Que di a Biblia sobre a amizade?
O que di a Biblia
Os bos amigos axúdannos a sacar o mellor de nós, mellorar as nosas habilidades e ter unha vida feliz (Proverbios 27:17, SBG).
Por iso a Biblia dinos que é moi importante escoller os amigos con coidado, tamén nos advirte das consecuencias de non escollelos ben. Por exemplo, podemos chegar a tomar decisións pouco intelixentes ou botar a perder as nosas boas calidades (Proverbios 13:20; 1 Corintios 15:33).
Neste artigo veremos o seguinte:
Que é un bo amigo?
A Biblia ensina que a base dunha boa amizade debe ser máis que ter un mesmo interese ou un hobby en común. Por exemplo, o Salmo 119:63 di: “Son amigo dos que te a temen e gardan os teus mandatos”. Fíxate que o escritor deste salmo di que el escolle os seus amigos entre as persoas que queren agradar a Deus e desexan vivir obedecendo as súas normas.
A Biblia tamén sinala as calidades que debería ter un bo amigo, por exemplo:
“O amigo ama en todo tempo, e amósase coma un irmáu no perigo” (Proverbios 17:17, SBG).
“Hai compañeiros só para parolar, e hai amigos máis íntimos ca irmáns” (Proverbios 18:24).
Estes versículos ensínannos que un bo amigo é leal e amable con nós. É alguén que nos trata con agarimo. Un amigo de verdade vainos axudar nos bos e nos malos momentos. Terá o suficiente valor para avisarnos se imos polo mal camiño ou se imos tomar unha mala decisión (Proverbios 27:6, 9, TNM).
Exemplos bíblicos de boas amizades
A Biblia contén diferentes exemplos de boas amizades entre persoas de diferentes idades, antecedentes, culturas e cargos. Pensa nestes exemplos:
Rut e Noemí. Rut era a nora de Noemí e posiblemente fora moito máis nova ca ela, ademais criáronse en culturas diferentes. A pesar destas diferenzas, queríanse moito e tiñan unha amizade moi estreita (Rut 1:16).
David e Ionatán. Aínda que Ionatán probablemente era 30 anos máis vello que David, a Biblia di que entre eles xurdiu unha gran amizade (1 Samuel 18:1).
Xesús e os seus apóstolos. Aínda que Xesús era o seu mestre, non vía os seus apóstolos como persoas que non foran dignas da súa amizade (Xoán 13:13). Máis ben, Xesús tiña unha relación estreita con aqueles que seguían as súas ensinanzas. El dixo: “A vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer” (Xoán 15:14, 15).
Podemos ser amigos de Deus?
Si, os seres humanos podemos ser amigos de Deus. A Biblia, falando das persoas que Deus escolle como amigos, di: “Ten unha amizade estreita coas que son rectas” (Proverbios 3:32, TNM). Noutras palabras, Deus escolle como amigos a persoas que se esforzan por ser decentes, honestas e que procuran vivir segundo as súas normas. Por exemplo, a Abraham, que foi un home fiel do pasado, chámaselle na Biblia amigo de Deus (2 Crónicas 20:7; Isaías 41:8, SBG; Santiago 2:23).
a O contexto deste salmo mostra que con “te” estase referindo a Deus.