Ir ó contido

DESEÑOUNO ALGUÉN?

A habilidade das células para especializarse

A habilidade das células para especializarse

 Cando fuches concibido, empezaches a túa vida sendo unha pequena célula chamada cigoto que case nin se podía percibir a simple vista. Pero, só uns meses despois, xa eras un bebé completamente formado. Aquela célula multiplicouse e transformouse en máis de 200 tipos diferentes de células con múltiples formas, tamaños e funcións.

 Pensa nisto: Unha célula cigoto fai unha copia do seu ADN e divídese en dúas. As células resultantes repiten este proceso múltiples veces. Ó principio tódalas células novas son basicamente iguais. No seu ADN teñen as instrucións necesarias para formar cada tipo de célula.

 Unha semana despois da concepción, as células empezan a especializarse en dous tipos. Unhas converteranse no embrión e outras na placenta e noutros tecidos que lle axudarán a crecer.

 Na terceira semana, as células do embrión empezan a organizarse en tres capas. As que están na capa exterior especializaranse en formar os nervios, o cerebro, a boca, a parte externa da pel e outras células. As da capa intermedia converteranse en sangue, ósos, riles, músculos e outros tecidos. As células da capa interior serán futuros órganos internos coma os pulmóns, a vexiga e a maior parte do sistema dixestivo.

Segundo o feto se vai desenvolvendo, as súas células multiplícanse e especialízanse en máis de 200 tipos diferentes

 Durante o embarazo, algunhas das células desprázanse, individualmente ou en grupos, dunhas zonas do embrión a outras. Outras células agrúpanse e crean láminas ou dóbranse sobre si mesmas para formar tecidos parecidos a cordas e ocos. Estes procesos requiren unha coordinación extraordinaria. Por exemplo, en certo momento, algunhas láminas de células enróscanse para formar pequenos tubos. Isto sucede á vez en diferentes partes do embrión. Despois estes tubos van alongándose e ramificándose para unirse e formar toda a rede de vasos sanguíneos do corpo.

 Para cando un bebé nace, os seus centos de miles de millóns de células xa se especializaron no tipo correcto, no lugar exacto e no momento adecuado.

 Que dirías? É a habilidade das células para especializarse resultado da evolución? Ou deseñouno alguén?