Cal é o sinal dos últimos días ou dos “días derradeiros”?
O que di a Biblia
A Biblia fala de sucesos, condicións e actitudes que identificarían a “fin do mundo” ou a “conclusión do sistema” (Mateo 24:3; TNM). A Biblia chámalle a este período de tempo os últimos días, os “días derradeiros” ou “a fin” (2 Timoteo 3:1; Daniel 8:19, AGL).
Cales son algunhas profecías sobre os últimos días?
A Biblia predixo moitos sucesos que, en conxunto, identificarían ou serían o sinal dos últimos días (Lucas 21:7). Analiza algúns exemplos:
Guerras por todo o mundo. Xesús predixo: “Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino” (Mateo 24:7). De xeito parecido, Apocalipse 6:4 falou dun xinete simbólico que representa a guerra. Este tería autoridade para “quita-la paz da terra”.
Fames. Xesús predixo que habería fames (Mateo 24:7). Ademais, o libro de Apocalipse falou doutro xinete simbólico. Ó seu paso deixaría fame por todo o mundo (Apocalipse 6:5, 6).
Grandes terremotos. Xesús dixo que habería “terremotos en diversos lugares” (Mateo 24:7; Lucas 21:11). Estes tremores, que sucederían por todo o mundo, causarían máis sufrimento e mortes ca nunca antes.
Enfermidades. Segundo o que dixo Xesús, habería “pestes” ou epidemias (Lucas 21:11).
Crimes. Aínda que a xente cometeu crimes durante centos de anos, Xesús predixo que nos últimos días, as persoas veriamos “crece-la maldade” (Mateo 24:12).
Danos medioambientais. Apocalipse 11:18 predixo que a humanidade arruinaría a Terra. Faríao de moitas formas, non só con violencia e corrupción, senón tamén danando o medio ambiente.
Deterioro da sociedade. De xeito profético, a Biblia describe a xente en 2 Timoteo 3:1-4 desta forma: “sen caridade, impía, [...] falsa, calumniadora, altaneira, ríspida, inimiga do bo, traicioneira, temeraria, foncha”. Estas actitudes chegarían a tal extremo, que poderiamos dicir que neste tempo se vivirían “intres difíciles”.
Crise nas familias. A Biblia di en 2 Timoteo 3:2, 3 que a xente nos últimos días sería “desamorada” coa familia e que a xuventude sería “mal guiada cos seus pais”.
Perda do amor por Deus. Xesús dixo o seguinte sobre os nosos tempos: “arrefriarase o amor da maioría” (Mateo 24:12, ONT1998). É dicir, o amor de moitas persoas por Deus diminuiría. De xeito parecido, 2 Timoteo 3:4 di que nos últimos días a xente sería “máis amante do pracer ca de Deus”.
Hipocrisía relixiosa. 2 Timoteo 3:5 predí que a xente aparentaría adorar a Deus, pero que en realidade non viviría segundo as súas normas.
Maior comprensión das profecías bíblicas. O libro de Daniel predixo que no “tempo da fin”, moitos coñecerían mellor a verdade da Biblia, incluíndo as profecías bíblicas (Daniel 12:4, AGL).
Predicación por todo o mundo. Xesús predixo: “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes” (Mateo 24:14).
Aumento da burla e da apatía da xente. Xesús dixo que as persoas non lle farían caso ás asombrosas probas de que a fin está cerca (Mateo 24:37-39). É máis, en 2 Pedro 3:3, 4 dise que algúns se burlarían das probas e dirían que estas non demostran nada.
Cumprimento de tódalas profecías. Xesús dixo que o característico dos últimos días, sería o cumprimento en conxunto de tódalas profecías. Iso significa que non se cumprirían só unhas poucas, nin sequera a gran maioría, cumpriríanse todas (Mateo 24:33).
Estamos vivindo nos últimos días?
Si. As condicións mundiais e a cronoloxía da Biblia demostran que os últimos días empezaron en 1914, o ano que comezou a Primeira Guerra Mundial. Queres saber como as condicións mundiais indican que estamos vivindo nos últimos días? Mira o seguinte vídeo:
En 1914, o Reino de Deus empezou a reinar no ceo. Unha das primeiras cousas que fixo, foi expulsar a Satanás e os demos de alí e limitar a súa actividade á Terra (Apocalipse 12:7-12). A influencia de Satanás na humanidade pódese ver na mala actitude e nas terribles accións que fan que estes días sexan “intres difíciles” (2 Timoteo 3:1).
Moita xente está angustiada por estes tempos críticos. Preocúpalles ver que a sociedade vai a peor. Moitos teñen medo cando pensan no futuro da humanidade.
Pola contra, outros que senten esa mesma preocupación, teñen a esperanza dun futuro mellor. Están seguros de que o Reino de Deus pronto eliminará os problemas do mundo (Daniel 2:44; Apocalipse 21:3, 4). Eles esperan pacientemente que Deus cumpra as súas promesas e encontran alivio nestas palabras de Xesús: “O que persevere ata o final, salvarase” (Mateo 24:13; Miqueas 7:7, TNM).