PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Saír con alguén | Parte 1. Estou preparado?
Neste artigo imos ver:
Que significa saír con alguén?
Algunhas persoas pensan que saír con alguén é simplemente unha diversión máis. En cambio, neste artigo, estámonos referindo ó tempo que pasa unha parella xunta para ver se son compatibles para o matrimonio. Así que, saír con alguén ten un propósito. Non é só unha maneira de recibir a atención dunha persoa do sexo oposto.
Co tempo, saír con alguén debe levar a tomar unha decisión, ben sexa casar ou terminar coa relación. Cando empezas a saír con alguén, necesitas estar preparado para que pase unha destas cousas.
En resumo: Se pensas que estás preparado para saír con alguén, tamén deberías pensar que estas preparado para casar.
Estás preparado para saír con alguén?
Xa que saír con alguén pode levar ó matrimonio, farías ben en pensar que calidades podes aportar ti á relación. Por exemplo, pensa no seguinte:
A relación cos familiares. Como tratas os teus pais e os teus irmáns, especialmente cando estás estresado? A maneira como o fagas pode indicar como vas tratar o teu cónxuxe.
Principio bíblico: “Liberádevos de todo amargo rencor, furia, ira, gritos e palabras ferintes, e tamén de toda maldade” (Efesios 4:31, TNM).
Pregúntate: “Poden dicir os meus pais e os meus irmáns que os trato con respecto? Canto teño algún desacordo con algún deles, son capaz de falar as cousas con calma ou, pola contra, enfádome e discuto?“.
O espírito de sacrificio. Cando estás casado, necesitas ter en conta as preferencias do teu home ou da túa muller e, a miúdo, poñelas por diante das túas.
Principio bíblico: “Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais” (1 Corintios 10:24).
Pregúntate: “Quero sempre que as cousas se fagan á miña maneira? Pensan outros que son unha persoa razoable? De que maneiras demostro que poño as necesidades doutros por diante das miñas?”.
A humildade: Un bo cónxuxe debería poder admitir os seus erros e pedir desculpas de maneira sincera.
Principio bíblico: “Porque todos cometemos errores moitas veces” (Santiago 3:2, TNM, nota).
Pregúntate: “Admito axiña os meus erros ou ando poñendo escusas? Enfádome ou oféndome cando alguén me dá un consello sobre algo no que debería mellorar?”.
Os cartos. Unha persoa que xestione os cartos con sentidiño evitará unha das principais fontes de problemas no matrimonio.
Principio bíblico: “Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar?” (Lucas 14:28).
Pregúntate: “Podo controlar os cartos que gasto ou teño habitualmente débedas? Como demostro que uso os cartos de maneira responsable?”.
A saúde espiritual. Como testemuña de Xehová deberías ter unha boa rutina de estudo da Biblia e tamén asistir con regularidade ás reunións.
Principio bíblico: “Felices os que recoñecen as súas necesidades espirituais” (Mateo 5:3, TNM).
Pregúntate: “Fago os esforzos necesarios para ter unha fe forte? É a miña rutina espiritual unha prioridade ou deixo que outras cousas interfiran nela?”.
En resumo: A persoa coa que cases merece un bo cónxuxe. Por iso, se traballas duro por ser ese tipo de persoa, é máis probable que lle gustes a alguén que tamén se esforce por facer o mesmo.