Ir ó contido

Ir ó índice

ESTADE SEMPRE VIXIANTES!

Por que a política divide tanto as persoas? O que di a Biblia

Por que a política divide tanto as persoas? O que di a Biblia

 As divisións políticas son coma unha praga que afecta a moitos países. Segundo unha enquisa do 2022 do Pew Research Center, “o 65% dos adultos de 19 países afirmou que no seu país existían desacordos graves ou moi graves entre as persoas que apoian diferentes partidos políticos”.

 Cres que onde vives hai cada vez máis divisións políticas? Cal pensas que é a causa deste problema? Haberá algunha solución? Fíxate no que di a Biblia.

Actitudes que dividen

 Referíndose ó tempo no que vivimos, a Biblia predixo que nos “últimos días” moitas persoas terían actitudes que farían case imposible estar unidos.

  •   “Nos últimos días virán tempos críticos e difíciles de soportar. Porque a xente só se amará a si mesma, [...] non estarán dispostos a chegar a ningún acordo” (2 Timoteo 3:1-3, TNM).

 A pesar dos esforzos de moita xente, ós gobernos resúltalles difícil facer ben o seu traballo. Para as persoas que teñen puntos de vista totalmente contrarios é moi complicado, ou incluso imposible, traballar xuntas para atopar solucións ós problemas. O que está pasando confirma o que a Biblia xa afirmou hai moito tempo.

  •   “Un home domina sobre outro para mal” (Eclesiastés 8:9).

 Pero a Biblia di que a solución está en ter un goberno dirixido por alguén que poida eliminar tódolos problemas que nos fan sufrir.

Un gobernante competente que se preocupa por nós

 A Biblia di que existe un gobernante que ten as capacidades necesarias para solucionar tódolos problemas: Xesucristo. El ten o poder, a autoridade e o desexo de lograr que todos esteamos unidos e vivamos en paz.

  •   “Nos seus días o xusto florecerá, e haberá paz en abundancia” (Salmo 72:7, TNM).

  •   “Servirano tódalas nacións” (Salmo 72:11).

 Xesús é o gobernante ideal porque se preocupa por nós e quere axudarnos, especialmente se sufrimos inxustizas.

  •   “El librará ó pobre que suplica, ó aflixido que está sen axuda. Terá piedade dos febles e indixentes, salvará a vida dos pobres; rescataraos da inxuria e da opresión” (Salmo 72:12-14, TNM).

 Gustaríache aprender máis acerca do Reino de Deus e do seu gobernante, Xesucristo? Descubre como che pode axudar este goberno e como podes apoialo.