Ir ó contido

Ir ó índice

Que di a Biblia sobre a actual falta de alimentos?

Que di a Biblia sobre a actual falta de alimentos?

 “Fame cero”. Este é un dos obxectivos dos líderes mundiais respecto dun dos maiores problemas que ten a humanidade: proporcionar alimentos a tódalas persoas do planeta. a Pero, acabará algún día a fame no mundo? Que di a Biblia?

A Biblia predixo a actual falta de alimentos

 A Biblia predixo que habería fames nos “últimos días”, é dicir, no tempo no que estamos vivindo (2 Timoteo 3:1, TNM). Aínda que Deus non é o responsable desta falta de alimentos, el xa nos avisou (Santiago 1:13). Mira o que din dúas profecías da Biblia.

 “Haberá fame [. . .] en diversos lugares” (Mateo 24:7). Esta profecía da Biblia predixo que habería fames en moitos lugares. Un informe recente de persoas que estudan como se producen e distribúen os alimentos dixo: “O mundo está retrocedendo nos seus esforzos por acabar coa fame, a inseguridade alimentaria e a malnutrición”. b Centos de millóns de persoas, en ducias de países, non poden conseguir a comida que necesitan. Tristemente, o resultado é que moitas destas persoas acaban morrendo.

 “Vin un cabalo negro. O seu cabaleiro tiña unha balanza na man” (Apocalipse 6:5). Nesta profecía, o cabalo simbólico e o seu xinete representan a fame nos últimos días. c A balanza nas mans do xinete serve para pesar as racións de comida. Segundo avanza este xinete unha voz advirte que os prezos dos alimentos serían moi altos e recomenda non malgastar os alimentos básicos (Apocalipse 6:6). Esta é unha boa descrición da crise alimentaria mundial que existe hoxe en día. Por culpa dela, miles de millóns de persoas non poden mercar alimentos saudables ou nin sequera poden atopalos.

Como acabará a escaseza de alimentos

 Os expertos din que o noso planeta produce comida máis que suficiente para alimentar a tódolos que vivimos nel. Sendo así, que factores contribúen á escaseza de alimentos? E, que di a Biblia da maneira na que o noso Creador, Xehová, d vai solucionar estes problemas?

 Problema: Os gobernos non son capaces de eliminar a pobreza e as inxustizas que fan que a xente pase fame.

 Solución: Os gobernos humanos imperfectos serán substituídos por un goberno perfecto, o Reino de Deus (Daniel 2:44; Mateo 6:10). Actualmente, moita xente pobre loita por conseguir que comer, pero baixo o Reino de Deus iso cambiará. A Biblia di de Xesús, o Rei do Reino de Deus: “Porque el rescatará o pobre que grita por axuda, tamén o humilde e a todo o que non ten quen o axude. [. . .] Na terra haberá gran en abundancia, extraordinaria abundancia nos cumes das montañas” (Salmo 72:12, 16, TNM).

 Problema: As guerras causan destrución e inestabilidade económica. Como resultado a xente ten dificultades para conseguir os alimentos que necesitan.

 Solución: “[Xehová] acaba coas guerras por toda a terra. Rompe o arco e esnaquiza a lanza, queima os carros militares no lume” (Salmo 46:9, TNM). Deus destruirá as armas e a xente que causa a guerra. Como resultado, todo o mundo poderá conseguir alimentos de forma fácil e segura. A Biblia promete: “O xusto florecerá, e haberá paz en abundancia” (Salmo 72:7, TNM).

 Problema: O clima extremo e os desastres naturais arruínan os cultivos e matan o gando.

 Solución: Deus controlará as forzas naturais do noso planeta, creando as condicións favorables para a produción de alimento. A Biblia di: “[Xehová] troca a tempestade en brisa lene, e quedan caladas as ondas. [. . .] El cambia o deserto en lagoa e a terra seca en manancial. Asenta alí os famentos [. . .]. Sementan agros, plantan viñas e recollen os froitos” (Salmo 107:29, 35-37).

 Problema: Persoas corruptas e cobizosas producen alimentos que non son seguros para comer ou impiden que a comida lle chegue á xente que o necesita.

 Solución: O Reino de Deus eliminará a tódalas persoas que non sexan honestas e tamén a tódolos corruptos (Salmo 37:10, 11; Isaías 61:8). A Biblia describe a Xehová coma un Deus que lles fai “xustiza ós oprimidos” e lles dá “pan ós famentos” (Salmo 146:7).

 Problema: Tódolos anos se perde ou se desaproveita un terzo da produción mundial de alimentos.

 Solución: Baixo o Reino de Deus, a produción de alimentos xestionarase dunha maneira axeitada. Cando estivo na Terra, Xesús xa evitou desperdiciar a comida. Por exemplo, nunha ocasión alimentou milagrosamente unha multitude de máis de 5.000 persoas. Despois díxolles ós seus discípulos: “Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada” (Xoán 6:5-13).

 Grazas a que o Reino de Deus vai eliminar os problemas que causan a fame, tódalas persoas poderán desfrutar de boa comida en abundancia (Isaías 25:6). Para saber cando vai facer estas cousas o Reino de Deus, mira o artigo “Cando gobernará o Reino de Deus na Terra?”.

a Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sostible, aprobada no 2015 por tódolos Estados Membros das Nacións Unidas.

b Informe realizado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, o Fondo Internacional para o Desenvolvemento Agrícola, o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia, o Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas e a Organización Mundial da Saúde.

c Para saber máis sobre os catro xinetes do Apocalipse, mira o artigo “¿Qué representan los jinetes del Apocalipsis?”.

d Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8). Mira o artigo, “Quen é Xehová?”.