Usou Deus a evolución para crear as diferentes formas de vida?
O que di a Biblia
Non. A Biblia di claramente que Deus creou os humanos e os diferentes “xéneros” e “especies” de animais e plantas (Xénese 1:12, 21, 25, 27; Apocalipse 4:11). a Tamén di que toda a familia humana vén de Adam e Eva, os nosos primeiros pais (Xénese 3:20; 4:1). O seu relato non apoia a teoría de que Deus usou a evolución para crear as diferentes formas de vida, teoría chamada evolución teísta. Por outra banda a Biblia non contradí o que descubriu a ciencia sobre as variacións dentro de cada un dos xéneros. b
Que pensan algúns?
Os que cren que Deus usou a evolución para crear os seres vivos teñen distintas opinións sobre como o fixo. A Encyclopædia Britannica, di que “a selección natural é un dos mecanismos que Deus utiliza para controlar o mundo natural”.
Esta teoría tamén pode incluír as seguintes ideas:
Tódolos organismos vivos veñen de devanceiros comúns que existiron hai moito tempo.
Unha forma de vida pode evolucionar noutra totalmente distinta. A isto ás veces chámaselle macroevolución.
Dalgún xeito Deus é quen controla estes procesos.
Son compatibles a Biblia e a evolución?
A teoría de que Deus usou a evolución para crear os seres vivos implicaría que o relato da creación que aparece no libro da Xénese non é de todo exacto. Pero Xesús dixo que este relato é un feito histórico (Xénese 1:26, 27; 2:18-24; Mateo 19:4-6). A Biblia di que, antes de vir á Terra, Xesús viviu no ceo con Deus e que lle axudou a crear todo o que existe (Xoán 1:3). Por iso a idea de que Deus usou a evolución para crear os distintos tipos de seres vivos é incompatible co que a Biblia ensina.
É a adaptación dos seres vivos ó seu medio unha proba da evolución?
A Biblia non explica ata que punto poden variar as distintas formas de vida dentro dun xénero. Tampouco non nega que os diferentes tipos de animais ou plantas creados por Deus poidan ir cambiando ó reproducirse ou adaptarse ó seu medio. Malia que algúns ven estes cambios como un tipo de evolución, en realidade non se crea unha nova forma de vida.
a No libro da Xénese a Biblia usa a palabra “especie” coma sinónimo de “xénero” e dálle un significado máis amplo do que lle dan os científicos. A miúdo o que os científicos chaman evolución dunha nova especie é só unha variación dentro do xénero.
b A este tipo de variacións ás veces chámaselle microevolución.