Ir ó contido

Cantos nomes ten Deus?

Cantos nomes ten Deus?

O que di a Biblia

 Deus só ten un nome propio. En hebreo escríbese יהוה e en galego adoita escribirse “Xehová” ou “Iavé”. a A través do seu profeta Isaías, Deus dixo: “¡Eu, Iavé, este é o meu Nome!” (Isaías 42:8). Este nome aparece unhas 7000 veces nos manuscritos máis antigos da Biblia, máis que calquera outro termo usado para referirse a Deus. Tamén aparece máis veces que o nome de calquera outra persoa. b

Ten Xehová outros nomes?

 Inda que na Biblia só aparece un nome propio para referirse a Deus, si que aparecen outros títulos e expresións para falar del. Na seguinte lista podes ver algúns. Cada un deles mostra un aspecto da natureza ou da personalidade de Xehová.

Título ou expresión

Onde aparece

Significado

Alá

(Non aparece na Biblia)

Alá é unha palabra de orixe árabe. Non é un nome propio, senón un título que significa “Deus”. Nas traducións da Biblia en árabe e nalgúns outros idiomas, Alá equivale a Deus.

O Alfa e o Omega

Apocalipse 1:8; 21:6; 22:13

O alfa é a primeira letra do alfabeto grego e o omega a última. Significa que Xehová é “o Primeiro e o Último” ou “o Principio e a Fin”, que antes del non houbo ningún deus todopoderoso e non haberá outro despois del (Isaías 43:10).

Altísimo

Xénese 14:19; Daniel 7:18, 27

Ocupa a posición máis elevada de todo o Universo.

O Ancián

Daniel 7:9, 13, 22

Non tivo principio. Existe dende sempre, antes que calquera outro ser ou cousa (Salmo 90:2).

Celoso

Éxodo 34:14

Non tolera que se adoren outros deuses. Tamén se pode traducir como “que non tolera rivalidade” e “que esixe devoción exclusiva” (God’s Word Bible; A Biblia. Tradución do Novo Mundo).

Creador

Isaías 45:18

Foi quen o fixo todo.

Deus

Xénese 1:1

Alguén ou algo que se adora, ou que é moi forte. O termo hebreo Elohím é plural e indica a maxestade, a dignidade e a excelencia de Xehová.

Deus benaventurado

1 Timoteo 1:11, Avelino Gómez Ledo

Caracterízase por ser un Deus alegre e feliz (Salmo 104:31).

Deus dos deuses

Deuteronomio 10:17

É o Deus supremo, en contraste cos “ídolos” que adoran algúns (Isaías 2:8).

Deus Supremo

Hebreos 7:1

É o soberano do Universo.

EU SON O QUE SON

Éxodo 3:14

Chega a ser o que faga falta para cumprir o seu propósito. Esta expresión tamén se pode traducir “Eu Serei o que Eu Decida Ser” (A Biblia. Tradución do Novo Mundo). Isto axúdanos a entender o que significa o seu nome propio, Xehová ou Iavé, que aparece no versículo seguinte (Éxodo 3:15).

Facedor

Salmo 149:2, Sagra Biblia en Galego

Foi quen o fixo todo (Apocalipse 4:11).

Mestre

Isaías 30:20, 21, Sagra Biblia en Galego

Guíanos e ensínanos para o noso ben (Isaías 48:17, 18).

Oleiro

Isaías 64:7 (64:8, NM)

Ten autoridade sobre as persoas e sobre as nacións igual ca un oleiro ten autoridade sobre o barro (Romanos 9:20, 21).

Pai

Mateo 6:9

É quen dá a vida.

Pastor

Salmo 23:1

Coida dos que o adoran.

Quen escoita a oración

Salmo 65:3 (65:2, NM)

Escoita persoalmente tódalas oracións que se lle fan con fe.

Redentor

Isaías 41:14, Sagra Biblia en Galego

Recuperou ou recomprou a humanidade do pecado e da morte a través do sacrificio de rescate de Xesús (Xoán 3:16).

Rei dos séculos

1 Timoteo 1:17

O seu goberno é eterno, non ten principio nin fin.

Rocha

Salmo 18:3, 47 (18:2, 46, NM)

É un refuxio seguro e a fonte da salvación.

Salvador

Isaías 45:21

Líbranos do perigo ou da destrución.

Santo

Proverbios 9:10

É máis santo (limpo e puro en sentido moral) que calquera outro ser.

Señor

Salmo 135:5

Dono ou amo; en hebreo Adón e Adonim.

Señor dos Exércitos, Iavé Sebaot

1 Crónicas 17:24; Romanos 9:29

É o comandante dun enorme exército de anxos. O título “Iavé Sebaot” tamén pode traducirse “Yaveh dos exércitos” (1 Crónicas 17:24, Sagra Biblia en Galego).

Todopoderoso, Xadai

Xénese 17:1; 35:11

Ninguén é máis poderoso ca el. A expresión hebrea El Xadai significa “Deus Todopoderoso” e aparece sete veces na Biblia.

Nomes de lugares nas Escrituras Hebreas

 Algúns nomes de lugares que aparecen na Biblia conteñen o nome propio de Deus. Pero non son outros xeitos de chamarlle a Deus.

Lugar

Onde aparece

Significado

Iavé Nissí

Éxodo 17:15, nota

“Señor, miña-bandeira” ou “Yaveh, miña bandeira” (Sagra Biblia en Galego). O pobo de Deus pode xuntarse arredor del en busca de protección e axuda (Éxodo 17:13-16).

Iavé Paz

Xuíces 6:23, 24

Tamén se pode traducir “Xehová-Salom” ou “Xehová é paz” (A Biblia. Tradución do Novo Mundo, nota).

Yaveh está alí

Ezequiel 48:35, Sagra Biblia en Galego

Nalgunhas Biblias tamén aparece como “Jehová-sama” (Reina-Valera 1960).

Yaveh providencia

Xénese 22:13, 14, Sagra Biblia en Galego

“No monte proverá Yaveh”.

Por que é importante coñecer e usar o nome de Deus

  •   Para Deus o seu nome, Xehová, ten que ser moi importante porque decidiu incluílo miles de veces na Biblia (Malaquías 1:11).

  •   Xesús, o Fillo de Deus, salientou varias veces a importancia do nome de Xehová. Por exemplo, cando lle orou dixo: “Santificado sexa o teu nome” (Mateo 6:9; Xoán 17:26).

  •   Coñecer e usar o nome de Deus son os primeiros pasos para que alguén se faga amigo de Xehová (Salmo 9:11 [9:10, NM]; Malaquías 3:16). Quen ten esta relación con Deus verá como se cumpre nel esta promesa: “Xa que me ten afecto, librareino, poreino en seguro, xa que coñece o meu nome” (Salmo 91:14, cursiva nosa).

  •   A Biblia recoñece que hai “moitos deuses de nome, tanto no ceo coma na terra —e hai efectivamente moitos deuses e moitos señores—” (1 Corintios 8:5, 6). Pero di claramente que só hai un Deus verdadeiro, e que o seu nome é Xehová.

a Algúns expertos en hebreo inclínanse máis pola forma “Iahveh” ou “Yaveh” para o nome de Deus.

b Unha forma abreviada do nome de Deus, “Iah” aparece unhas 50 veces na Biblia. Por exemplo, está incluída na expresión “Aleluia” que significa “Louvade a Iah” (Apocalipse 19:1).