Ir ó contido

Quero morrer. Pode axudarme a Biblia se teño pensamentos suicidas?

Quero morrer. Pode axudarme a Biblia se teño pensamentos suicidas?

O que di a Biblia

 Si. A Biblia vén de Deus, “que lles dá alento ós abatidos” (2 Corintios 7:6). Aínda que non é un libro de saúde mental, axudou a moitos a superar pensamentos suicidas. Os seus consellos prácticos tamén te poden axudar a ti.

 Que consellos prácticos nos dá a Biblia?

  • Cóntalle a alguén como te sentes

     O que di a Biblia: “Un amigo ama en todo tempo, e un irmán nace para a hora da adversidade” (Proverbios 17:17).

     Significado: Necesitamos a axuda doutros cando temos pensamentos negativos.

     Se non lle contas a alguén como te sentes, os teus pensamentos negativos pódense converter nunha carga moi difícil de levar. Pero se os compartes, serache máis fácil, e poida que te empeces a sentir un pouco mellor e incluso a ver a túa situación dunha maneira máis positiva.

     Intenta isto: Fala hoxe con alguén, quizais cun membro da túa familia ou cun amigo de confianza. a Tamén podes expresar os teus sentimentos poñéndoos por escrito.

  • Busca axuda profesional

     O que di a Biblia: “Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico” (Mateo 9:12).

     Significado: Cando estamos enfermos, debemos buscar asistencia médica.

     Os pensamentos suicidas poden ser síntoma dunha enfermidade emocional ou mental. Coma no caso das enfermidades físicas, non temos por que sentir vergonza. Tamén existen tratamentos médicos para este tipo de enfermidades.

     Intenta isto: Busca a axuda dun médico especializado o antes posible.

  • Recorda que a Deus lle importas

     O que di a Biblia: “Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo, Deus non esquece a ningún. [...] Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos” (Lucas 12:6, 7).

     Significado: Ti es moi importante para Deus.

     Quizais sintas que ninguén se preocupa por ti, pero Deus sabe polo que estás a pasar. Aínda que xa non teñas ganas de vivir, a El impórtaslle. De feito, na Biblia di: “El non despreza nin desdeña a aflicción dos humildes [...] e, cando piden axuda, El escoita” (Salmo 22:25 [22:24, TNM]). El desexa que vivas porque te quere moito.

     Intenta isto: Analiza as probas da Biblia que mostran o amor que sente Deus por ti. Por exemplo, mira o capítulo 24 do libro Acerquémonos a Jehová.

  • Óralle a Deus

     O que di a Biblia: “Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1 Pedro 5:7).

     Significado: Deus quere que lle contes como te sentes realmente e o que te preocupa.

     Deus pode darche tanto a paz interior como as forzas que necesitas para seguir adiante (Filipenses 4:6, 7, 13). Deste xeito, coida daqueles que acoden a el en busca de axuda (Salmo 55:22, TNM).

     Intenta isto: Óralle a Deus hoxe. Usa o seu nome, Xehová, e cóntalle como te sentes (Isaías 42:8). Pídelle que che axude a non renderte.

  • Dedica tempo a pensar na esperanza que dá a Biblia para o futuro

     O que di a Biblia: “Estes bens son para nós coma unha áncora de salvación, segura e firme” (Hebreos 6:19).

     Significado: As túas emocións poden ter altos e baixos coma un barco nunha tormenta, pero a esperanza que dá a Biblia pode darche estabilidade. Esta esperanza non é só un soño. Está baseada na promesa de Deus de acabar con todo o que nos fai sufrir (Apocalipse 21:4).

     

     Intenta isto: Aprende máis da esperanza que nos dá a Biblia lendo a lección 5 do folleto Deus ten boas noticias!

  • Fai algo que che guste

     O que di a Biblia: “Un corazón alegre é unha boa medicina” (Proverbios 17:22, TNM).

     Significado: Cando facemos cousas que nos gustan, a nosa saúde mental e emocional mellora.

     Intenta isto: Fai algo do que normalmente desfrutes. Por exemplo, escoita música que te faga sentir mellor, le algo que te anime e dedica tempo a algún hobby. Tamén te sentirás máis feliz se apartas tempo para axudar a outros, aínda que sexa facendo cousas pequenas por eles (Feitos 20:35).

  • Coida da túa saúde física

     O que di a Biblia: “O exercicio físico ten algún beneficio” (1 Timoteo 4:8, TNM).

     Significado: É bo que fagamos exercicio, durmamos o suficiente e comamos alimentos saudables.

     Intenta isto: Sae a camiñar a paso lixeiro, aínda que só sexa 15 minutos.

  • Recorda que os sentimentos e as circunstancias na vida cambian

     O que di a Biblia: “Non sabéde-lo que vai ser de vós mañá” (Santiago 4:14).

     Significado: Incluso un problema que nos cause moita angustia e que aparentemente non teña solución, pode ser temporal.

     Sen importar o complicada que pareza a túa situación hoxe, mañá pode cambiar. Así que non te rendas (2 Corintios 4:8). Unha situación difícil pode mellorar co tempo, pero o suicidio non ten volta atrás.

     Intenta isto: Le relatos da Biblia de persoas que se sentiron tan desanimadas que querían morrer. Fíxate en como a súa vida mellorou co tempo, a miúdo de maneiras que non podían nin imaxinar. Vexamos algúns exemplos.

 Fala a Biblia de persoas que quixesen morrer?

 Si. A Biblia fala dalgunhas persoas que chegaron a dicir: “Quero morrer”. Deus non as reprendeu, senón que as axudou. E el tamén pode axudarte a ti.

Elías

  • Quen foi? Elías foi un profeta valente. Aínda así, sentiuse desanimado nalgunhas ocasións. Santiago 5:17 di: “Elías era un home coma calquera de nós”.

  •  Por que quixo morrer? En certo momento da súa vida, Elías sentiu que estaba só, asustado e que non valía para nada. Así que lle suplicou a Deus: “Quítame a vida” (1 Reis 19:4).

  •  Que o axudou? Elías contoulle a Deus exactamente como se sentía. Como o animou El? Deus mostroulle que se preocupaba por el e fíxolle unha demostración do seu gran poder. Tamén lle asegurou que seguía sendo moi valioso e deulle un asistente hábil e cariñoso.

  •  Aprende máis sobre Elías: 1 Reis 19:2-18.

Xob

  •  Quen foi? Xob foi un home rico que tiña unha familia moi grande e que adoraba fielmente o Deus verdadeiro.

  •  Por que quixo morrer? A vida cambioulle da noite á mañá. Xob perdeu tódolos seus bens. Os seus fillos morreron nun desastre. Veulle unha enfermidade moi dolorosa. E, por riba, acusárono falsamente de ser o culpable dos seus problemas. Xob chegou a dicir: “Sinto asco da miña vida, non quero seguir vivindo” (Xob 7:16, TNM).

  •  Que o axudou? Xob oroulle a Deus e tamén falou con outras persoas (Xob 10:1-3). Un bo amigo, Elihú, foi compasivo con el, animoumo e axudoulle a ver a súa situación dende un punto de vista diferente. Pero o máis importante é que Xob aceptou o consello e a axuda que Deus lle deu.

  •  Aprende máis sobre Xob: Xob 1:1-3, 13-22; 2:7; 3:1-13; 36:1-7; 38:1-3; 42:1, 2, 10-13.

Moisés

  •  Quen foi? Moisés foi un líder da antiga nación de Israel e un profeta fiel.

  •  Por que quixo morrer? Moisés tiña que atender moitas responsabilidades, criticábano constantemente e sentíase esgotado. Por iso díxolle a Deus: “É mellor que me mates” (Números 11:11, 15).

  •  Que o axudou? Moisés contoulle a Deus como se sentía e El axudouno reducindo a súa carga de traballo para que non sentise tanto estrés e esgotamento.

  •  Aprende máis sobre Moisés: Números 11:4-6, 10-17.

[Nota]

a Se o impulso de quitarte a vida é intenso e ningún familiar ou amigo pode axudarte nese momento, chama a unha liña telefónica para a prevención do suicidio ou a un teléfono para emerxencias.