COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Proxectos de construción que nos axudan a predicar
20 DE OUTUBRO DE 2023
O Consello Reitor desexa utilizar as doazóns para proporcionar instalacións que nos axuden a levar a cabo a obra de predicar o Reino. Por exemplo, durante o ano de servizo 2023, as entidades legais das sucursais das testemuñas de Xehová gastaron máis de 500 millóns de dólares para comprar, construír, renovar e manter Salóns do Reino e Salóns de Congresos ó redor da Terra. a A esta cantidade temos que sumar o gasto que fan as congregacións por todo o mundo para coidar dos seus Salóns do Reino.
Ademais, as doazóns tamén se usan para construír e manter as instalacións das sucursais. Estas, á súa vez, axudan a organizar e impulsar a predicación a nivel mundial. Simplificamos o traballo que facemos nas sucursais para poder usar algúns cartos e así apoiar a construción e renovación dos Salóns do Reino e Salóns de Congresos. Con todo, aínda fan falta moitos cartos para reparar, reformar e trasladar instalacións de sucursais. Por que son tan importantes estes proxectos? Como apoian as sucursais o traballo tan necesario que se fai na predicación? Imos descubrilo.
“Axudan a darlle unha nova vida”
Moitas sucursais teñen ó redor de 30 ou 40 anos! Nicholas, do Departamento Global de Deseño e Construción, explica: “Incluso os edificios cun bo mantemento fanse vellos e comezan a ter serios problemas. As renovacións axudan a darlle unha nova vida ós edificios para que sigan sendo útiles”.
As sucursais teñen que adaptarse para seguir o ritmo que necesita a organización. A nivel mundial, o número de publicadores creceu moito. Por iso, é necesario ter máis voluntarios para traballar nas instalacións. Como resultado, sucursais que un día tiñan un tamaño axeitado agora están moi cheas.
A seguridade é un factor moi importante. A medida que avancen os últimos días, teremos cada vez máis desastres naturais que poñerán en perigo a nosa vida (Lucas 21:11). Cando usamos as técnicas de construción máis modernas durante unha renovación, contribuímos a facer unhas instalacións máis seguras para os voluntarios que traballan nelas. Estas melloras tamén poden facer que as instalacións sexan máis útiles para dirixir labores de socorro e para seguir organizando a predicación despois dun desastre natural.
“Xehová bendiciu esta decisión”
Baixo a dirección do Consello Reitor, durante o ano de servizo 2023 leváronse a cabo proxectos de construción en 43 sucursais. Isto significa que case a metade das sucursais do mundo estiveron envoltas nalgún tipo de construción. Vexamos dous exemplos que demostran a importancia do traballo que se está facendo.
Angola. Matt, un membro do Comité de Sucursal de Angola, di: “Temos o privilexio de ver como se está cumprindo a profecía de Axeo 2:7 dunha maneira moi especial. Tan só en dez anos o número de publicadores aumentou nun 60 %! Para apoiar a todos estes publicadores, a familia Betel necesitaba multiplicarse por tres. En cambio, polo tamaño das instalacións non se puideron invitar a tódolos irmáns que facían falta. Así que moitos betelitas tiveron que traballar moi duro e facer horas extra”.
En vista desta situación, asignouse a algúns irmáns para que investigasen que opcións había para ampliar a sucursal. Ó principio, pensaron renovar o edificio da sucursal como unha solución rápida e práctica. Pero despois de investigar moito, déronse conta de que esa non sería a mellor maneira de usar as doazóns. En vez diso, recomendaron comprar e renovar un edificio que estaba cerca. Matt explica: “Cando se lle presentou ó Comité de Sucursal a opción de comprar e renovar un edificio próximo que xa estaba construído, preocupábanos que non fose tan útil como se o construísemos nós. Pero agora vemos claramente que Xehová bendiciu esta decisión porque ese edificio é xusto o que necesitabamos”.
É probable que a sucursal de Angola necesite máis espazo no futuro. Pero co novo edificio, as casas modulares que se instalaron no terreo de Betel e as vivendas que se alugaron, poderanse cubrir as necesidades deste país onde a obra está crecendo moitísimo.
O Xapón. Os primeiros edificios da sucursal construíronse fai case 40 anos e nunca tiveron unha renovación importante. Fíxose todo o posible por manter as instalacións en bo estado. Pero a pesar destes esforzos, a vida útil destes edificios xa rematara. Por esta razón, actualmente estase facendo un gran proxecto de renovación.
A vida na sucursal tamén cambiou nos últimos anos. Antes do 2015, preparábanse tódalas comidas para a familia Betel. Así que moitos cuartos do Betel do Xapón deseñáronse cunha pequena “cociña”. Agora os betelitas preparan a maioría das comidas nos seus cuartos. Para que isto sexa máis fácil, a renovación incluíu unha ampliación das cociñas. Kumiko, unha irmá que serve na sucursal do Xapón, di: “A cociña faime sentir coma na casa, e permíteme dar todo o meu apoio ás decisións de Betel”.
O traballo que se fai na sucursal do Xapón é moi importante a nivel mundial (Mateo 28:19, 20). O Xapón é unha das dúas sucursais en todo o mundo que imprimen a Biblia completa. Por iso, o proxecto de construción incluíu a instalación dun sistema de recollida de po e restos de papel. Mercar e instalar este sistema custou case un millón de dólares, pero contribúe a que tódolos que traballan na imprenta estean seguros e tamén a que a sucursal poida seguir imprimindo e enviando alimento espiritual.
Seguir coa produción de Biblias durante a construción era unha prioridade. Trey, un membro do Comité de Sucursal do Xapón, explica: “Durante a época da construción, a demanda de Biblias aumentou porque a organización estaba publicándoas cada vez en máis idiomas. Necesitouse unha moi boa colaboración entre os departamentos e a empresa externa para organizar ben a instalación das novas máquinas e a produción das publicacións”. A pesar dos desafíos, imprimíronse case 220.000 Biblias ó mes, entre marzo e agosto de 2023, xusto no momento no que se fixo a maior parte do traballo de construción na imprenta. Finalmente se puido completar todo o traballo sen ter que gastar máis cartos dos planificados.
O aforro enerxético é outro punto clave neste proxecto de renovación. Vanse instalar paneis solares, que servirán para aforrar máis de 120.000 dólares ó ano. Tamén se instalarán ventás con tres cristais. Isto servirá para reducir o consumo de enerxía e permitirá aforrar máis de 10.000 dólares ó ano. Aínda que este tipo de melloras fan que os custos do proxecto aumenten, calculase que durante a súa vida útil aforrarán máis de tres millóns e medio de dólares. Ademais tamén reducirán o impacto ambiental dos edificios.
“Aínda queda moito máis por facer”
Os proxectos destas dúas sucursais son tan só dous exemplos de todo o traballo que hai que facer para que se poidan seguir atendendo as necesidades do territorio. Pero o traballo non acaba aquí. Aaron, do Departamento Global de Deseño e Construción, di: “Logrouse moito, pero aínda queda moito máis por facer”. Como se chegará a completar todo este traballo? Aaron explica: “Ademais das xenerosas doazóns que fan posible financiar estes proxectos, tamén estamos moi agradecidos a tódolos voluntarios que se ofreceron e a todos aqueles que están facendo os preparativos para estar dispoñibles no futuro. En realidade, tanto os esforzos físicos coma os económicos dos nosos irmáns son unha proba impresionante da bendición de Xehová” (Salmo 110:3, TNM).
Tódolos proxectos de construción e renovación son posibles grazas ás doazóns voluntarias, moitas das cales se fan a través de donate.pr418.com. Moitas graciñas por ser sempre tan xenerosos!
a Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.