Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Xehová non se esquece dos xordos

Xehová non se esquece dos xordos

1 DE XULLO DE 2022

 Xehová quere que tódalas persoas, sen importar as súas circunstancias, poidan aprender del e do seu Reino (1 Timoteo 2:3, 4). Por iso, as Testemuñas de Xehová producen Biblias e ferramentas de estudo para a maior cantidade de persoas posible, incluídos os xordos. De feito, a nosa organización gravou miles de publicacións en forma de vídeos dispoñibles en máis de 100 linguaxes de signos! a Como producimos e distribuímos estas publicacións? E que melloras se fixeron ó longo do tempo?

Como se fan os vídeos en linguaxe de signos?

 Os diferentes equipos de tradución de todo o mundo producen as publicacións en linguaxe de signos. Como o fan? Os membros de cada equipo analizan con coidado as publicacións que é necesario traducir. A continuación, deciden como transmitir a información en linguaxe de signos da mellor forma posible. Unha vez feito isto, gravan a publicación en vídeo. Actualmente, uns 60 equipos traducen con regularidade axudas para estudar a Biblia á linguaxe de signos, e outros 40 fano ocasionalmente.

 Anos atrás, era moi caro producir vídeos en linguaxe de signos, xa que as cámaras de vídeo e outros aparellos custaban moito máis que agora. Ás veces era necesario construír dende cero o estudio no que se gravaban os vídeos. Noutras ocasións renovábase un edificio existente. En total custaba máis de 30.000 b dólares ter todo preparado para un equipo de tradución á linguaxe de signos.

 Para aproveitar da mellor forma posible as doazóns, a nosa organización buscou maneiras de mellorar e simplificar o proceso de tradución. Por iso, agora usamos un equipamento máis moderno, funcional e económico. En vez de utilizar un estudio, os equipos de tradución poden usar un fondo verde e gravar vídeos na súa oficina. Cando se necesitan varios irmáns, en lugar de ir a un estudio, estes poden gravar a parte que lles corresponde da publicación dende a súa casa ou dende a oficina.

 Tamén fixemos programas informáticos para axudarlles ós equipos que producen as publicacións. Estes adiantos conseguiron reducir á metade o tempo que se tarda en facer unha publicación en linguaxe de signos. Os irmáns agradecen moito estes adiantos. Un irmán chamado Alexander di: “Os vídeos en linguaxe de signos publícanse con moita máis frecuencia que antes. Iso alégrame moitísimo. Vexo os vídeos tódolos días”.

 A día de hoxe custa menos de 5.000 dólares mercar o material necesario para un equipo de tradución. Como resultado, producimos vídeos en moitas máis linguaxes de signos.

Como se distribúen os vídeos en linguaxe de signos?

 Unha vez finalizada a gravación dunha publicación en linguaxe de signos, hai que facerlla chegar ós que a necesitan. No pasado produciamos videocasetes e DVD pero isto era moi caro, levaba moito tempo e daba moito traballo. As gravacións mandábanse a unha empresa externa para que lles fixesen copias. E por último, as videocasetes e os DVD enviábanse ás congregacións. Só no ano 2013, gastáronse máis de 2 millóns de dólares na produción destes DVD.

 Os xordos estaban moi agradecidos por estes vídeos, pero non sempre eran fáciles de utilizar xa que o número de videocasetes e DVD foi aumentando ó longo do tempo. Nalgúns casos eran necesarios varios DVD para reproducir un só libro da Biblia. Gilnei, un irmán do Brasil recorda: “Cando queriamos ler un texto da Biblia, primeiro tiñamos que atopar a videocasete correcta e despois buscar o texto nela. Era moi complicado”. Unha irmá chamada Rafayane, que utilizaba os DVD en linguaxe de signos, di: “Era esgotador facer o estudo persoal. Dedicabamos moito tempo a simplemente buscar os textos e as referencias”. E cando os nosos irmáns e irmás ían predicar, moitas veces tiñan que levar con eles DVD ou videocasetes que podían reproducir na televisión da persoa interesada. Algúns irmáns ata levaban o seu propio reprodutor de DVD. Pouco tempo despois apareceron os reprodutores de DVD portátiles con pantalla, e moitos irmáns comezaron a utilizalos. Bobby, que vive nos Estados Unidos, comenta: “Se despois de mostrar un texto querías compartir outro coa persoa, moitas veces tiñas que cambiar de disco. Isto levaba tempo e facía máis difícil o uso da Biblia nas conversacións”.

 No ano 2013, a organización de Xehová publicou a aplicación JW Library Sign Language que lles permite ós irmáns descargar e reproducir vídeos en linguaxe de signos nos seus teléfonos ou tabletas. Aínda que ó principio a aplicación só estaba dispoñible en linguaxe de signos americana, en 2017 actualizouse para poder usar calquera linguaxe de signos. Tódolos irmáns estaban encantados. Juscelino, un irmán do Brasil, di: “Non o podía crer! Non deixaba de pensar no amor que nos mostra o Consello Reitor ós xordos. Preocúpase moito por nós para que progresemos na verdade igual que as persoas que poden oír. Estaba moi emocionado. A aplicación motivoume a estudar a Biblia aínda máis”.

Usando a aplicación JW Library Sign Language.

 Hoxe en día producimos e distribuímos en formato dixital tódolos vídeos en linguaxe de signos dende a nosa páxina web e na aplicación JW Library Sign Language. Deste xeito, as publicacións en linguaxe de signos pódense traducir, gravar e distribuír nuns poucos días en lugar de meses ou anos. De feito, en moitas linguaxes de signos publícanse ó mesmo tempo que nos idiomas falados.

 Fíxate no que din algúns irmáns xordos. Unha irmá chamada Klízia di: “Que organización se preocupa tanto polos xordos como para darlles alimento espiritual dunha maneira tan accesible? Nada neste mundo se pode comparar co que fai a organización de Xehová por nós”. Vladimir comenta: “Os vídeos demóstranme que Xehová se preocupa moito tanto polos xordos como polos oíntes”.

 Os nosos vídeos en linguaxe de signos a miúdo din o seguinte: “Esta publicación distribúese como parte dunha obra mundial de educación bíblica que se sostén con doazóns voluntarias”. Agradecemos moito as túas doazóns, moitas das cales se fan a través de donate.pr418.com. Estes cartos axúdannos a producir Biblias e outras ferramentas de estudo para tódalas persoas, incluídos aqueles que usan linguaxe de signos.

a Xa que as linguaxes de signos comunican as ideas de forma visual usando as mans e as expresións faciais, as publicacións en linguaxe de signos fanse en formato vídeo en lugar de impresas.

b Todas as cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.