Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

A miña vida estaba fóra de control

A miña vida estaba fóra de control
  • Ano de nacemento: 1971

  • País de orixe: Tonga

  • Outros datos: consumía drogas e estivo no cárcere

O MEU PASADO

 A miña familia é de Tonga, un país formado por unhas 170 illas no suroeste do Pacífico. En Tonga a vida era moi sinxela, sen luz eléctrica nin coches. Pero na nosa casa había auga corrente. Tiñamos unhas poucas galiñas e unha granxa onde cultivabamos ñame, malanga, iuca e plátanos. Meus irmáns e mais eu botabámoslle unha man a meu pai durante as vacacións do colexio. Meu pai traballaba vendendo o que cultivabamos e facendo outros pequenos traballos. A nosa familia tiña un gran respecto pola Biblia e iamos regularmente á igrexa, igual que a maioría dos habitantes das illas do Pacífico. Inda así, pensabamos que o único xeito de ter unha boa vida era mudándonos a un país máis rico.

 Cando eu tiña 16 anos, meu tío axudounos a mudarnos a California (Os Estados Unidos). Moito nos custou adaptarnos! Inda que mellorou o noso nivel económico, viviamos nunha zona pobre onde a droga e os crimes violentos eran o noso pan de cada día. A miúdo escoitabamos disparos polas noites, e a maioría dos veciños tiñan medo das bandas criminais. Moitas persoas levaban armas para protexerse ou para solucionar as discusións. Eu inda levo unha bala metida no peito dun tiro que me pegaron nunha liorta.

 Quería encaixar cos outros rapaces no instituto, así que pouco a pouco funme metendo en borracheiras, festas aloucadas, violencia e drogas. Volvinme adicto á cocaína. Para pagar as drogas, comecei a roubar. Inda que a miña familia ía moito á igrexa, nunca recibín unha guía que me axudase a resistir a presión dos demais para facer cousas malas. Arrestáronme moitas veces por cometer actos violentos. Ó final metéronme no cárcere. A miña vida estaba fóra de control.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

 No ano 1997, estando no cárcere, outro preso viume cunha Biblia nas mans. Era a época do Nadal, unha festividade moi importante para a maioría dos tonganos. Preguntoume se sabía o que a Biblia realmente di sobre o nacemento de Cristo, pero eu non tiña nin idea. Ensinoume o relato tan sinxelo que aparece na Biblia sobre o nacemento de Xesús e vin que moitas das tradicións do Nadal nin sequera se mencionaban (Mateo 2:1-12; Lucas 2:5-14). Quedei abraiado e preguntábame que outras cousas diría a Biblia. Aquel home asistía ás reunións semanais que celebraban as testemuñas de Xehová no cárcere, así que decidín ir con el. Naquelas reunións estaban analizando un dos libros da Biblia: a Apocalipse. Inda que entendía moi pouco do que dicían, decateime de que todo o que ensinaban estaba na Biblia.

 Cando as testemuñas de Xehová se ofreceron a estudar a Biblia comigo, aceptei encantado. Por primeira vez na miña vida aprendín que a Biblia promete que a terra será un paraíso (Isaías 35:5-8). Quedoume moi clariño que para agradarlle a Deus tiña que facer cambios moi grandes na viña vida. Decateime de que Xehová non ía permitir ningún dos meus vicios nese paraíso (1 Corintios 6:9, 10). Así que tomei a firme decisión de controlar o meu mal xenio, deixar de fumar e non volver a emborracharme nin drogarme.

 No ano 1999, rematou a miña condena e as autoridades leváronme a un centro de internamento para estranxeiros. Non tiven ningún contacto coas testemuñas de Xehová por máis dun ano. Pero estaba decidido a seguir facendo cambios na miña vida. No ano 2000, o goberno cancelou o meu permiso de residencia nos Estados Unidos, e deportáronme a Tonga.

 Ó volver a Tonga, busquei con afán as testemuñas de Xehová para seguir estudando a Biblia. Encantábame o que aprendía, e quedaba impresionado ó ver que as testemuñas de Xehová das illas tamén baseaban todo o que ensinaban na Biblia, igual cás testemuñas de Xehová dos Estados Unidos.

 Meu pai era unha persoa moi recoñecida na comunidade porque tiña un posto de moita responsabilidade na súa igrexa. Así que ó principio a miña familia estaba confusa e enfadada comigo por xuntarme coas testemuñas de Xehová. Pero co tempo, meus pais alegráronse ó ver que as ensinanzas da Biblia me estaban axudando a deixar os malos hábitos e levar unha vida mellor.

Coma moitos tonganos, botaba horas tódalas semanas bebendo kava

 Unha das cousas que máis me custou cambiar tiña que ver cunha bebida moi común na miña cultura. Moitos tonganos botan horas tódalas semanas bebendo kava, unha bebida con propiedades sedantes extraída das raíces da planta da pementa. Agora que estaba de volta na miña terra, adoitaba ir tódalas noites a un club de kava e beber ata case perder o sentido. Parte do problema era que me xuntaba con persoas que non respectaban as normas da Biblia. Co tempo, caín na conta de que os meus hábitos ofendían a Deus. Así que fixen cambios para poder agradarlle.

 Comecei a asistir a tódalas reunións das testemuñas de Xehová. Xuntarme con xente que se esforzaba por agradarlle a Deus axudoume a loitar contra as tentacións. No ano 2002, bauticeime como testemuñas de Xehová.

OS BENEFICIOS

 A Biblia di que Xehová ten paciencia connosco “porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren” (2 Pedro 3:9). Xehová puido acabar con este sistema tan corrupto no que vivimos hai moito. Pero grazas á súa paciencia, permitiu que pasase tempo abondo para que persoas coma min poidamos chegar a ser amigos Seus. Gústame pensar que quizais agora eu poida axudarlles a outros a facer o mesmo.

 Coa axuda de Xehová puiden recuperar o control da miña vida. Xa non lle roubo a ninguén para pagar adiccións mortíferas. Pola contra, esfórzome por axudarlles ós meus veciños a seren amigos de Xehová. Grazas a xuntarme coas testemuñas de Xehová, coñecín a Tea, unha muller encantadora. Casei con ela e temos un fillo. Xuntos levamos unha vida familiar moi feliz e ensinámoslles a outras persoas o que a Biblia di sobre a esperanza de vivir en paz para sempre nun paraíso.