Que di a Biblia sobre coidar dos pais maiores?
O que di a Biblia
Os fillos adultos teñen a importante responsabilidade de asegurarse de que os seus pais maiores están ben coidados. A Biblia di que os fillos adultos teñen que aprender a “respecta-la propia familia e a corresponderlles ós seus pais, porque isto é o que lle agrada a Deus” (1 Timoteo 5:4). Cando os fillos se aseguran de que os seus pais maiores están ben coidados, tamén están obedecendo o mandato bíblico de honralos (Efesios 6:2, 3).
A Biblia non conten instrucións específicas sobre como coidar dos pais maiores, pero si contén exemplos de homes e mulleres fieis que o fixeron. Tamén contén consellos prácticos que nos poden axudar no seu coidado.
Como coidaron algunhas persoas de tempos bíblicos dos seus pais maiores?
Fixérono de formas diferentes dependendo das circunstancias.
Xosé vivía lonxe do seu pai, Xacob. Pero en canto puido, fixo o necesario para que o seu pai se mudase máis cerca del. Deulle un lugar onde vivir, comida e protección (Xénese 45:9-11; 47:11, 12).
Rut emigrou para ir ó país da súa sogra e traballou moi duro para coidar dela (Rut 1:16; 2:2, 17, 18, 23).
Xesús, pouco antes de morrer, pediulle a un dos seus discípulos que coidase da súa nai, María, que ó parecer xa era viúva (Xoán 19:26, 27). a
Que consellos prácticos da Biblia poden axudar ós coidadores?
Coidar dos pais maiores pode deixarnos física e emocionalmente esgotados. Pero a Biblia pode axudarnos a afrontar esta situación.
Honra os teus pais.
A Biblia di: “Honra a teu pai e a túa nai” (Éxodo 20:12).
Como podes aplicar este principio? Demóstralles honra ós teus pais deixándolles ter tanta independencia como lles permitan as súas circunstancias. Ata onde sexa posible, deixa que tomen as súas propias decisións sobre o seu coidado. Pero, ó mesmo tempo, hónraos facendo todo o que estea nas túas mans para axudalos.
Sé comprensivo e perdoa.
A Biblia di: “O home sabio móstrase tolerante, a súa gloria é deixar de lado a ofensa” (Proverbios 19:11).
Como podes aplicar este principio? Se parece que o teu pai ou a túa nai non valoran o coidado que lles dás ou din algo que che doe, pregúntate: “Como me sentiría eu se estivese na súa situación?”. Se te esforzas por entendelos e perdoalos, podes evitar que as cousas empeoren.
Infórmate ben.
A Biblia di: “Onde non se fai xuntanza malógranse os planos, pero cúmprense cos moitos conselleiros” (Proverbios 15:22).
Como podes aplicar este principio? Busca información sobre como atender os problemas de saúde que poidan ter os teus pais. Mira que axudas ou servizos hai dispoñibles no lugar onde vives. Pídelles axuda a outros que xa teñen experiencia en coidar dos seus pais maiores. Se tes irmáns, xuntádevos para falar das necesidades dos vosos pais, de como coidar deles e de como repartir o traballo.
Sé modesto.
A Biblia di: “A Sabedoría vai cos modestos” (Proverbios 11:2).
Como podes aplicar este principio? Recoñece as túas limitacións. O teu tempo e enerxías teñen un límite e quizais non poidas facer tanto como che gustaría polos teus pais. Se te sentes angustiado por todo o que implica coidar deles, pídelles axuda a outros membros da familia ou a profesionais.
Cóidate.
A Biblia di: “Ninguén odiou xamais o seu propio corpo, senón que o alimenta e o coida” (Efesios 5:29, TNM).
Como podes aplicar este principio? Aínda que es responsable do coidado dos teus pais, tamén tes que coidar das túas necesidades, e das da túa propia familia se a tes. Tes que comer ben, descansar e durmir o suficiente (Eclesiastés 4:6, TNM). E, de vez en cando, tamén necesitas tempo para ti. Facendo isto estarás mellor en sentido físico, mental e emocional, e poderás coidar mellor dos teus pais.
Di a Biblia que os fillos teñen que coidar dos pais na casa?
A Biblia non di nada ó respecto. Algunhas familias deciden ter os pais na casa tanto tempo como lles é posible. Pero chega un punto no que quizais sintan que é mellor que estean nunha residencia para persoas maiores. A familia podería xuntarse para decidir que opción é mellor para todos (Gálatas 6:4, 5).
a Un comentarista bíblico dixo con respecto a este relato: “É posible que Xosé, o home de María, levase moito tempo morto e que o seu fillo Xesús coidase dela. Pero, que ía ser dela agora que o seu fillo estaba a punto de morrer? [...] Xesús ensinoulles ós seus seguidores a importancia de coidar dos seus pais maiores” (The NIV Matthew Henry Commentary in One Volume, páxinas 428-429).