Que é a Biblia?
O que di a Biblia
A Biblia é unha colección de 66 libros sagrados. Foi escrita durante un período de aproximadamente 1.600 anos. A Biblia contén a palabra de Deus, a súa mensaxe (1 Tesalonicenses 2:13).
Neste artigo veremos o seguinte:
Feitos sobre a Biblia
Quen escribiu a Biblia? Deus é o autor da Biblia, pero empregou aproximadamente uns 40 homes diferentes para escribila. Algúns destes homes foron Moisés, o rei David, Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. a Deus puxo os seus pensamentos na mente dos escritores para que escribisen a súa mensaxe (2 Timoteo 3:16).
Para ilustralo: o director dunha empresa pídelle ó seu secretario que escriba unha mensaxe no seu nome. El dálle as ideas principais, así que o director da empresa segue sendo o autor desa mensaxe. Do mesmo xeito, aínda que Deus usou a homes para escribir a súa mensaxe, el é o verdadeiro autor da Biblia.
Que significa a palabra “Biblia”? “Biblia” provén da palabra grega biblia, que significa “libros pequenos”. Co tempo, biblia chegou a describir toda a colección de libros máis pequenos que xuntos compoñen a Biblia.
Cando se escribiu a Biblia? A Biblia comezou a escribirse no ano 1513 a.n.e. e rematouse máis de1.600 anos despois, arredor do 98 n.e.
Onde está a Biblia orixinal? Non se sabe se os escritos bíblicos orixinais sobreviviron. Isto débese a que os escritores da Biblia empregaron os materiais dispoñibles naquel momento, como o papiro e o pergamiño, que eran perecedoiros. Aínda así, os escribas profesionais copiaron unha e outra vez minuciosamente os escritos da Biblia durante séculos preservando o seu contido para futuros lectores.
Que son o “Antigo Testamento” e o “Novo Testamento”? Ó que comunmente se lle chama o Antigo Testamento describe a parte da Biblia que foi escrita principalmente en hebreo, b tamén coñecida como as Escrituras Hebreas. O Novo Testamento refírese á sección escrita en grego, coñecida como as Escrituras Gregas Cristiás. Estas dúas partes forman un libro completo, chamado as Santas Escrituras. c
Que atopamos na Biblia? Nas diferentes partes da Biblia atopamos historia, leis, profecías, poesía, proverbios, cancións e cartas. Aquí podes atopar a “ Lista dos libros da Biblia”.
De que trata a Biblia?
A Biblia comeza cunha breve descrición de como Deus, o Todopoderoso, creou os ceos e a Terra. Ademais, a través da Biblia Deus dá a coñecer o seu nome, Xehová ou Iavé, e invita as persoas a coñecelo (Isaías 42:8).
A Biblia explica que se dixeron moitas mentiras sobre Deus e ensina como vai limpar o seu nome.
A Biblia ensina cal é o propósito de Deus para a humanidade e a Terra. E mostra como Deus acabará co sufrimento no futuro.
A Biblia dános consellos prácticos para o día a día. Estes son algúns exemplos:
Como levarse ben cos demais. “Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós” (Mateo 7:12).
Significado: Debemos tratar os demais como nos gustaría que nos tratasen a nós.
Loitar contra o estrés. “Así que non vos angustiedes polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira” (Mateo 6:34).
Significado: En lugar de preocuparnos moito polo que poida pasar no futuro é mellor que nos centremos nos problemas de cada día.
Desfruta dun matrimonio feliz. “Todos e cada un de vós, debe ama-la súa muller coma a si mesmo; e a muller, que respecte ó seu marido” (Efesios 5:33).
Significado: O amor e o respecto son esenciais para ter éxito no matrimonio.
Cambiouse algo da Biblia?
Non. Os expertos compararon con moito coidado os manuscritos antigos da Biblia coa actual e déronse conta de que a mensaxe orixinal da Biblia non cambiou. Se Deus quere que se entenda a súa mensaxe, loxicamente tivo que asegurarse de que non cambiara, non si? d (Isaías 40:8).
Por que hai tantas traducións da Biblia?
A maioría dos lectores actuais non entenden os idiomas antigos da Biblia. Non obstante, a Biblia ten boas noticias para “tódalas nacións, razas, linguas e pobos” (Apocalipse 14:6). Por iso as persoas precisan unha tradución da Biblia nun idioma que poidan entender. Así poderán ler e comprender ben a mensaxe de Deus.
Hai tres formas de traducir a Biblia:
Palabra por palabra, o máis literal posible.
Idea por idea, usando palabras que transmitan o sentido do texto orixinal.
Parafraseando, é dicir, reformando o texto libremente co obxectivo de que sexa máis fácil de ler. Non obstante, esta forma de traducir ás veces pode cambiar o significado do texto.
Unha boa tradución da Biblia ten que equilibrar unha tradución literal cunha linguaxe moderna e fácil de ler. Deste xeito transmítese con exactitude a mensaxe de Deus. e
Quen decidiu o que se escribiría na Biblia?
Como Deus é o autor da Biblia, el decidiu o que incluír nela. Ó principio decidiu confiarlle á nación de Israel as “palabras de Deus”, é dicir, eles protexerían as Escrituras Hebreas (Romanos 3:2).
Perdéronse algúns libros da Biblia?
Non. A Biblia está completa, non hai “libros perdidos”. Algúns poden afirmar que certos libros antigos que estiveron ocultos durante moito tempo pertencen á Biblia. f Non obstante, os libros que de verdade foron inspirados por Deus cumpren con certas características que establece a propia Biblia (2 Timoteo 1:13). Por iso, non se contradín. Isto non se pode dicir de tódolos escritos antigos que algunhas persoas din que pertencen á Biblia. g
Como atopar versículos na Biblia
Lista dos libros da Biblia
a Para obter unha lista completa de tódolos libros da Biblia, quen os escribiu e cando se escribiron, consulta a “Tabla de los libros de la Biblia”.
b Pequenas partes da Biblia escribíronse en arameo, un idioma moi relacionado co hebreo.
c Moitos lectores da Biblia prefiren as expresións “Escrituras Hebreas” e “Escrituras Gregas Cristiás”. Deste xeito, non dá a impresión de que o “Antigo Testamento” está anticuado e de que se substituíu polo “Novo Testamento”.
d Le o artigo “Cambiouse ou manipulouse a Biblia?”.
e A moitas persoas gústalles ler La Biblia. Traducción del Nuevo Mundo porque é exacta e fácil de entender. Mira o artigo “É exacta a Traducción del Nuevo Mundo?”.
f A estes escritos chámaselles apócrifos. Segundo a Enciclopedia Británica “na literatura bíblica este termo refírese a obras fóra do canon aceptado polas escrituras”, é dicir, fóra da lista autorizada de libros que pertencen á Biblia.
g Se desexas máis información, le o artigo “Los evangelios apócrifos: ¿contienen verdades ocultas sobre Jesús?”.