Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Un manual de estudo único

Un manual de estudo único

1 DE ABRIL DE 2022

 En xaneiro de 2021, o Consello Reitor anunciou a publicación dun novo manual para dar cursos da Biblia, o libro Desfruta da vida para sempre! a Que che pareceu o anuncio? Matthew, do Canadá, comenta: “Estaba moi contento! A miña alegría foi crecendo ó escoitar os discursos e os vídeos que explicaban por que se fixo o libro e como se puxo a proba na predicación. Faltábame tempo para velo e comezar a usalo”.

 O libro Desfruta da vida para sempre! usa un novo método para dirixir cursos da Biblia. Pero esta non é a única diferenza cos manuais anteriores. Se utilizas a edición impresa do libro seguro que notaches algo diferente. Se queres saber de que se trata, bótalle unha ollada a como se fai o libro.

Un novo libro cun toque diferente

 Un papel máis groso. Por que era necesario? Desfruta da vida para sempre! ten máis de 600 imaxes cheas de cor, case dez veces máis que o libro Que nos ensina! O novo libro ten máis espazos en branco, é dicir, espazos nos que non hai texto nin imaxes. Estas dúas novidades teñen un problema. Cando o papel é máis fino, as imaxes pódense ver na outra cara da páxina, aínda que sexa só un chisquiño. Para evitalo, irmáns do Departamento Internacional de Impresión en Wallkill, Nova York (EEUU), fixeron probas con catro tipos de papel que utilizamos habitualmente na nosa imprenta. O Comité de Redacción do Consello Reitor revisou cada unha das mostras e escolleu o papel que menos se transparentaba. Este tipo de papel custa un 16% máis que o papel que se adoita utilizar para moitas das nosas publicacións. Aínda así, facilítalles ós estudantes a lectura sen distraerse coas imaxes da páxina seguinte.

A imaxe da dereita amosa o papel que se utilizou para Desfruta da vida para sempre!

 Un laminado diferente. A portada do novo libro ten un tacto diferente ó doutras publicacións porque se utilizou un laminado especial. En vez de utilizar un laminado brillante, o novo libro ten un acabado mate. Iso fai que o debuxo da portada resalte máis. Tamén axuda a protexer o libro do desgaste ó usalo moito. Pero o laminado mate pode custar ata cinco veces máis que o laminado brillante. Así que, varias sucursais traballaron en conxunto para obtelo de xeito máis económico.

Laminando a portada

 Por que se escolleron estes materiais máis caros? Un irmán que traballa no Departamento Internacional de Impresión explica: “Esperamos que se lle dea moito uso a este libro, así que buscamos que conserve unha aparencia digna a pesar do uso frecuente”. Eduardo, que traballa na Oficina da Imprenta na sucursal do Brasil di: “Estamos encantados de ver como a organización de Xehová usa materiais de calidade para que sexa un gusto utilizar un libro tan fermoso e resistente, mentres se segue facendo bo uso das doazóns”.

A impresión durante a pandemia da COVID-19

 Empezamos a imprimir Desfruta da vida para sempre! en marzo de 2021. Isto foi durante a pandemia da COVID-19, o que supuxo algúns retos. Como resultado do confinamento en Betel, non se puido contar coa axuda dos voluntarios externos para a impresión, nin tampouco invitar a novos irmáns para que servisen como betelitas. Debido a isto, algunhas imprentas non tiñan suficiente persoal e outras estiveron temporalmente pechadas polas restricións dos gobernos.

 Como se superaron estas dificultades? Cando se puido volver a traballar nas imprentas, pedíuselles ós betelitas doutros departamentos que axudasen temporalmente cos traballos de impresión. “O seu espírito de sacrificio e a súa boa disposición para aceptar novas asignacións, fixo posible que se realizase o traballo”, di Joel que traballa co Departamento Internacional de Impresión.

 A pesar dos obstáculos, xa se imprimiron millóns de copias do libro Desfruta da vida para sempre! A produción destes fai necesaria unha gran variedade de materiais, como pranchas de impresión, películas laminadas, papel, tinta e pegamento. Nos primeiros cinco meses de impresión, gastáronse máis de 2 millóns de euros unicamente nos materiais. Para aforrar cartos tivemos moito coidado de imprimir só os libros que as congregacións realmente precisan.

“É unha obra de arte”

 Como se senten os mestres e os estudantes con este novo manual de estudo? Paul, un irmán de Australia di: “Encántame dirixir cursos da Biblia co libro Desfruta da vida para sempre! O deseño é moi atraente e o seu uso moi interactivo. Combina moi ben a información clara, as preguntas que chegan ó corazón, os vídeos, as imaxes, os gráficos e as metas para o estudante. Motívame a mellorar o meu ensino. É unha obra de arte”.

 Un estudante da Biblia dos Estados Unidos di: “Gústame moito o novo libro. Esta obra de arte axúdame a entender os puntos principais. Os vídeos chéganme ó corazón e motívanme a poñer en práctica o que aprendo”. Este estudante asiste regularmente ás reunións e estuda dúas veces por semana.

 Aínda quedan millóns de copias do libro Desfruta da vida para sempre! por imprimir en moitos idiomas. De feito, o Consello Reitor aprobou a publicación deste manual en 710 idiomas. Isto son 340 máis que o libro Que nos ensina!

 De onde saen os cartos para cubrir todos estes gastos? Das doazóns voluntarias para a obra mundial, incluídas as que se fan a través de donate.pr418.com. Agradecemos moito as túas doazóns. Estas axúdannos a producir manuais de estudo da Biblia para tódolos que queren aprender de Xehová e desfrutar da vida para sempre (Salmo 22:27 [22:26, TNM]).

a Este anuncio fíxose no programa da reunión anual que se publicou en JW Broadcasting.