Por que se lle chama a Xesús o Fillo de Deus?
O que di a Biblia
Na Biblia, a Xesús chámaselle moitas veces o “Fillo de Deus” (Xoán 1:49). A expresión Fillo de Deus dá a entender que Deus é o Creador de tódalas formas de vida, o que tamén inclúe a Xesús (Salmo 36:10 [36:9, TNM]; Apocalipse 4:11). A Biblia non ensina que Deus chegase a ser pai de forma literal, é dicir, da mesma maneira na que os humanos conciben fillos.
Na Biblia tamén se di que os anxos son “fillos de Deus” (Xob 1:6, SBG). Ademais a Biblia ensina que Adam, o primeiro humano, era fillo de Deus (Lucas 3:38). Pero o fillo máis importante de Deus é Xesús, porque foi a súa primeira creación e o único creado directamente por El.
Viviu Xesús no ceo antes de nacer na Terra?
Si. Antes de nacer coma humano na Terra, Xesús era un espírito e vivía no ceo. De feito, el mesmo dixo: “Eu baixei do ceo” (Xoán 6:38; 8:23).
Deus creou a Xesús antes de crear ningunha outra cousa. Falando de Xesús, a Biblia di:
“De toda criatura el é o primeiro nacido” (Colosenses 1:15).
El é “o comezo da creación de Deus” (Apocalipse 3:14).
Xesús cumpriu a profecía que falaba daquel que ten a súa orixe “desde antigo, desde os días do comezo” (Miqueas 5:1 [5:2, TNM]; Mateo 2:4-6).
Que facía Xesús antes de vir á Terra?
Tiña un posto importante no ceo. Xesús fixo referencia a este posto cando lle pediu a Deus: “Pai, glorifícame [...] coa gloria que eu tiña onda ti, antes de que o mundo existira” (Xoán 17:5).
Axudou a seu Pai a crear tódalas demais cousas. Xesús traballou a carón de Deus “coma un mestre de obras” (Proverbios 8:30). E a Biblia tamén di: “Por medio del fixéronse as cousas, as da terra e tamén as do ceo” (Colosenses 1:16).
Deus valeuse de Xesús para crear tódalas demais cousas. Tanto os demais seres espirituais coma o Universo físico (Apocalipse 5:11). Nalgúns aspectos, a colaboración entre Deus e Xesús aseméllase á que pode haber entre un arquitecto e un construtor. O arquitecto crea o deseño e o construtor lévao a cabo.
Foi a Palabra. Falando da existencia prehumana de Xesús, a Biblia refírese a el coma “a Palabra” (Xoán 1:1). Isto significa que Deus usou o seu Fillo para darlles información e instrucións a outros seres espirituais.
Xesús tamén foi o portavoz de Deus para os humanos. É probable que Deus usase a Palabra, é dicir, a Xesús, para darlles instrucións a Adam e Eva no xardín de Edén (Xénese 2:16, 17). Ademais, poida que Xesús fose o anxo que guiou o pobo de Israel a través do deserto e que tamén fose a voz que os israelitas debían obedecer (Éxodo 23:20-23). a
a A Palabra non foi o único anxo por medio do cal falou Deus. Por exemplo, cando lles transmitiu a Lei ós israelitas tamén usou outros anxos (Feitos 7:53; Gálatas 3:19; Hebreos 2:2, 3).