Que son os anxos?
O que di a Biblia
Os anxos son seres que teñen máis forza e habilidades que os humanos (2 Pedro 2:11). Viven no mundo dos espíritos, é dicir, nun nivel de existencia superior ó universo físico. A Biblia chámalle a ese lugar o ceo (1 Reis 8:27; Xoán 6:38). Por iso, ás veces tamén se lles chama espíritos (1 Reis 22:21; Feitos 23:8, 9).
De onde veñen os anxos?
Deus creou os anxos por medio de Xesús, quen foi a primeira creación de Deus. A Biblia describe este proceso da seguinte maneira: “Por medio del fixéronse as cousas, as da terra e tamén as do ceo” (Colosenses 1:13-17). Esta descrición tamén inclúe os anxos. Os anxos nin se casan, nin teñen fillos (Marcos 12:25). Son “fillos de Deus” e foron creados por Xehová de forma individual (Xénese 6:2).
Os anxos foron creados no pasado, moito antes de que o planeta existise. Cando Deus creou a Terra, os anxos “lanzaron gritos de louvanza” (Xob 38:4-7, TNM).
Cantos anxos hai?
A Biblia non dá un dato exacto, pero si mostra que hai moitísimos. Por exemplo, a visión que tivo o apóstolo Xoán fala de centos de millóns de anxos (Apocalipse 5:11, nota).
Teñen os anxos nome propio e personalidade?
Si, a Biblia menciona o nome de dous anxos: Miguel e Gabriel (Daniel 12:1; Lucas 1:26). a Outros anxos recoñeceron que tamén tiñan nome, aínda que non quixeron dicilo (Xénese 32:30 [32:29, TNM]; Xuíces 13:17, 18).
Os anxos teñen diferentes personalidades. Poden comunicarse uns cos outros (1 Corintios 13:1). Teñen a capacidade de pensar e poden compoñer expresións de louvanza a Deus (Lucas 2:13, 14). Tamén poden decidir entre o ben e o mal como se demostrou cando algúns deles pecaron e se uniron a Satanás na súa rebelión contra Deus (Mateo 25:41; 2 Pedro 2:4).
Existen diferentes rangos entre os anxos?
Si. O anxo con máis poder e autoridade é Miguel, o arcanxo (Xudas 9; Apocalipse 12:7). Os serafíns son anxos de alto rango que están cerca do trono de Xehová (Isaías 6:2, 6). Os querubíns forman outro grupo de anxos de alto rango que teñen funcións ou deberes especiais. Por exemplo, despois de que Adam e Eva fosen expulsados do xardín de Edén, os querubíns vixiaron a súa entrada (Xénese 3:23, 24).
Poden axudarnos os anxos?
Si. Deus usa os seus anxos fieis para axudar ás persoas hoxe.
Deus usa os seus anxos para guiar os seus servos na predicación das boas noticias do Reino de Deus (Apocalipse 14:6, 7). Esa guía benefícialles tanto ós que levan as boas noticias como ós que as reciben (Feitos 8:26, 27, TNM).
Os anxos axudan a manter a congregación cristiá libre da influencia da xente mala (Mateo 13:49).
Os anxos guían e protexen a aqueles que son fieis a Deus (Salmo 34:8 [34:7, TNM]; 91:10, 11; Hebreos 1:7, 14).
Os anxos moi pronto traerán alivio á humanidade loitando ó lado de Xesús para eliminar a maldade (2 Tesalonicenses 1:6-8).
Temos cada un de nós un anxo gardián?
Aínda que os anxos coidan do benestar espiritual dos servos de Deus, iso non significa necesariamente que Deus lle asigne a cada cristián un anxo gardián (Mateo 18:10). b Os anxos non protexen os servos de Deus de tódalas probas ou tentacións. A Biblia mostra que, para soportar unha proba, Deus “havos dar tamén os medios para poder saír dela”, dándolle a miúdo á persoa a forza e a sabedoría que necesita (1 Corintios 10:12, 13; Santiago 1:2-5).
Ideas equivocadas sobre os anxos
Idea equivocada: Tódolos anxos son bos.
Realidade: A Biblia fala tanto de “espíritos do mal” coma de “anxos que pecaron” (Efesios 6:12; 2 Pedro 2:4). Estes anxos malvados son os demos, que se rebelaron contra Deus ó unirse a Satanás.
Idea equivocada: Os anxos son inmortais.
Realidade: Os anxos malvados, incluído o Demo, serán destruídos (Xudas 6).
Idea equivocada: Cando morremos convertémonos en anxos.
Realidade: Os anxos son unha creación de Deus, e non persoas resucitadas (Colosenses 1:16). As persoas que son resucitadas para vivir no ceo, reciben de Deus o regalo da inmortalidade (1 Corintios 15:53, 54). Estes ocuparán un posto superior ó dos anxos (1 Corintios 6:3).
Idea equivocada: Os anxos foron creados para servir os humanos.
Realidade: Os anxos obedecen as ordes de Deus, non as nosas (Salmo 103:20, 21). Ata Xesús mesmo recoñeceu que debía pedirlle axuda a Xehová e non directamente ós anxos (Mateo 26:53).
Idea equivocada: Podemos orarlle ós anxos por axuda.
Realidade: A oración a Deus forma parte da nosa adoración e só debemos adorar a Xehová (Apocalipse 19:10). Por iso, unicamente deberiamos orar a Deus por medio de Xesús (Xoán 14:6).
a Algunhas traducións da Biblia usan o termo “Lucifer” en Isaías 14:12 e algunhas persoas chegaron a entender que se trata do nome do anxo que logo chegou a ser o Demo. En cambio, a palabra hebrea que se usou aquí significa “o resplandecente”. O contexto mostra que esta palabra non se refire a Satanás, senón á dinastía real de Babilonia que Deus humillaría pola súa arrogancia (Isaías 14:4, 13-20). A expresión “o resplandecente” usouse para burlarse da dinastía de Babilonia despois de que esta caese.
b Algúns pensan que o relato da liberación do cárcere de Pedro mostra que tiña un anxo gardián (Feitos 12:6-16). Pero, cando os discípulos se referiron ó “anxo [de Pedro]”, pode que erroneamente pensaran que un anxo viñera falar con eles en nome de Pedro, en vez de vir el mesmo.