Ir ó contido

Que é a gran tribulación?

Que é a gran tribulación?

O que di a Biblia

 A gran tribulación será o tempo máis difícil que a humanidade viviu xamais. Segundo as profecías bíblicas, ocorrerá durante “os últimos días” ou “o tempo do fin” (2 Timoteo 3:1, TNM; Daniel 12:4, TNM). A Biblia di que “serán días de tribulación. Desde o principio da creación de Deus ata agora, non houbo unha tribulación igual, nin nunca máis a haberá” (Marcos 13:19; Daniel 12:1; Mateo 24:21, 22).

O que ocorrerá durante a gran tribulación

  •   Destruirase a relixión falsa. Cunha rapidez sorprendente, a relixión falsa será destruída (Apocalipse 17:1, 5; 18:9, 10, 21). As potencias políticas, representadas polas Nacións Unidas, levarán a cabo a vontade de Deus cando destrúan a relixión falsa (Apocalipse 17:3, 15-18). a

  •   Atacarase a relixión verdadeira. Unha coalición ou grupo de nacións, chamada na visión de Ezequiel “Gog [. . .] do país de Magog”, intentará acabar coas persoas que practican a relixión verdadeira. Pero Deus protexerá o seu pobo de ser destruído (Ezequiel 38:1, 2, 9-12, 18-23).

  •   Xulgarase os habitantes da Terra. Xesús xulgará a toda a humanidade e “separará as persoas en dous grupos, igual que o pastor separa as ovellas das cabras” (Mateo 25:31-33). As persoas serán xulgadas segundo se apoiaron ou non os “irmáns” de Xesús, é dicir, aqueles que gobernarán con el no ceo (Mateo 25:34-46).

  •   Reunirase os gobernantes do Reino. Os servos fieis de Deus que foron escollidos para gobernar xunto con Cristo rematarán o seu servizo na Terra e resucitarán para vivir no ceo (Mateo 24:31; 1 Corintios 15:50-53; 1 Tesalonicenses 4:15-17).

  •   Armaxedón. Na Biblia, á “guerra do día grande do Deus que todo o sostén” tamén se lle chama o “día de Xehová” (Apocalipse 16:14, 16; Isaías 13:9; 2 Pedro 3:12, TNM). Aqueles que foron condenados por Cristo serán destruídos (Sofonías 1:18; 2 Tesalonicenses 1:6-10). Isto incluirá a destrución do sistema político mundial, representado na Biblia coma unha besta salvaxe de sete cabezas (Apocalipse 19:19-21).

O que ocorrerá despois da gran tribulación

  •   Encerrarase a Satanás e os demos. Un poderoso anxo botará a Satanás e os demos “no abismo”, que representa unha inactividade parecida á morte (Apocalipse 20:1-3). A situación de Satanás no abismo podería compararse a estar no cárcere, xa non poderá influír noutros asuntos (Apocalipse 20:7).

  •   Comezará o Milenio. O Reino de Deus comezará o seu reinado de 1000 anos, o cal traerá grandes bendicións á humanidade (Apocalipse 5:9, 10; 20:4, 6). Unha “gran multitude” sobrevivirá á “gran tribulación” e verá o comezo do Milenio na Terra (Apocalipse 7:9, 14, TNM; Salmo 37:9-11).

a No libro de Apocalipse, a relixión falsa está representada por unha “gran prostituta” chamada Babilonia a Grande (Apocalipse 17:1, 5). A besta de cor escarlata, que destrúe a Babilonia a Grande, simboliza a organización que ten como propósito unir e representar a tódalas nacións do mundo. Primeiro foi a Sociedade de Nacións e agora é coñecida como a Organización das Nacións Unidas.