Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Mantendo os nosos Salóns do Reino

Mantendo os nosos Salóns do Reino

1 DE ABRIL DE 2024

 “Encántame o meu Salón do Reino! É o lugar onde podo estar coa miña familia espiritual” di Nicole, unha irmá xove de Colombia. Sentes ti o mesmo?

 As testemuñas de Xehová xuntámonos nuns 63.000 Salóns do Reino por todo o mundo. Estes edificios son moito máis que un lugar cómodo onde adorar a Deus. David, un pioneiro regular de Colombia, di: “O noso Salón do Reino fai a mensaxe que predicamos aínda máis atractiva. Moita xente que o visita sorpréndese ó ver a boa condición na que mantemos o edificio”. Isto non é casualidade, xa que traballamos moito para limpar e manter os nosos Salóns do Reino. Como o logramos?

Como se organiza o mantemento?

 As congregacións que usan un Salón do Reino son responsables de mantelo. Por iso, os irmáns límpano con frecuencia e fan tarefas de mantemento preventivo e pequenas reparacións.

 Para axudar ás congregacións, o Departamento Local de Deseño e Construción (LDC) nomea irmáns para que sirvan como formadores de mantemento. Cada un deles atende entre seis e dez Salóns do Reino. Visítaos e forma os publicadores das congregacións para que saiban coidalos ben. Cada tres anos, examina cada edificio e identifica problemas de seguridade e mantemento.

Os formadores de mantemento axúdannos a manter o noso Salón do Reino en boas condicións.

 Os nosos irmáns valoran moito a capacitación dos formadores de mantemento. Indhumathi, unha irmá da India, di: “A formación foi marabillosa. Foi un pracer aprender a coidar o noso Salón”. Evans, un irmán de Kenya, conta: “Aprendemos a aforrar moitos cartos ó reparar problemas pequenos antes de que se convertesen en problemas máis grandes”.

Como se pagan os gastos?

 O custo anual de usar e manter un Salón do Reino pode variar entre centos e miles de dólares, a dependendo de onde estea situado o Salón, a súa antigüidade, e o número de congregacións que o usen. Como pagamos estes gastos?

 Facemos fronte ós gastos de mantemento dos Salóns do Reino grazas ás doazóns. Alexander, un irmán de Casaquistán, explica: “Parte do diñeiro úsase para pagar o acceso a Internet e outros servizos como a auga e a electricidade. Outra parte úsase para mercar cousas necesarias como papel para secar as mans, guantes, artigos de limpeza e pintura”. O resto das doazóns envíase á obra mundial para axudar en proxectos máis grandes e custosos por todo o mundo.

Proxectos de mantemento máis grandes

 Ás veces, o traballo de mantemento nun Salón do Reino pode custar máis do que os irmáns normalmente gastan durante dous ou tres meses. Neses casos, os anciáns póñense en contacto co formador de mantemento do LDC. Se o LDC aproba o proxecto, polo xeral úsanse as doazóns para a obra mundial. Durante o ano de servizo 2023, fixéronse 8793 proxectos deste tipo, que custaron 76,6 millóns de dólares. Vexamos dous destes proxectos.

 En Angola, un Salón do Reino construído fai 15 anos tiña varios problemas. Facía falta renovar o sistema eléctrico e as paredes tiñan gretas. Ademais, os veciños queixábanse de que a auga do Salón entraba ás súas casas. Para solucionar todos estes problemas, o LDC puxo en marcha un proxecto que custou 9285 dólares. Os veciños quedaron impresionados ó ver como se realizou o traballo e agradecérono moito.

Un Salón do Reino renovado en Angola.

 En Polonia, un Salón do Reino tiña goteiras e a moqueta estaba tan danada que non se podía reparar. O LDC aprobou un proxecto para arranxar e impermeabilizar o tellado e cambiar a moqueta. En total gastáronse 9757 dólares. Grazas a isto, non será necesaria unha renovación importante nese Salón do Reino por varios anos.

Renovando un Salón do Reino en Polonia.

Os traballos de mantemento danlle gloria a Xehová

 Os traballos de mantemento non só aforran diñeiro das doazóns que tanto valoramos, senón que lle dan gloria a Xehová. Shaun, un irmán de Tonga, comenta: “Grazas ós labores de mantemento podemos adorar a Xehová nun Salón do Reino limpo e ordenado, onde todo funciona ben. Isto fai que se dea un bo testemuño do nome de Xehová na comunidade. Sentímonos moi orgullosos de invitar a todo o mundo ó noso Salón do Reino”.

Como podes axudar?

 Todos podemos axudar a limpar e manter en bo estado os nosos lugares de adoración. Marino, un formador de mantemento de Australia, explica: “Todos podemos participar na marabillosa asignación de coidar os nosos Salóns do Reino. Cando o facemos así, conseguimos aforrar moito diñeiro das doazóns e desa forma podemos usalo onde máis se necesite”.

 Joel, un irmán da India que desfruta axudando cos labores de mantemento no seu Salón do Reino, di: “Colaborar cos meus irmáns axúdame a imaxinar como será traballar no novo mundo”. Nicole, mencionada antes, conta: “Fai pouco, uns irmáns tiveron que arranxar unha goteira no baño e eu botei unha man secando o chan. Aínda que non arranxei o problema, axudei a evitar accidentes”.

 Gustaríache ofrecerte como voluntario para axudar nos labores de mantemento do teu Salón do Reino? Se é así, fala cos anciáns da túa congregación. Ademais, recorda que coas túas doazóns non só apoias os traballos de mantemento do teu Salón do Reino, senón tamén os de todo o mundo. Podes facer as túas doazóns nas caixas de contribucións no teu Salón ou na páxina web donate.pr418.com. Graciñas pola túa xenerosidade!

Todos podemos coidar dos nosos Salóns do Reino.

a Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.