Ir ó contido

Ir ó índice

Que di a Biblia sobre a crise mundial da auga?

Que di a Biblia sobre a crise mundial da auga?

 Todos necesitamos auga limpa para vivir. “A demanda mundial de auga segue aumentando, polo que nos enfrontamos a unha grave crise hídrica”, advertiu António Guterres, secretario xeral das Nacións Unidas. Xa agora, miles de millóns de persoas por todo o mundo teñen problemas para conseguir auga potable para beber.

Strdel/AFP via Getty Images

 Teremos algún día suficiente auga para todos ou seguiremos loitando contra a crise da auga? Que di a Biblia?

O que promete a Biblia sobre o abastecemento da auga

 A Biblia di que chegará o día no que non haxa falta de auga. De feito, haberá abundancia de auga limpa.

 “Saen á luz augas no deserto e ríos na estepa: a terra reseca convértese nunha lagoa, e a terra sedenta en manantiais de auga” (Isaías 35:6, 7).

 Por que podemos crer nesta promesa? Analiza o que di a Biblia sobre un detalle de como está deseñado o noso planeta.

O que di a Biblia sobre a Terra e o ciclo da auga

 “[Deus] non a creou [a Terra] coma un caos, formouna para ser habitada” (Isaías 45:18).

 Deus creou a Terra para facer posible a vida, por iso deseñou procesos naturais para producir auga limpa en abundancia.

 “[Deus] fai subir as gotas de auga; o vapor condénsase para formar a chuvia; entón as nubes derrámana precipitándoa sobre a humanidade” (Xob 36:27, 28, TNM).

 Este pasaxe describe, dunha maneira sinxela, como Deus deseñou un sistema natural e fiable para reciclar e subministrar auga. A auga evapórase da terra e do mar, condénsase e cae en forma de chuvia proporcionando constantemente auga limpa para os humanos e o animais (Eclesiastés 1:7; Amós 5:8).

 “Heivos manda-las chuvias no seu tempo, a terra havos de da-las súas colleitas e as árbores do campo os seus froitos” (Levítico 26:4).

 Na antigüidade, os israelitas eran un pobo agrícola. Deus prometeulles que os ía bendicir dándolles auga regularmente para que tivesen boas colleitas. Polo tanto, Deus sabe que a produción de alimentos depende de ter auga abondo e no tempo debido.

 O que fixo Deus no antigo Israel, vaino facer moi pronto en toda a Terra (Isaías 30:23). Mentres tanto, en moitas partes do mundo a crise da auga segue aumentando e a falta de auga só é unha parte do problema. Que máis di a Biblia sobre a solución a este problema?

Como rematará a crise da auga

 A Biblia explica que Deus vai solucionar tódolos problemas do planeta, incluída a crise da auga (Mateo 6:9, 10). Para facelo, Deus vai usar o seu Reino celestial, é dicir, un goberno que terá autoridade sobre toda a Terra (Daniel 2:44; Apocalipse 11:15). Este goberno vai facer o que os gobernos humanos non poden: acabar coas causas da crise da auga.

 Problema: O cambio climático está contribuíndo a que existan desequilibrios no ciclo da auga. Como consecuencia, hai secas extremas e graves inundacións provocadas por chuvias torrenciais ou pola subida do nivel do mar.

 Solución: O Reino de Deus vai solucionar tódolos problemas medioambientais. Deus prometeu: “Vede que volvo novas tódalas cousas” (Apocalipse 21:5). As zonas secas, incluso as que agora non están habitadas, estarán cheas de vida grazas á abundancia de auga (Isaías 41:17-20). Ademais, este goberno en mans de Xesús, tamén vai controlar as forzas da natureza.

 Cando Xesús estivo na Terra, calmou unha terrible tormenta. Isto tan só foi un pequeno exemplo do poder que Deus lle deu (Marcos 4:39, 41). Xesús é o rei do Reino de Deus. Baixo o seu goberno xa non haberá desastres naturais. Polo tanto, desfrutaremos de verdadeira paz e seguridade.

 Problema: Algunhas empresas cobizosas e algunhas persoas que non pensan nas consecuencias das súas accións contaminan os ríos, os lagos e as reservas subterráneas de auga. Isto contribúe a que cada vez haxa menos auga limpa.

 Solución: Deus vai limpar a Terra e reparar o dano que se lles fixo ós ríos, ós lagos, ós mares e ó chan. A Terra chegará a ser un paraíso. De forma poética, a Biblia di: “¡Que se alegren o deserto e maila terra reseca, que brinque de ledicia a estepa e que floreza!” (Isaías 35:1).

 Que lle vai suceder á xente que non se preocupa polo medio ambiente, nin por outras persoas? Deus prometeu que vai “esnaquiza-los que destrúen o mundo” (Apocalipse 11:18; Proverbios 2:21, 22).

 Problema: As persoas están desaproveitando as reservas de auga, é dicir, gástase máis auga da que o planeta é capaz de producir.

 Solución: Grazas ó Reino, na Terra vaise facer a vontade de Deus e non a de persoas egoístas (Mateo 6:9, 10). O Reino de Deus vailles dar ás persoas a mellor educación, por iso a Biblia di: “o país [ou a terra] estará cheo de coñecemento do Señor” (Isaías 11:9). Grazas a esta educación superior e ó amor por Deus e pola súa creación, a humanidade vai coidar do noso fermoso planeta e dos seus recursos.

  •    Para saber que máis fará o Reino de Deus, mira o artigo “Que logrará o Reino de Deus?”.

  •    Vai ó capítulo 35 do libro de Isaías para ler por ti mesmo como se vai transformar a Terra nun paraíso.

  •    Para saber máis sobre o propósito de Deus para a Terra e a humanidade, mira o vídeo Por que Deus creou a Terra?