Ir ó contido

PREGUNTAS DA XUVENTUDE

Como podo deixar de levar unha dobre vida?

Como podo deixar de levar unha dobre vida?

 Ás veces, algúns servos de Deus pregúntanse se seguir os consellos da Biblia será unha perda de tempo (Salmo 73:2, 3). Incluso poden comezar a facer cousas que estean en contra das normas de Xehová e logo intenten esconder a súa mala conduta enganando a outros servos de Deus.

 Este artigo está pensado para axudar a aqueles que empezaron a levar unha dobre vida pero queren deixalo.

Imos falar sobre:

 Que significa levar unha dobre vida?

 Levar unha dobre vida significa que cando estás con outros mozos que non serven a Xehová, fas cousas que sabes que están mal. Pero cando estás con outras Testemuñas, compórtaste coma se quixeses servir a Xehová. É coma se tiveses dúas vidas, e en cada unha delas estás escondendo algo.

 “Cando levas unha dobre vida, ninguén te coñece de verdade porque sempre estás escondendo algo. En realidade, levar unha dobre vida é coma traizoar a todo o mundo” (Erin).

 Sabíalo? Levar unha dobre vida tamén inclúe facer cousas cando estás só que sabes que a Xehová non lle gustan.

 “Cando tiña 14 anos, empecei a ver cousas inmorais en Internet. Diante doutros actuaba coma se odiase a pornografía, pero no fondo do meu corazón eu sabía que non a odiaba” (Nolan).

 Principio bíblico: “Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ó outro” (Mateo 6:24).

 Levar unha dobre vida convérteme nunha mala persoa?

 Non necesariamente. Claro, hai xente que decidiu que non quería seguir os principios da Biblia na súa vida. Pero, é ese o teu caso? Ou quizais hai algunha outra razón, coma por exemplo:

  •   Tes medo de ser diferente dos teus compañeiros.

  •   Sentes que tes máis cousas en común cos compañeiros da escola que cos irmáns da congregación.

  •   Pensas que non tes as forzas ou non es quen de seguir tódalas normas de Deus.

 “Penso que os rapaces que levan unha dobre vida séntense máis cómodos con persoas que non comparten os seus valores cristiáns, simplemente porque necesitan encaixar nalgún sitio, sen importar onde” (David).

 Por suposto, ningunha destas razóns xustifica que leves unha dobre vida. Aínda así, estes motivos poden explicar por que hai xente boa que caeu nesta trampa. Se isto foi o que che pasou, que che pode axudar?

 Como podo deixar de levar unha dobre vida?

  1.  1. Analiza a vida que estás levando. Pregúntate: “É así como quero ser? Se sigo por este camiño, como vou acabar?”.

     Principio bíblico: “O asisado ve o perigo [. . . ]; os docas [ou inexpertos] tiran para diante, e páganas” (Proverbios 27:12).

  2.  2. Sé honesto. Fala da túa situación cos teus pais ou cun amigo que respecte as normas de Xehová. Seguro que se van alegrar se lles pides axuda e van estar orgullosos de que queiras facer o que está ben.

    Se caíches no pozo da dobre vida, pide axuda.

     “Admitir os meus erros diante doutros, foi unha das cousas máis difíciles que tiven que facer na miña vida. Pero unha vez dei ese paso, sentinme moito mellor” (Nolan).

     Principio bíblico: “Quen esconde as súas faltas, non prosperará; quen as confesa e corrixe, encontrará piedade” (Proverbios 28:13).

  3.  3. Acepta as consecuencias. Recorda que se lle estiveches escondendo algo ós teus pais ou á congregación, agora é normal que non confíen tanto en ti. Como resultado do teu comportamento, ben pode que os teus pais ou os anciáns da congregación non che deixen facer algunhas cousas por un tempo. Aínda así, acepta as consecuencias e resólvete a comportarte “decentemente en todo” a partir de agora (Hebreos 13:18).

     Principio bíblico: “Escoita o consello e acepta a represión, para que ó remate sexas sabio” (Proverbios 19:20).

  4.  4. Convéncete de que Deus te quere. Xehová quérenos e está moi atento a todo o que facemos. Por iso, se levas unha dobre vida el vaino saber e vaise poñer moi triste. Aínda así, Xehová preocúpase por ti e quere axudarche a facer as cousas ben (1 Pedro 5:7).

     Principio bíblico: “O Señor repasa a terra enteira cos seus ollos para fortalecer ós que lle son leais de corazón” (2 Crónicas 16:9).