Ir ó contido

PREGUNTAS DA XUVENTUDE

Por que meus pais non me deixan divertirme?

Por que meus pais non me deixan divertirme?

 Os teus amigos invitáronte a unha festa este fin de semana. Pregúntaslle ós teus pais se podes ir, pero déixancho moi claro: “Non”. A verdade é que non te sorprende. É a mesma resposta que che deron a última vez.

Neste artigo imos ver:

 Por que sempre me din que non?

 Se parece que os teus pais sempre che din que non, podes pensar que non queren que te divirtas.

 Unha adolescente que se chama Marie sentiuse desta maneira cando tivo o seu primeiro teléfono. Ela conta: “Meu pai púxome un montón de normas sobre as aplicacións que podía descargar, as persoas coas que podía falar e ata que hora podía facelo. En cambio, as miñas amigas facían o que elas querían”.

 Pensa nisto: Cres que o pai de Marie non quería que ela o pasase ben ou é que lle preocupaban outras cousas?

Un límite de velocidade quítache algo de liberdade, pero protéxete de posibles danos. Ocorre o mesmo coas normas dos teus pais.

 Intenta isto: Imaxina que ti es o pai e tes un fillo adolescente que vai ter o seu primeiro teléfono. Que cousas che preocuparían? Que normas porías para protexer o teu fillo? Que lle responderías se che dixese que non queres que se divirta?

 “Meu pai sempre me dicía: ‘Intenta poñerte no meu lugar’. Facer isto axudoume a ver por que me puñan normas e a entender que eran para o meu ben. Se tivese fillos, penso que esperaría deles o mesmo que meu pai espera de min” (Tanya).

 Que fago para que me digan que si?

 Non fagas isto: Enfurruñarte, queixarte ou discutir.

 “Berrar non serve de nada. Tan só conseguirás que tanto ti coma os teus pais acabedes esgotados. Se discutes, os teus pais pensarán que non es maduro e que non estás preparado para ter máis liberdade” (Richard).

 Mellor intenta isto: Non respondas de inmediato. Máis ben, mira o asunto dende o punto de vista dos teus pais. Será que non confían en ti? Ou estarán preocupados polo ambiente no que te vas mover ou polas persoas coas que vas estar? Para entender os motivos polos que pensan así, por que non falas tranquilamente con eles?

 “Normalmente meus pais teñen boas razóns para poñer normas. Eles non intentan impedir que me divirta. Só queren para min a mellor das diversións, unha que non me traia problemas” (Ivy).

 Principio bíblico: “O parvo déixase levar de calquera impulso, mais o sabio reprímeo e acálmao” (Proverbios 29:11).

 Non fagas isto: Desobedecer en segredo ós teus pais.

 “Intentaba saltar as normas que me puxera meu pai para usar o teléfono. Buscaba formas para escribirlles ós meus amigos pola noite ou para descargar aplicacións que meu pai non me deixaba. Ó final cachoume e aínda me puxo máis normas porque xa non podía confiar en min. Saltar as normas nunca é unha boa idea” (Marie).

 Mellor intenta isto: Demóstralles ós teus pais que es de fiar seguindo as súas normas.

 “Ten paciencia. Pode que os teus pais tarden algún tempo en cambiar algunha norma. Pero se ven que es obediente, seguro que che darán máis liberdade” (Melinda).

 Principio bíblico: “Sede ben guiados [ou obedientes] en todo cos vosos pais” (Colosenses 3:20).

 Non fagas isto: Meterlles presión ós teus pais dicíndolles o que poden facer outros rapaces da túa idade.

 “Insistir e insistir non vai facer que as cousas vaian mellor ou que consigas o que queres” (Natalie).

 Mellor intenta isto: Fala do tema cos teus pais. O exercicio “Hablemos de las normas” pode axudarche.

 “Os pais queren ver que tes sentido común. Así que cando falo con meus pais intento usar argumentos lóxicos en lugar de deixarme levar polas emocións. Cando o consigo, teño bos resultados” (Joseph).

 Principio bíblico: “Honra a teu pai e a túa nai” (Efesios 6:2).