máis de dez millóns de dólares b en labores de socorro. Ademais, moitos irmáns usaron os seus propios cartos para axudar ós máis necesitados na súa zona. Vexamos como se usaron as túas doazóns para axudar ás vítimas de dous desastres que afectaron ós nosos irmáns.

“O amor de verdade, si existe”

 Nalgunhas zonas de Nixeria é habitual que haxa inundacións na época de choivas. Aínda así as inundacións de outubro de 2022 foron as peores dos últimos dez anos. Destruíronse máis de 676.000 hectáreas de terras de labranza e máis de dous millóns de persoas tiveron que abandonar os seus fogares. Axiña, a sucursal de Nixeria nomeou Comités de Socorro para organizar as tarefas de axuda e fortalecer a fe dos irmáns.

Irmáns en Nixeria cruzando camiños inundados e ríos a punto de desbordarse para entregar provisións.

Como lles afectou ós nosos irmáns

  •   7505 publicadores tiveron que abandonar os seus fogares.

  •   860 fogares foron danados ou destruídos.

  •   90 Salóns do Reino e 1 Salón de Congresos quedaron inundados.

Como se usaron as doazóns

 Gastáronse máis de 250.000 dólares en labores de socorro, o que inclúe:

  •   Mercar comida como arroz, xudías e fideos.

  •   Subministrar artigos para o fogar como colchóns e mosquiteiros.

  •   Reparar ou reconstruír os fogares danados.

 Como se aseguraron os nosos irmáns de usar ben os cartos que se doaron? Unha forma foi revisando con coidado cada edificio para ver se era necesario reparalo. Pero se había que reconstruílo, usábase un deseño sinxelo que fose común na zona.

 Os irmáns que recibiron esta axuda están moi agradecidos. Unha irmá dixo: “A inundación puxo patas arriba as nosas vidas porque acabou cos nosos cultivos e quedamos sen casa. Aínda así, tranquilizounos moito ver que os irmáns viñeron ese mesmo día para darnos axuda e un sitio seguro onde quedar. Tamén nos deu moita tranquilidade ver que a sucursal nos mandou alimentos. Quedamos sen palabras ó ver de primeira man o cumprimento de Xoán 13:34, 35 nas nosas vidas. O amor de verdade, si existe. A miña familia e máis eu queremos agradecer de todo corazón que os irmáns viñesen a axudarnos xusto a tempo”.

 Outras persoas da zona déronse conta das tarefas de socorro. O xefe dunha comunidade en Sabagreia, no estado de Bayelsa, dixo: “Hai moitas organizacións e igrexas no mundo, pero só as testemuñas de Xehová fixeron unha cousa coma esta. [. . .] A súa organización é unha das mellores do mundo”.

“Podes ver de primeira man o amor de Xehová”

 En febreiro de 2023, arredor de 400 incendios causaron grandes danos en Chile. Destruíronse máis de 430.000 hectáreas de terreo, xunto con partes importantes da infraestrutura de Chile. Aproximadamente 8000 persoas foron evacuadas. Xusto despois do desastre a sucursal empezou a organizar os labores de socorro.

En Chile, uns voluntarios construíron a casa dunha familia que perdeu a súa.

Como lles afectou ós nosos irmáns

  •   222 publicadores foron evacuados.

  •   20 casas foron destruídas.

Como se usaron as doazóns

 Gastáronse máis de 200.000 dólares en labores de socorro, o que inclúe:

  •   Comida e auga.

  •   Combustible, produtos de limpeza e medicamentos.

  •   Reconstrución das casas afectadas.

 Unha familia quedou en shock cando soubo que todo o que tiña, incluído a súa casa e o seu negocio foran destruídos, quedando así sen un medio para vivir. Durante os seguintes días, foi moi duro para a familia ver baleiro o terreo onde antes estaba a súa casa. Pero segundo ía avanzando a reconstrución, comezaron a sentirse mellor. Ver o amor que lles demostraron os voluntarios axudoulles a facerlle fronte a esta situación. É máis, quedaron tan conmovidos que decidiron unirse ós voluntarios para axudar a reconstruír a casa doutro irmán.

 Moitos dos nosos irmáns quedaron impresionados polas tarefas de socorro. Un irmán dixo: “Os Comités de Socorro son un fermoso regalo de Xehová. Xusto o día despois do desastre, os irmáns estaban alí proporcionando artigos de primeira necesidade. É moi animador ler sobre os labores de socorro noutros lugares do mundo. Pero cando che pasa a ti, cambia o conto. Chegas a valorar moito máis a Organización de Xehová. Tamén agradeces como os irmáns imitan as calidades de Xehová e o moito que se preocupan para que teñas o necesario en sentido material, espiritual e emocional. Podes ver de primeira man o amor de Xehová en acción”.

 A medida que se acerca o fin deste sistema, seguiremos vendo máis e máis desastres (Lucas 21:10, 11). Con todo, por medio da congregación cristiá tamén podemos ver que Xesucristo, o noso cariñoso Rei, está con nós “tódolos días ata a parte final do sistema” (Mateo 28:20). As túas xenerosas doazóns para a obra mundial, feitas a través de donate.pr418.com ou doutros medios, xunto coas contribucións de tempo e enerxías que fas, demostran o teu apoio ó Rei e ó seu Reino. Moitas grazas por ser sempre tan xeneroso!

a O ano de servizo 2023 comeza o 1 de setembro de 2022 e remata o 31 de agosto de 2023.

b Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.