Por que sucedeu o Holocausto? Por que Deus non o impediu?
Moitas persoas que se fan estas preguntas sufriron terribles perdas persoais e non só buscan respostas senón tamén consolo. Outras ven o Holocausto como a expresión máis extrema da maldade humana e iso fai que lles sexa difícil crer en Deus.
Ideas equivocadas sobre Deus e o Holocausto
Idea equivocada: Está mal preguntar por que Deus permitiu o Holocausto.
Realidade: Persoas que tiñan moita fe preguntáronse por que Deus permite a maldade. Por exemplo, o profeta Habacuc preguntoulle a Deus: “Por que me fas ve-la iniquidade e me fas contempla-lo crime?” (Habacuc 1:3). En vez de reprender a Habacuc, Deus fixo que as súas preguntas quedasen rexistradas na Biblia para que todos as poidamos ler.
Idea equivocada: A Deus non lle importa o sufrimento humano.
Realidade: Deus odia a maldade e o sufrimento que esta causa (Proverbios 6:16-19). A Biblia di que, xa nos días de Noé, cando Deus viu a maldade que había na Terra, “pesoulle no corazón” (Xénese 6:5, 6). Así que, está claro que Deus tamén tivo que sentir moita dor ó ver o que pasaba no Holocausto (Malaquías 3:6).
Idea equivocada: O Holocausto foi un castigo de Deus contra os xudeus.
Realidade: Deus permitiu que no primeiro século Xerusalén fose destruída polos romanos (Mateo 23:37–24:2). Pero dende entón, Deus non favoreceu nin castigou ningún grupo étnico. Dende o punto de vista de Deus non hai diferenza entre os xudeus e os demais pobos (Romanos 10:12).
Idea equivocada: Se existise un Deus amoroso e todopoderoso, non permitiría que sucedese o Holocausto.
Realidade: Aínda que Deus nunca causa o sufrimento, ás veces permíteo por un tempo (Santiago 1:13; 5:11).
Por que permitiu Deus o Holocausto?
Deus permitiu o Holocausto pola mesma razón pola que permitiu todo o sufrimento ó longo da historia humana: para resolver certas cuestións morais que xurdiron hai moito tempo. A Biblia di claramente que na actualidade é o Demo quen goberna o mundo, e non Deus (Lucas 4:1, 2, 6; Xoán 12:31). Vexamos dúas razóns moi sinxelas que se dan na Biblia que poden axudarnos a entender por que permitiu Deus o Holocausto.
Deus creou os humanos con libre albedrío. Deus díxolles ós primeiros humanos, Adam e Eva, o que esperaba deles, pero non os obrigou a obedecer. Eles escolleron decidir por si mesmos o que estaba ben e o que estaba mal. A súa mala decisión e outras similares ó longo da historia trouxeron consecuencias terribles para a humanidade (Xénese 2:17; 3:6; Romanos 5:12). Certa obra de consulta sobre o xudaísmo recoñece: “Gran parte do sufrimento que hai no mundo é consecuencia directa do abuso que fixemos do libre albedrío que se nos deu” (Statement of Principles of Conservative Judaism). Pero Deus, en lugar de quitarnos o libre albedrío, deunos tempo para que intentemos gobernarnos a nós mesmos á nosa maneira.
Deus pode reparar todo o dano que causou o Holocausto, e vaino facer. Deus promete que lles vai devolver a vida a millóns de persoas que morreron, incluídas as vítimas do Holocausto. Tamén vai eliminar a dor que lles causan os terribles recordos ós que sobreviviron (Isaías 65:17; Feitos 24:15). O amor que sente Deus pola humanidade é unha garantía de que el cumprirá estas promesas (Xoán 3:16).
Moitos dos que sobreviviron ó Holocausto foron capaces de manter a súa fe e atoparlle sentido á vida grazas a que entenderon por que permite Deus a maldade e como se propón desfacer os seus efectos.